ATENDE

A dignidade da cidadanía de Ames e o ridículo dalgúns políticos

By on octubre 31, 2014

Ames (30.10.2014) PxA quitou a careta e avala a decisión inxusta sobre o cobro retroactivo do lixo no rural. Ames Novo está moi orgulloso da súa participación na Plataforma do lixo e dos logros desta mobilización, pero sobre todo estamos orgullosos/as da madurez e participación da cidadanía de Ames.

Este mércores 29 de outubro nunha roda de prensa Pacto por Ames quitou a careta. O partido do Sr. Argibay xa confirmou que son o mesmo que o PP e avalaron en todo momento a posición inxusta de cobrar retroactivamente aplicando unha taxa que duplica a actual. A Plataforma do lixo encabezou a mobilización máis importante da historia de Ames e conseguiu dous logros de gran importancia: primeiro, que os veciños do rural paguen conforme ao que lle corresponde, por 3 días de recollida e non por 6, e conseguir o pago fraccionado en 12 mensualidades; segundo, ganarse o respecto e a dignidade, o rural plantoulle cara a Amor e Argibay polo seu desprezo e a súa burla, a dereita pensou que os veciños prexudicados agacharían a orella e non o fixeron.

O Sr. Argibay, como o PP, vai pola vella e non comprende a madurez da sociedade de Ames. Os logros do rural foron froito da loita, dunha cidadanía viva que non se deixa asoballar. A Plataforma do lixo estaba constituída por todas as asociacións de veciños do rural, e nela tamén participabamos as forzas políticas da oposición. Todas as decisións foron adoptadas de forma democrática e autónoma.A decisión de denunciar esta inxustiza ante os tribunais tamén foi adoptada por toda a Plataforma e cada denunciante presentou a súa denuncia consciente de que se podía gañar ou perder. Afirmar que as asociacións, o conxunto do movemento e os centos de participantes estiveron manipulados é un insulto a estas persoas, un desprezo á dignidade destes veciños do rural de Ames. Pero ademais é non comprender nada do que está acontecendo na sociedade amesá, galega e española: a xente está reaccionando e actuando sen esperar polos políticos de sempre e polos seus partidos. Xa non é que non se deixen manipular, é que a cidadanía é a protagonista principal do novo tempo político, do que a Plataforma do lixo foi un exemplo.

Por outra parte, este conflito puxo de manifesto a maneira de facer política de cada quen, o PP de Argibay e Amor creou un problema que non existía, foi insensible ante a inxustiza, dándolle as costas á xente, escondéndose detrás das leis para non adoptar decisións políticas que podían ser favorables aos veciños, mesmo se estas tamén eran legais. Ames Novo fixo o que non fixo a dereita:formular alternativas de solución viables e xustas, dialogar e, sobre todo, estar ao lado dos veciños favorecendo a súa participación nos asuntos públicos. A portavoz de Ames Novo, Pilar Candocia, afirmou “estou moi orgullosa da nosa actuación na Plataforma do lixo, non só polos seus logros e por demostrar que se pode facer política doutra forma, na que as institucións poderían actuar a favor da xente e non na súa contra; pero sobre todo estou orgullosa da cidadanía de Ames, viva e participativa, que reclama o seu protagonismo no goberno municipal, é o momento da xente e Ames Novo ten que ser o instrumento para que sexa o pobo quen máis ordene”.

As sentenzas do lixo comezaron a saír en abril, na súa maior parte contrarias aos propósitos da Plataforma, aínda que recollendo críticas ao goberno de Ames, pero o certo é que aínda neste mes están chegando centos de cartas ás casas por primeira vez reclamando o pago. É dicir o proceso aínda non rematou. Isto pon de manifesto unha nova inxustiza: veciños de porta con porta tiveron que pagar 140€ máis (aos que lles chegou en 2012 coa débeda desde 2009) mentres que outros aos que lles chega agora non pagan nin 2009 nin 2010. Escúdase o ex-tenente de Alcalde do goberno Amor en que a aplicación retroactiva da taxa é legal. Ao parecer para el todo o que é legal é xusto, ese é o seu concepto da defensa dos intereses da cidadanía. A sentenza do lixo determina que unha decisión inxusta pode estar axustada a dereito, pero tamén indica que dentro da legalidade cabería unha decisión xusta.

Cando o Sr. Argibay estaba no goberno do PP en vez de gobernar xa facía oposición da oposición, pero agora pedir a dimisión de concelleiras/os que non están gobernando xa é o colmo do ridículo. En todo caso, que PxA non conte con nós para seguirlle o xogo, non pensamos enredar o máis mínimo en confrontar neste estilo da política máis rancia e irrelevante para a veciñanza; Ames Novo estará onde estivo sempre, coa xente e construíndo unha alternativa da cidadanía de Ames.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *