ATENDE

O servizo de comedores de Ames no aire

By on septiembre 2, 2014

Falta unha semana para o inicio do curso e dos comedores e aínda non se sabe quen nin como se vai prestar o servizo.

As dúas empresas presentadas ao concurso renunciaron a asumir as condicións do contrato.

O descontrol, a improvisación e a falta de información xa é norma no goberno de Ames, pero agora manteñen en vilo a mil familias.

Ames Novo e o grupo socialista trasladaron unha serie de preguntas para coñecer a situación e poder actuar no seu caso.

A semana pasada os representantes do grupo socialista e de Ames Novo preocupábanse por esta cuestión no Pleno, sabendo que a 1ª empresa clasificada no concurso (Coesco) xa renunciara e que a 2ª (A Billarda) estaba analizando as condicións. Naquela altura xa advertimos da gravidade da situación a dúas semanas do comezo do curso, e solicitabamos que houbese prevista algunha solución no case de que a segunda empresa tampouco aceptara, a así o trasladamos a opinión pública o pasado sábado. Hoxe luns, primeiro de setembro, sabemos que ningunha das empresas aceptou as condicións logo de presentarse ao concurso, o cal dá mostra do desgoberno en dous sentidos. Por unha parte, os concursos desertos xa están sendo norma en Ames debido á incapacidade do goberno e, por outra, non se realizan coa previsión necesaria e por tanto cando os concursos quedan desertos non hai marxe de manobra para resolver o problema con garantías.

Nesta ocasión son máis de mil familias as que están en vilo polo servizo de comedores. Todos os grupos coincidimos que educativo e de conciliación de Comedores é un dos servizos municipais máis importantes, e sen embargo o goberno Popular non foi capaz de tramitar co tempo suficiente para que estivese operativo unha vez que remataba a prórroga da anterior empresa. De novo as familias usuarias e a cidadanía en xeral son as principais sufridoras do desgoberno do Partido Popular.

Ante esta situación de extrema gravidade -o curso comeza o día 10 de setembro-, o grupo socialista e de Ames Novo rexistraron conxuntamente na mañá deste luns unha serie de preguntas:

  • Cal vai ser a solución para resolver este problema e que o servizo de comedores comece en prazo?

  • Como vai mudar a prestación e o custo do servizo? Vaise modificar a atención dos usuarios deste servizo educativo e de conciliación?

  • Cales foron os motivos de que as empresas Coesco S.L e A Billarda non aceptasen as condicións do servizo unha vez que concorreron ao concurso.

  • Vaise informar ás familias usuarias desta situación?

Queremos saber como se vai resolver e como vai afectar ás familias usuarias. Non podemos poñer en perigo este servizo tan necesario pola incompetencia dun goberno, que hoxe nas súas declaracións transmitía despreocupación facendo un “brindis ao sol” ao dicir que o servizo está garantido cando non hai nada resolto. En todo caso Ames Novo e o Partido Socialista consideran moi diferente que un servizo clave como comedores se preste coas garantías dun concurso público que con apaños improvisados de última hora, supoñendo ademais un sobrecusto para o Concello.

A incompetencia do goberno Popular é moi cara para o Concello e a cidadanía. É impresentable que o seu desgoberno e irresponsabilidade manteña en vilo a tantas familias de Ames. Os representantes de Ames Novo e do grupo Socialista estarán moi atentos a evolución da situación para procurar que non se pon en perigo o servizo de comedores, nin a súa calidade, e de non ser así actuar en consecuencia.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *