ATENDE

A última inauguración de Amor

By on marzo 31, 2015

Ames (31.03.2015). Santiago Amor pecha o seu goberno asinando un convenio para tapar as goteiras que non foi quen de arranxar durante todo o mandato. A principal demanda do Milladoiro e promesa electoral do PP, o novo Centro de Saúde, foi abandonada por este goberno, dada a irrelevancia e incapacidade do goberno de Amor.
Este luns a conselleira Rocío Mosquera e o alcalde Santiago Amor asinaron un convenio de colaboración para reparacións no Centro de saúde do Milladoiro, pagando a medias esta reforma. Este acto está feito o último día no que a lei lle permite facer propaganda con cartos públicos antes das eleccións, un auténtico símbolo do acontecido durante estes anos, e mostra o ridículo ao que é capaz de chegar o alcalde.
A degradación do Centro de saúde do Milladoiro foi unha constante desde hai anos, sábeo todo o mundo e foi denunciado en todo momento polos profesionais e responsables do centro, así como por Ames Novo. No inicio do ano pasado chegou ao extremo de ter que pechar unha das escasas salas do centro pola súa situación insalubre froito das goteiras, o verdín, ventás medio desprendidas e outros despropósitos como denunciamos no seu momento.
Este centro pensado en 1992 para atender 3.000 habitantes atende hoxe 12.500 cartillas. Hai máis de quince anos que se sabe que este Centro non podería dar un servizo en condicións aceptables a unha poboación crecente. O novo Centro tivo asignada unha parcela en 2008 pero a xudicialización destes terreos fixo que ningún dos gobernos ata agora fose quen de resolver o problema. No comezo deste mandato as concelleiras Pilar Candocia e Susana Mayo mantiveron unha reunión co xerente de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago para trasladarlle a inquietude pola parálise do Centro de saúde, e o responsable comunicoulle que existía partida orzamentaria para o novo Centro e que estaban agardando a cesión da parcela. Demostrouse que existen alternativas de terreo, pero atopámonos en 2014 cunha partida ridícula no orzamento da Xunta para este centro que aínda por riba desapareceu dos orzamentos en 2015. Esta é a progresión do compromiso do Partido Popular co Milladoiro, 2013: 2.776.085,29€; 2014: 19.937,97€; e 2015: 0€. Alternativa Galega de Esquerdas xunto a Ames Novo incluíu unha emenda no Parlamento Galego en 2014 e 2015 de 2.800.000€ para o inicio da obras que foi rexeitada polo PP.
En xuño de 2014 debateuse de novo a iniciativa de AGE e Ames Novo unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego para instar á Xunta de Galicia para:
1.- Licitar e levar a cabo as obras de reparación do Centro de Saúde do Milladoiro, en Ames, antes de finalizar o período estival.
2.- Proxectar o novo centro de saúde de Milladoiro e iniciar a súa construción antes de finalizar o ano 2014.
Como resultado do debate decidiron votar de forma separada cada un dos puntos de maneira que saíu aprobado por unanimidade o 1º punto referido ás obras de reparación do centro, e rexeitado polo voto en contra do PP o 2º en referencia ao inicio do novo centro. Un ano despois de rexistrada a nosa Proposición a obra continua sen facer, e agora asinan un convenio.
Todo un símbolo da actuación do goberno do PP de Amor. Acaban o mandato sen resolver un dos problemas principais do Milladoiro. O novo Centro quedou sen orzamento da Xunta en 2015 logo de que houbera un compromiso presupostario en anos anteriores. E o último día que permite a lei anuncian unha obra de 45.334 para tapar as goteiras que existiron durante todo o seu goberno.
Amor demostrou a súa incapacidade e falta de ideas durante estes anos, agora tamén parece que lle faltasen asesores e chega a facer o ridículo neste último acto de propaganda. Asóciase á Conselleira peor considerada para mostrar a súa impotencia. Amor non é ninguén no Partido Popular e permite que a Xunta desprece a principal infraestrutura sanitaria de Ames. A gran promesa de xestión do PP no Milladoiro acaba así: pasou de ter unha asignación de 2.776.085,29€ a desaparecer do orzamento. Non actúa como alcalde de Ames, non dá a cara pola súa xente, fai de delegado do PP en Ames.
Logo de que o centro actual estivese funcionando nunha situación penosa durante estes anos anuncia as reparacións, catro anos para unha obra con un custe de 22.667€ para cada administración. Como nin sequera ten obras para inaugurar, anuncia unha reparación. Se non fose tan serio parecería de risa, abandonan a gran demanda do Milladoiro, e promesa electoral do PP, para anunciar no último minuto unha obra menor.
Ames Novo estivo en contacto cos profesionais e coa cidadanía, e facendo as xestións que lle correspondían no Parlamento galego, o que non podemos é gobernar. O PP nin fixo, nin deixou facer. Agora xa non colan as súas promesas, ninguén cre as súas mentiras.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *