ATENDE

A inutilidade da Comisión de Desafiuzamentos de Ames

By on septiembre 11, 2014

Logo dos avisos que nos trasladaron sobre o problema dos desafiuzamentos Stop-Desahucios Compostela e Cáritas, Ames Novo fixo unha proposta en novembro de 2012 para que o Concello actuase neste campo e se sumase á iniciativa lexislativa da PAH, e tamén actuar nos casos de aluguer. A nosa sorpresa foi que todos os grupos municipais  se sumaron e constituíuse unha comisión para intervir con implicación dos axentes sociais que actuan neste campo.

Os campos da comisión eran, en teoría, interesantes: mediación entre as persoas afectadas e as entidades financeiras ou os propietarios das vivendas, asesoramento legal na interlocución con bancos e caixas, presión sobre as entidades bancarias, fondo de cargos de aluguer e de vivendas a disposición, sistemas de protección para as familias afectadas. Pensamos que a nosa proposta era boa, viable (estase facendo noutros concellos) e útil para as persoas con este problema, pero… topamos co Partido Popular.

A Comisión comezou a funcionar e, como xa é norma neste Concello, todo o que toca o goberno acaba sendo un simple trámite sen mirar a efectividade social na solución dos problemas. Non é só que non tivesen interese, e que nalgunha actuación a presenza municipal na mediación cun banco parecía que apoiaba máis ao banco que a familia que estaba sendo desafiuzada.

De todas as propostas que se trasladaron para facer operativos os obxectivos iniciais nada fructificou. Simplemente actuaban de xeito reactivo cando se trasladaba un caso, sen ningún espírito, e na maioría das veces mesmo llos trasladaban a stop-desahucios para que actuaran. Un exemplo do abandono é que se organizaron unha charlas sobre o tema, unhas levadas a cabo por Ames Novo e Stop-desahucios que funcionaron moi ben tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, con xente afectada que procuraba apoio e bastante público, e por outra parte dúas charlas organizadas polo Concello, tamén nos dous núcleos, foron suspendidas por falta de público. Como é posible? Porque ao PP non lle importa nada, é un mero trámite para lavar a cara, e facer que fan.

A comisión a día de hoxe é unha inutilidade, para que queremos unha comisión que non lle serve á xente que ten o problema? Ames Novo non vai ser cómplice para lavarlle a cara ao PP, en canto a xente afectada queda abandonada pola administración. É unha vergonza que nun municipio con tanta vivenda haxa tanta xente con este problema e o Concello non faga nada. Non só son incapaces, son insensibles.

Abaixo o texto da moción de Ames Novo presentada en 2012.

 

Moción para que o Concello de Ames actúe de forma

inmediata ante os desafiuzamentos

Os sucesos tráxicos dos suicidios de persoas por seren desaloxadas dos seus fogares están batendo na consciencia da sociedade. Este problema vén afectando a centos de miles de familias desde o 2007, e tratase dun problema terrible tanto pola súa dimensión como pola súa gravidade. En canto a súa dimensión vemos que xa afectou a 350.000 fogares a nivel español, en Galicia máis de 3.000 persoas perderon a súa casa ou negocio nos 6 primeiros meses deste ano, arredor de 17 diarios, e en Ames está afectando de forma moi grave, especialmente no Milladoiro. A súa gravidade apreciámola nas familias enteiras sen recursos que quedan na rúa, non se trata dun simple inmoble suxeito a un contrato hipotecario ou de aluguer, trátase do fogar de familias que quedan na rúa xusto cando están na peor situación e verse empobrecidos por unha crise da que non son responsables.

Esta situación gravísima foi denunciada durante todos os anos de crise pola Plataforma de Afectados/as pola Hipoteca (PAH) que baixo o lema Stop Desahucios estiveron todo este tempo ao lado da xente afectada, procurando deter os desafiuzamentos, cousa que conseguiron en varias ocasións, e chamar a atención da opinión pública e dos responsables políticos para actuar coa contundencia precisa a un drama social inmenso.

No mes de xullo Cáritas do Milladoiro, consciente do drama que se está vivindo en moitas familias presentou unha proposta a todos os grupos para que o Concello actuase neste problema, e xa nos alarmaba sobre a gravidade da situación: 3 desafiuzamentos por semana só no Milladoiro. A iniciativa de Cáritas alentaba á actuar con contundencia de forma cooperativa entre todos/as e na que o Concello debería asumir o seu protagonismo creando un organismo de xestión municipal de vivenda social en aluguer.

Ante a gravidade da situación o Pleno da corporación de Ames propón a adopción dos seguintes acordos:

  • o Concello de Ames establecerá contacto inmediato con Cáritas Milladoiro e coa Plataforma de Afectados/as pola Hipoteca (PAH), así como colectivos de xuristas que traballan neste campo, de cara a buscar vías de colaboración para axudar ás persoas afectadas e para asesorar a actuación municipal.

  • o Concello de Ames constituirá de inmediato unha comisión entre as tres forzas con representación para programar a actuación do Concello, avaliando todas as posibilidades efectivas de protección da xente afectada, incluíndo a creación dun organismo de xestión municipal de vivenda social en aluguer como propoñía Cáritas.

  • o Concello de Ames establecerá unha oficina provisional de atención ás persoas afectadas pola hipoteca ou desafiuzadas polo impago de alugueres en Ames que proporcione:

    • capacidade de mediación entre as persoas afectadas e as entidades financeiras ou os propietarios das vivendas proporcionándolle aos veciños de Ames información e asesoramento legal na interlocución con bancos e caixas;

    • iniciativas de protección das persoas afectadas a través da capacidade de presión sobre as entidades bancarias que se poda exercer en función da dispoñibilidade de contas municipais;

    • fondo de cargos de aluguer e de vivendas a disposición.

    • sistemas de protección para as familias afectadas que busquen saídas provisionais para afrontar a situación.

Ademais o Concello de Ames súmase á iniciativa lexislativa popular promovida pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca e outras organizacións que solicita:

  • Paralización completa dos desafiuzamentos.

  • Dación en pago retroactiva, que salve dunha débeda perpetua ás persoas xa desafiuzadas desde 2007.

  • Aluguer social nas vivendas embargadas polos bancos a cambio dunha renda mensual que non supere o 30% dos ingresos familiares, seguindo as recomendacións de Nacións Unidas sobre o dereito á vivenda.

http://afectadosporlahipoteca.wordpress.com/ilp-iniciativa-legislativa-popular/

E solicita que se comunique a quen corresponda dita decisión.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.