ATENDE

Orzamentos: non máis escusas nin boas palabras, esiximos feitos xa

By on abril 5, 2016

O vindeiro mes de xuño cúmprese un ano do nomeamento de José Miñones como alcalde de Ames e mentres a maioría das corporacións xurdidas dos comicios de maio de 2015 aprobaron xa os orzamentos para 2016, en algúns municipios o acordo chegaba logo de meses de traballo e negociación coas forzas políticas da oposición como en A Coruña e Compostela, desgraciadamente en Ames, entrado o mes de abril, non temos nin un primeiro borrador de orzamentos.

No esquecemento quedou o compromiso do Sr. Alcalde e a concelleira de Economía e Facenda de presentalos e aprobalos ao longo do primeiro trimestre deste ano, data que a priori parecía xa moi laxa. A lentitude na preparación dos orzamentos foi escusada hai xa máis dun mes, no pleno de febreiro, pola necesidade de aprobar unha nova relación de postos de traballo (RPT), cousa que se ben é certa tan só afecta ao capítulo de gastos de persoal. Namentres, podíase ter presentado sequera un borrador, unha declaración de intencións, algo co que comezar a negociar, especialmente cando o goberno non ten maioría absoluta na corporación por vontade propia dos partidos que o integran.

A realidade de Ames é a día de hoxe que a cidadanía continúa sen saber que intencións ten o goberno tripartito cos cartos das veciñas e veciños. Os orzamentos non son unha cuestión menor nin de trámite, son o principal instrumento que ten un concello para levar á realidade as súas políticas. A manifesta falta de competencia na xestión por parte da anterior corporación do PP levou a que teñamos uns orzamentos prorrogados dende o ano 2012. Iso fai que a negociación e aprobación duns novos orzamentos sexa aínda máis urxente, porque as necesidades da xente de Ames son moitas e non poden agardar máis.

Ames Novo consciente desta situación presentou unha proposta de bases para a negociación, que remitimos ao goberno a comezos do mes de marzo tendendo unha man para iniciar o diálogo sobre o que debería ser o elemento central para o goberno neste ano 2016. A resposta que recibimos do goberno foi un clamoroso silencio, nin unha chamada, nin unha reacción, simplemente nada. Unha actitude cando menos sorprendente dun tripartito que goberna en minoría e cun alcalde á fronte que se debe a un acordo de investidura asinado tamén pola nosa formación política.

E así mentres o goberno non da sinais de vida nesta cuestión crucial, seguiremos as pistas e elaboraremos hipóteses.

Como a pesar do dito confiamos na responsabilidade dos nosos gobernantes, non é crible que a estas alturas do ano non exista un proxecto avanzado de orzamentos. Se non se ten, sería un claro síntoma de que algo pasa no goberno de Ames. E se se ten e nós non o coñecemos, entón deben coñecelo outros. En calquera caso non é este o exemplo de transparencia que se espera do goberno. Noutra orde de cousas, se ben non menos importante, cabe sinalar que hai concelleiras con responsabilidades de goberno que aínda non abriron a boca nun pleno, nin presentaron unha soa iniciativa que teña un mínimo calado en áreas como Xuventude, Servizos Sociais, Promoción Económica, Emprego, ou Normalización Lingüística. Pode ser este un motivo de que non teñamos sequera un borrador?

O que esiximos dende Ames Novo é moi simple: luz e taquígrafos. Queremos que a cidadanía poida coñecer e opinar sobre os plans de investimento e gasto do Concello. Queremos unha negociación pública, aberta e transparente. Queremos que o proxecto sexa discutido publicamente, non só polas forzas políticas senón tamén polos axentes sociais e a cidadanía en xeral. Queremos que o goberno, e sinaladamente o alcalde, cumpra o que prometeu no pacto de investidura que asinou con nós e polo cal é hoxe alcalde de Ames. Non máis escusas nin boas palabras, precísanse feitos e querémolos xa.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *