ATENDE

A ROMARÍA DE AMES NOVO: ESCENIFICACIÓN DO EXERCICIO CIDADÁN DA POLÍTICA

By on septiembre 22, 2014

O pasado 19 de Xullo celebramos a I Romaría de Ames Novo. Unha xornada de lecer e convivencia, de diversión en familia pero, tamén, de ocupación do espazo público pola política e de escenificación de como a cidadanía pode ter o protagonismo no seu exercicio democrático.

A noite do venres 18 parecía que as furias da natureza se desataran nun diluvio. As primeiras horas da mañá do 19 continuaba a chover con forza, case con saña. A organización da I Romaría de Ames Novo tiña adoptado medidas que permitisen a celebración dos actos previstos, caso de que chovese. Mesmo así, a cantiadade que auga que estaba a caír facía agoirar que non sería posible o desenvolvemento normal da xornada. Afortunadamente, a media mañá, o temporal de auga comezou a remitir e os malos presaxios quedaron só niso.

Tratábase, por unha parte,  de facer unha presentación en sociedade do proxecto impulsado por Ames Novo de construción dunha candidatura cidadá, aberta e integradora de cara ás eleccións municipais de 2015 e do aval conseguido da maioría das forzas políticas con vocación transformadora e, por outra parte, de propiciar o debate horizontal e amable de cidadáns e cidadás anónimos nun contexto de festa e convivencia. Romaría13

O acto da mañá, de presentación pública do proxecto, presentado polo Coordinador de Ames Novo, Quique Costas, contou coa intervención da voceira de Ames Novo, Pilar Candocia, e de representantes das forzas políticas: Lidia Senra (eurodeputada de AGE en Europa), Antón Sánchez (Deputado no Parlamento Galego de AGE e Secretario de Política municipal de Anova), Xoán Bascuas (Secretario Xeral de Compromiso por Galicia), Ángel Montero (Co-voceiro de Equo-Galicia), Xoán Hermida (Coordinador de Espazo Ecosocialista Galego) e Xabier Ron (Deputado no Parlamento Galego de AGE e membro da Coordinadoira Nacional de Esquerda Unida).

A actividade da mañá pechouse co protagonismo de Sami Ashour (Presidente da Comunidade Galego-Palestina Jenin). En pleno ataque  criminal do exército israelí contra a poboación da Franxa de Gaza, Sami relatounos directamente, desde a emoción e a firmeza, o que estaba a acontecer na súa terra, recibindo a solidariedade unánime dos presentes. Os berros de “Palestina Vencerá” brotaron emocionados de todas as gorxas no peche do acto.

Rapidamente a carpa se viu transformada transformada coa instalación de mesas nun espazo de comida. E, entre viandas traídas da casa, racións despachados polos polbeiros do Carballiño e empanadas da cantina montada pola organización trascurríu o xantar, confraternizando, partillando comida, chanzas e conversa nun clima que xa adquirira un ton claramente de festa.

Romaría30

As asociacións SOS Animalia e Véspera de Nada e a Iniciativa a prol da Renda Básica Universal instalaron os seus estands para difundir os seus materiais e propostas. Os talleres para a xente máis pequena puxéronse en marcha para un público miúdo ávido de facer cousas, os taboleiros de xadrez dispostos polo Clube do milladoiro foron rapidamente abordados por xente de tódalas idades… .E no palco comezou a actuación do veterano gaiteiro amesán Germán V. Soneira que, acompañado por membros de Alvariza, animou a primeira parte da sobremesa mostrando o seu carácter “farrista” nunha memorable foliada. No exterior da carpa, aproveitando a melloría dol tempo, uns xogaban á chave, outros a diversos xogos populares.

 

Romaría33Aos sons da música tradicional seguille no placo Fran Rei (de Os Sete Magníficos máis Un) que nos trouxo fragmentos do seu espectáculo, provocando as gargalladas de grandes e pequen@s coas súas bromas e trucos de maxia, contribuindo a manter o ambiente festivo e participativo que na altura estaba máis que instalado entre a concurrencia.

Chegou así o inicio do coloquio político, coordinado polo noso compañeiro Xaime Subiela, previsto para a tarde: Sentados nun corro de bancos Martiño Noriega (Anova), Xoán Bascuas (Compromiso x Galicia), Bernardo Cuétara (Espazo Ecosocialista Galego),  Ángel Montero (Equo), Xabier Ron (Esquerda Unida), e Daniel Fernández (Equipo de traballo da Asemblea Cidadá de Podemos) xunto con decenas de cidadás e cidadáns conversaron nun plano de horizontalidade sobre alternativas e necesidades da transformación política e da construción

Romaría61px

do poder da cidadanía. Mentres outros participantes continuaban as súas partidas de xadrez e a rapazada participaba nos talleres e xogos, todas e todos queles que quixeron puidero expor os seus puntos de vista, interpelar aos representantes políticos ou manifestar as súas dúbidas e disconformidades. A imaxe da política como un exercicio amable, participativo, aberto, plural e ocupando o espazo público materializouse en todo o seu esplendor.

O remate da xornada foi todo un luxo artístico: Uxía e o noso conveciño Fran Pérez “Narf” trouxéronnos as súas “Baladas da Galicia Imaxinaria”. Un fermosísimo espectáculo no que os dous artistas fixeron un repaso por temas do seu repertorio, con textos propios, de José Caveirinha, de Rosalía, de Manuel María… Narf deixounos unha frase que ben podía resumir o que foi a xornada: “Esta tarde vimos a cidadanía exercer e debater como se facía na polis grega”.Romaría75

O aplauso entregado do público aos dous artistas e un “Así entendida, viva a política!” puxeron fin a unha xornada na que o contexto foi, en grande medida, a mensaxe, na que puidemos visibilizar que outra forma de facer e entender a política e a participación é posible.

 

About Admin

One Comment

  1. Pingback: Coorganizador da I Romaría de Ames Novo | Xaime Subiela

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *