ATENDE

Ames novo apoia a renegociación da débeda pero lembra os compromisos sociais pendentes

By on enero 20, 2016

Hoxe fíxose pública por parte do Concello de Ames a nova de que a renegociación da débeda municipal cos bancos pode suponer un aforro en pagamento de xuros de 101.000 euros anuais, como resultado dunhas negociacións que se anunciaron por parte da concellaría de Facenda no pasado mes de setembro.
Dende Ames Novo congratulámonos de que se poidan acadar aforros significativos na xestión financeira do Concello. Nestes tempos nos que os recursos a disposición dos Concellos son moi escasos, calquera aforro é sempre unha boa nova.
Dito isto, queremos facer algunhas apreciacións:

a) Confiamos en que este aforro sexa reflectido co correspondente incremento nas partidas do eido social nos orzamentos que o goberno municipal está a elaborar, e dos que non hai a día de hoxe nin un anteproxecto o borrador que poidamos valorar. Lembramos o compromiso expresado no Pleno pola concelleira de Facenda de que a redución de ingresos fruto da baixada do IBI (cifrada en 600.000 euros anuais) sexa compensada íntegramente con aforros e non supoña unha redución da capacidade de investimento do Concello de Ames nos vindeiros orzamentos.

b) Dado que o acordo aínda non está pechado, confiamos en que os partidos do goberno cumpran co seu compromiso electoral de negociar cos bancos e a Sareb a cesión das vivendas baleiras para por en marcha unha bolsa de aluguer social, tema absolutamente prioritario do que nada sabemos polo de agora.

c) Lembramos ao goberno o seu compromiso, expresado tamén pola concelleira de Facenda no Pleno, de explorar a posibilidade de que polo menos parte dos cartos do Concello se movan en entidades bancarias éticas, tema do que non se fixo mención dende aquela.

d) Pedimos que se negocie cos bancos a eliminación dos importes que cobran aos veciños que pagan os recibos e taxas municipais directamente sen telos domiciliados, importes que poden ascender en algunhas entidades ata 3,50 euros por pagamento, o que entendemos que é intolerable. O Concello de Ames debe tomar cartas no asunto xa e denunciar os convenios asinados con entidades bancarias que non queiran cesar nestas prácticas abusivas.
e) Do mesmo xeito, o Concello debería absterse de ter calquera relación con entidades bancarias que non se comprometan a non executar desafiuzamentos de familias ou persoas que non teñan unha alternativa habitacional.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *