ATENDE

O alcalde culpa aos traballadores municipais da chapuza no concurso de comedores

By on septiembre 8, 2014

Para eludir a súa responsabilidade o alcalde bótalle a culpa ao departamento de contratación do erro que fixo renunciar ás empresas.

O grupo Socialista e Ames Novo pídenlle ao goberno que non meta cizaña dentro da administración municipal e do seu persoal

Esta mañá tivo lugar unha reunión dos representantes municipais na que se abordou o tema do servizo de monitoraxe de comedores. O alcalde continúa confuso á hora de explicar a cuestión, botando balóns fóra e dando explicacións a medias sobre o acontecido. O máis grave foi o feito de eludir as responsabilidades culpando ao persoal municipal. Santiago Amor Ante as preguntas de Ames Novo e o Partido Socialista o alcalde mostrouse confuso e dubitativo e cando se lle preguntou polo  motivo da renuncia das empresas mudou a súa declaración anterior recoñecendo que non existía sentencia xudicial algunha senón un acordo entre os traballadores, sendo dito acordo o que motivou o erro. Os representantes de Ames Novo e PSdG informáronlle ao Alcalde e Concelleiro de educación que dito acordo databa de 4 de xuño, tempo anterior á licitación, cousa que o Alcalde afirmou coñecer e respondendo que “o feito de que non se tivera en conta dito escrito foi unha decisión do departamento de contratación que decidiu non incluír a información”, botando toda a responsabilidade sobre os técnicos correspondentes.

Estas declaracións mostran o nivel de degradación alcanzado polo goberno, por unha parte a covardía de non asumir os erros propios dado que a decisión é da Xunta de goberno constituída exclusivamente por concelleiros do PP,

 e por outra pretende trasladar a culpa ao persoal municipal, malmetendo cizaña para desviar a atención e abrir unha nova crise entre os traballadores e traballadoras do Concello. Despois da confrontación aberta no comezo do mandato 

coa maioría do persoal ao anunciar a bombo e platillo numerosos despidos que nunca chegaron ao seu fin, e logo dunha situación xeneralizada de bloqueo, agora queren reintroducir a crispación dentro do Concello tan só por non dar a cara.

Para chegar a este punto o alcalde tivo que darlle a razón a Ames Novo e o Partido Socialista, informando que o motivo da renuncia das empresas fora o cambio das condicións do prego. As empresas carecían de información básica para establecer o custo do servizo, dado que se lle oculta no prego os convenios colectivos aos que se acollían as/os monitoras/es, e logo de que o Comité de Empresa chegase a un acordo feito público 40 días antes do anuncio do concurso público, tal e como xa denunciaramos no Pleno e ante a opinión pública. O alcalde mentiu cando afirmou no Pleno que o goberno non tiña coñecemento deste acordo antes de sacar o servizo a concurso, agora resulta que si a tiña pero culpa ao departamento de ocultar a información. Non había sentenza, había un acordo; si que coñecían a información un mes antes de iniciar o procedemento; coñecían a información e logo de non incluíla nos pregos acusan a funcionarios municipais. Mentira tras mentira para botar balóns fóra e ocultar a súa incompetencia

No referido ao novo contrato durará ata o fin de decembro de 2014 por un importe de 268.000 €, sendo adxudicado á empresa A Billarda, a única que aceptou as novas condicións, sendo a oferta económica a única que se tivo en conta. O alcalde tampouco soubo explicar en canto se incrementaba o custo a respecto do concurso ao que renunciaran anteriormente ao ser descoñecedor do % incrementado, o cal amosa o pasotismo do Goberno.

En canto ao concurso público que rexerá a partir do comezo de 2015, solicitamos outra volta que se incluíse o diálogo coas ANPAs e o persoal de monitoraxe dos comedores. O grupo Socialista e Ames Novo continuarán velando para que o servizo se preste nunhas condicións de calidade suficiente e sen alterar o prezo.

Segue a sangría de concursos desertos

Non remata aquí a incompetencia do PP de Ames e acabamos de coñecer que tamén quedou deserto o concurso de renting de 22 copiadoras multifunción, novamente por procedemento negociado e con menos prestacións, o que amosa que a incompetencia de quen nos goberna, saíndolle moi cara a toda a veciñanza. O suposto aforro acaba sempre sendo unha ruína para as arcas municipais.

O grupo Socialista e Ames Novo queren denunciar a gravidade das declaracións do alcalde. Ata agora viñamos alertando do desgoberno e de como a súa incapacidade e falta de diálogo eran factores para o bloqueo do Concello, agora a súa covardía conleva o traslado tamén da crispación ao plano interno, acusando a departamentos municipais dos erros que van asinados polo seu goberno. Ames Novo e o Grupo Socialista pídenlle ao goberno que non volva a traer a discordia ao ámbito administrativo, que manteña o conflito no ámbito político pero non intoxique o funcionamento da administración municipal e do seu persoal, o único que mantén funcionando un concello abandonado hai anos polo seu goberno.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *