ATENDE

100 DÍAS QUE NON TROUXERON A AMES A ILUSIÓN E O CAMBIO DEMANDADOS POLA MAIORÍA SOCIAL

By on septiembre 21, 2015

O tempo corre e xa van alá os 100 primeiros días do Goberno de Ames. Desde Ames Novo queremos sinalar que o actual goberno local ofrece certa estabilidade institucional en comparación coa situación de desgoberno e abandono vivida durante o anterior mandato co Partido Popular á fronte.

Na actualidade, Ames ten un goberno socialista con apoio do BNG e de Contigo Pódese que nestes primeiros meses revélase como un goberno estándar nas formas de facer política, de acordo á lóxica dos partidos tradicionais. Así pois, entendemos que este non é un goberno do cambio e non apreciamos o que poden ter de novo as achegas de BNG e Contigo Pódese. A asimetría e outra das características dun goberno onde o groso recae nas áreas dirixidas polos socialistas mentres o BNG recolle o premio de consolación e as concellarías de Contigo Pódese son practicamente irrelevantes.

No inicio do mandato, botamos en falta a participación e o xiro social ansiados pola cidadanía logo dos resultados electorais do 24 de Maio. Contrariamente, a percepción é de escasa comunicación e non participación bidireccional cos veciños e veciñas. Aspectos que quedaron xa de manifesto, como tics da vella política, en temas como a actualización do Inventario de Bens e Dereitos ou os pasos dados en relación á aplicación da Ordenanza de Ocupación da Vía Pública. Para Ames Novo estas actuacións marcan un estilo de goberno, no que se deixa a un lado a importancia que deben ter os cidadáns na elaboración da acción pública; optando por unha concepción antiga de participación onde primeiro se fai e logo se dialoga en base á reacción (xestión da queixa).

José Miñones foi investido Alcalde logo de asinar un pacto cos grupos que hoxe conforman o goberno e Iniciativa Cidadá Ames Novo, no que se recollen 21 medidas urxentes para o inicio do mandato (así o recolle textualmente o documento). En relación ás cuestións alí nomeadas, consideramos que é precisamente de urxencia o apoio e axuda ás persoas afectadas pola crise ou que se atopan en risco ou exclusión social, un xiro no social que non observamos nestes primeiros 100 días. Do mesmo modo, no se iniciou ningunha acción en cuestións tan relevantes como a apertura do cemiterio dos Batáns e mesmo, e aínda máis urxente, non sabemos a día de hoxe de que xeito se vai a xestionar o servizo municipal de auga en Ames a partir do mes de outubro, data na que remata a concesión actual.

En resumo, no balance das accións do goberno nestes primeiros 100 días son máis as incertidumes, as inconcrecións e a propaganda que as accións reais de cambio que supostamente este goberno ía por en marcha. Un alcalde que non quixo ter un goberno de maioría absoluta, debería traballar máis por acadar consensos con todas as forzas políticas. Finalmente e noutra orde de cousas, apuntar o noso pesar coa decisión de incrementar os custos do goberno, unha tendencia contraria a toda a onda de cambio do municipalismo en Galicia e en España que non ten xustificación na necesidade, senón que ten como único obxectivo contentar aos tres partidos que forman o goberno. Todos estes feitos deixan claro que non se aposta por un cambio de política e explican por qué o partido socialista non quixo a Ames Novo no goberno, en contra do mandato da cidadanía.

About Admin

2 Comments

  1. bunkermann

    enero 18, 2016 at 8:02 pm

    ¿ E ainda non hay ningún comentario en tóda a web ?
    ¿ E os que estaban porqué se borraron ?

    • Admin

      enero 20, 2016 at 11:17 am

      Bo día. Houbo un problema coa actualización dun plugin de WordPress que fai de filtro de spam. Xa temos resolto o problema. Estamos traballando para recuperar oscomentario antigos, pero nós non borramos nada, só se borrarían os comentarios ofensivos ou insultantes pero ese caso nunca se dera. Ames Novo nin censura nin censurará xamais ningún comentario nesta web, que pretende ser unha ágora pública de intercambio de opinións e propostas. Pedimos desculpas polo ocurrido.

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *