ATENDE

Ames Novo solicita a apertura dun expediente á concesionaria por cortar o subministro de auga a unha veciña

By on noviembre 19, 2014

Ames Novo xa solicitara a resolución do problema da veciña do Milladoiro, non só no referente ao subministro da auga senón ao desafiuzamento e a súa situación de exclusión

Solicitamos que o alcalde abra un expediente á empresa concesionaria no caso de que actuase contra o Regulamento, o que se deduce das palabras da concelleira

Instamos ao establecemento dun protocolo que afecte á totalidade dos servizos municipais para evitar que o propio concello agrave as situacións de vulnerabilidade co cobro dos servizos municipais, e protexa á veciñanza en situación de emerxencia social.

O día 14 de novembro tivemos coñecemento por medio de Stop-Desafiuzamentos Compostela do corte do subministro da auga a unha veciña do Milladoiro. Ese mesmo día, Pilar Candocia, portavoz de Ames Novo, xunto ao portavoz do grupo socialista, José Miñones, rexistraron un escrito dirixido ao alcalde solicitando medidas urxentes para solventar a situación, e que se nos dese traslado das actuacións feitas ao respecto deste desafiuzamento que xa fora incluído pola propia Candocia como rogo no anterior Pleno.

Posteriormente soubemos por Stop-Desafiuzamentos e pola prensa que o subministro da auga fora restablecido logo que que a empresa concesionaria concedese unha prórroga no pago. Ao fío desta alarmante situación tivemos coñecemento de que a concelleira dixo ignorar quen era o responsable de dito corte, e que ela non dera ningunha orde nese sentido.

Queremos indicarlle ao alcalde que, de seren certas, as manifestacións da concelleira a empresa concesionaria está incumprindo gravemente do vixente Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames, no que se detallaba -a proposta de Ames Novo e aceptada por todos os grupos- o procedemento de suspensión do subministro. O artigo 19 de dito regulamento indica claramente que a suspensión do subministro, queda autorizada “unha vez comunicada ao concello de Ames“, que dito corte debe seguir “os trámites legais previstos para o seu efecto e comunicarllo ao abonado por correo certificado“.

Ante esta situación Ames Novo rexistrou un escrito solicitando:

  • Que o alcalde tome en consideración esta situación e proceda a abrir un expediente á empresa concesionaria, Espina & Delfín, por estar actuando de forma contraria ao regulamento municipal que norma as relacións do concello -e a empresa- coas persoas usuarias do servizo.

  • Que o Concello adopte un protocolo para a actuación en casos de especial vulnerabilidade ou emerxencia social que protexa aos veciños e veciñas de actuacións contrarias aos dereitos humanos básicos por parte de todos os servizos municipais.

Reproducimos os artigos do Regulamento relevantes a estes efectos:


Artigo 19.- PROCEDEMENTO DE SUSPENSIÓN DE SUBMINISTRO DE AUGA POTABLE

19.1.- Considerarase que queda autorizada a suspensión do subministro, unha vez comunicada ao concello de Ames, se non se recibe orde en contra no termo de doce días hábiles, contados a partir da data en que tivo lugar a comunicación.

Con excepción dos casos de corte inmediato previstos neste Regulamento, a Prestadora do Servizo deberá seguir os trámites legais previstos para o seu efecto e comunicarllo ao Abonado por correo certificado, ou calquera outro medio que garanta a recepción do aviso por parte deste.

19.2.- A suspensión do subministro de auga, agás nos supostos de corte inmediato, non poderán desenvolverse en días festivos ou días en que, por calquera motivo, non exista servizo administrativo e técnico de atención ao público, para os efectos da tramitación completa do restablecemento do servizo, nin en vésperas de días en que se dean algunhas destas circunstancias.

Artigo 129.- OBRIGATORIEDADE DO SEU CUMPRIMENTO

Os abonados e a prestadora do servizo quedan obrigados a cumprir todas as cláusulas e condicións do presente regulamento.

Artigo 131.- INTERPRETACIÓN DO REGULAMENTO

As dúbidas ás que poida dar lugar a aplicación do presente regulamento serán interpretadas polo Concello en primeira instancia, e, se é o caso, polos organismos competentes con plena potestade para tal fin. No suposto de interpretación por parte do Concello, esta facultade corresponderalle á Alcaldía, previo ditame da comisión informativa correspondente por razón da materia

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *