ATENDE

As Mareas cidadás cooperan en código aberto

By on noviembre 10, 2014

EncontroMareas Ames

(10.11.2014) Este domingo día 9 de novembro Encontro das Mareas organizado por Ames Novo permitiu avanzar nos debates relevantes para plantar cara á vella política. Moitas incertezas e retos son comúns a todas as Mareas, polo que os debates estiveron orientados ao intercambio de experiencias e ideas para construír auténticas alternativas desde abaixo, situando a xente como protagonista do proceso. O encontro desenvolveuse como un proceso de cooperación en código aberto, como toda a dinámica de colaboración entre Mareas, é dicir un lugar onde se comparte e se constrúe en común, pero onde cada iniciativa aproveita e utiliza en función da súa situación e do que deciden as súas e os seus participantes.

O encontro desenvolveuse a través de catro grupos de traballo sobre cuestións clave para o momento actual das Mareas.

Por unha parte o debate sobre as primarias abertas e como garantir un proceso limpo con alta participación, así como a centralidade de que as candidatas/os asuman un código ético garantindo a transparencia, a honestidade, a rendición de contas e que as/os representantes se deben á cidadanía, podendo ser revogadas/os en caso de non cumprilo.

O programa de goberno participativo mostra unha nova forma de facer política, o proxecto de municipio que desexamos ten que ser froito das achegas e o diálogo cidadá. As Mareas entenden que a democracia e a participación non se reducen a unha promesa para despois das eleccións, a democracia é tamén unha práctica que dá sentido ás nosas iniciativas, a forma de elaborar o programa demostra esa nova cultura política.

Insistiuse en que a comunicación debe ser tan diversa e complexa como a sociedade mesma, reflectindo o carácter inclusivo do movemento. E que debe reforzarse a bidireccionalidade, co propósito de que as ferramentas sirvan para comunicar e chegar á xente na súa diversidade, pero tamén para a escoita activa e a participación da cidadanía.

No referente ao discurso insistiuse en recuperar o sentido da democracia como o goberno do pobo, onde a cidadanía recobra o seu protagonismo. Fronte a corrupción xeneralizada e claudicación da “vella” política para resolver os problemas reais, recuperar a dignidade do público e do común e a súa capacidade para actuar en beneficio das maiorías.

No encontro encontro participaron as diferentes iniciativas municipalistas activas en Galicia, Marea Atlántica, Ourense en Común, Marea de Vigo, Marea de Pontevedra, Marea Ártabra, Compostela Aberta, ademais de Ames Novo e outras iniciativas de vilas como Cambre, Ribadeo ou Abegondo, e a título de observador Somos Maioría. O #EncontroMareas, coordinado nesta ocasión por Ames Novo, dá continuidade á Marea Municipalista organizada pola Marea Atlántica en outubro, e xa decidiu un próximo encontro en Vigo organizado pola Marea de Vigo.

AN07_Primarias AN12_Programa participativo AN16_Comunicacion AN18_Discurso

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.