ATENDE

IMPULSA AMES. Ames Novo apoia a solicitude de fondos FEDER para o desenvolvemento do concello pero denuncia a falta de ambición e as carencias do proxecto.

By on enero 18, 2016

O pasado martes 12 de xaneiro foi aprobado por unanimidade no pleno correspondente ao mes de decembro o Plan Impulsa Ames. Un documento propositivo co que o concello de Ames concorre á convocatoria de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, coa fin de obter fondos europeos (FEDER) que permitan xerar unha estratexia de crecemento para Ames, segundo as palabras do goberno na páxina web municipal.

Ames Novo votou favorablemente no pleno a solicitude de fondos europeos para o concello de Ames e participou, a petición do goberno local, a través das canles establecidas dende o consistorio, achegando propostas para a elaboración deste plan estratéxico. Achegas que se concretaron nun documento presentado por rexistro que incorporaba 52 propostas de accións relacionadas cos obxectivos do plan, das cales só unha foi recollida. Se ben pensamos que as estratexias e actuacións que contén o documento Impulsa Ames son importantes para o concello , consideramos que o documento final que se presentou para a súa aprobación carece do carácter innovador e da ambición que é esixible nunha “estratexia” de desenvolvemento sostible.

Aínda que o tempo para elaborar o plan non foi o desexable, argumento no que se escuda o goberno, Ames Novo opina que máis aló das limitacións temporais o que houbo foi falta de sentido estratéxico para construír o proxecto compartido de cidade que Ames precisa. E non é presuntuoso considerar que o labor do Alcalde e do goberno debería ter ido máis aló da delegación do proxecto nunha empresa consultora. A súa obriga debería ter sido marcar as liñas de dirección política do proxecto, o non facelo ten como resultado un plan que non acaba de cohesionar as propostas e que para nós ten eivas a lo menos en dous niveis fundamentais:

En primeiro lugar observamos no documento un sumatorio sen coherencia entre o diagnóstico e as liñas de acción. Así pois, para exemplificar, se ben un dos obxectivos estratéxicos é a redución das emisións de CO2 este encontra unha correspondencia moi pobre nas liñas de acción plantexadas, xa que non aborda nin cuantifica que obxectivos propón o concello de Ames para a redución das mesmas.

En segundo lugar, pero non menos importante, Impulsa Ames non está pensado en clave metropolitana. Desde Ames Novo non entendemos como se pode levar adiante unha estratexia de costas á cidade de Compostela cando na propia diagnose do documento se indica a alta dependencia do concello de Ames respecto do de Santiago.

A Convocatoria da UE fai fincapé entre os seus obxectivos estratéxicos principais na inclusión social e a loita contra a pobreza. Este último,un tema que consideramos fundamental non ten ningunha acción específica no plan estratéxico presentado (seica en Ames non hai pobreza para este goberno) mentres as accións de inclusión social liquídanse coa mera incorporación de accións formativas para a poboación nova. Desde Ames Novo estamos moi sorprendidos de que un goberno que se di de esquerdas non aborde, cando ten a oportunidade, a execución dun programa moito máis ambicioso e orientado especificamente ás persoas en risco de exclusión social que non só é a xente desempregada.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.