ATENDE

En marcha a alternativa cidadá para gañar Ames

By on noviembre 17, 2014

Convocan unha asemblea cidadá para activar un gran movemento para gañar Ames

250 persoas subscriben o manifesto antes de facelo público, máis do 1% do censo de Ames, tamén avalado por forzas políticas clave.

Ames (15.10.2014). Na mañá deste sábado tivo lugar o lanzamento da proposta de Ames Novo para conformar unha candidatura cidadá e de confluencia capaz de gañar Ames para a xente. O lugar elixido foi a propia Casa do Concello, simbolizando que en democracia esa debe ser a casa do pobo e queremos enchela de vitalidade cidadá. O acto acolleu a lectura do manifesto titulado “Non somos parv@s, queremos decidir!” subscrito por máis de 240 persoas representativas da pluralidade de Ames, e que supón a convocatoria dunha asemblea cidadán para impulsar esta iniciativa na que calquera veciño/a poida participar directamente coas súas ideas, traballo ou como candidato/a a concelleiro/a. A asemblea foi convocada de xeito aberto para o martes 2 de decembro ás 20:30h no Pazo da Peregrina.

A proposta parte de catro condicións básicas pensadas para que o proceso sexa autenticamente cidadán, no que a confluencia e a implicación das forzas políticas non desdebuxe o protagonismo da xente de Ames. 1ª condición: primarias abertas a toda a cidadanía garantindo ampla participación e limpeza no proceso. 2ª: todos os cargos públicos desta candidatura deben asumir un código ético vinculante, de xeito que poidan ser revogados se non cumpren cos requisitos básicos de honestidade, democratización das institucións e rendición de contas ante a cidadanía. 3ª: un programa participativo no que idear un proxecto de municipio contando coa sociedade civil, asociacións, tecido comunitario e toda a xente que queira achegar propostas para un futuro en común. 4ª a acción municipal estará orientada ao benestar das maiorías, ao desenvolvemento efectivo dos dereitos humanos e a vida digna de todas as persoas, e na defensa do público e do ben común.

Pilar Candocia, portavoz de Ames Novo, explicaba: “os tempos están cambiando e precisamos novos instrumentos que vaian máis alá das rixideces e o control dos partidos tradicionais. Queremos un concello aberto e profundamente democrático e por iso Ames Novo formula esta iniciativa da cidadanía e para a cidadanía. Nós non vimos con promesas baleiras, sabemos que a credibilidade está no exemplo e na coherencia; nós practicamos agora o mesmo que desexamos para a institución municipal, e o mesmo que fixemos ata hoxe“.

FotoIniciativaCidada2Paradas, limpadoras, comerciantes, catedráticas de universidade, médicos, investigadoras, panadeiras, músicos, orientadoras laborais, xubilados, electricistas, bibliotecarios, técnicos deportivos ou de servizos sociais, economistas, vixiantes de seguridade, peóns de construción, consultores TIC, bombeiros, actrices… As persoas que subscriben o manifesto mostran a pluralidade da sociedade amesá: xente de todas as parroquias do rural, das urbanizacións, de Bertamiráns e do Milladoiro; xente de diferentes idades e condición social, e tamén pluralidade ideolóxica, e algo que nos enche de orgullo máis da metade das asinantes son mulleres Unha diversidade unida por un nexo común, trátase de cidadáns e cidadás que queren ser protagonistas do futuro de Ames, recuperar o verdadeiro sentido da democracia. A dignidade sempre estivo presente en Ames esixindo unha política decente.

Hai asinantes que participaron nas loitas que plantaron cara ao actual goberno: no rural, nos colexios e comedores, na cultura e no deporte, nas políticas sociais, etc. O manifesto está subscrito por persoas recoñecidas das asociacións de veciños de Ames, asociacións culturais, deportivas, ANPA e por rostros recoñecibles do mundo da cultura. As mulleres e homes que forman a sociedade civil de Ames e que converten esta proposta nunha iniciativa autenticamente cidadá.

Tamén nos avalan os representantes a nivel galego das forzas políticas: Xoán Carlos Bascuas, Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Luís Gonçales Blasco, membro de Cerna, Xoán Hermida, Coordinador Nacional de Espazo Ecosocialista Galego, Angel Montero, Voceiro de Equo Galicia, Martiño Noriega, Voceiro Nacional de Anova, Xabier Ron, Deputado de AGE, Lidia Senra, eurodeputada, Raimundo Viejo, Promotor de Guanyem Barcelona.

Pilar Candocia, mostrando grande forza e ilusión, dicía “sentimos o apoio de moita xente e moi plural, sabemos que podemos gañar Ames, o noso compromiso é facer o posible para conseguilo, non só vencer ao PP e á dereita, senón gañar o concello para a cidadanía de Ames.” E continuou “Ames Novo ten unha traxectoria recoñecida facendo política coa xente, a democracia de todos os días, estivemos do lado da xente, apoiando as demandas de xustiza e presentando alternativas viables, e traballamos, sen cobrar, máis ca o goberno. Agora trátase de deixar atrás a política rancia, que mira polas empresas amigas en vez de facelo polas veciñas e veciños, rematar de vez con este goberno regresivo, sen ideas e incapaz. Ese tempo xa pasou agora trátase de pasar páxina, é o momento de abrir unha nova etapa de ilusión, alcanzar un goberno no que sexa o pobo quen máis ordena, baixo unhas ideas claras: transparencia e honestidade, participación cidadá, igualdade e defensa do público, dinamismo económico, social e consciencia co medio ambiente, innovación e administración aberta. Un goberno centrado nas persoas, que faga da cidadanía de Ames a protagonista principal do seu futuro.”

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.