ATENDE

14 de ABRIL. ELOXIO DA PRIMAVERA

By on mayo 11, 2017

O 14 de Abril Ames Novo conmemorou con un acto sinxelo e emocionado na Praza do Concello o aniversario da II República. O acto foi, non só, un recordo de aquela experiencia democrática truncada, senón tamén unha reivindicación dos valores que a impregnaron e unha homenaxe aos naturais ou veciños de Ames que foron vítimas da represión desatada no levantamento militar contra o réxime democrático. No acto, o académico Henrique Monteagudo leu o manifesto “Eloxio da Primavera” co que Ames Novo quixo render este tributo.

Foi o 14 de Abril de 1.931. Unha onda de ledicia exultante, un arrepío de liberdade, unha fiestra de luminosa esperanza percorreu as cidades e pobos de todo o Reino de España. Unhas eleccións municipais acababan de certificar a agonía improrrogable dun réxime, o da Monarquía Borbónica, mortalmente enfermo de autoritarismo, corrupción, caciquismo e valores reaccionarios.

Aquel pobo, con fame de educación, con fame de dignidade, con fame física pero, sobre todo, famento de liberdade estaba a punto de protagonizar unha das máis fondas revolucións pacíficas, democráticas, da historia de Europa.14Abril1

Aquel 14 de abril anunciou a chegada dunha primavera que floreceu en misións pedagóxicas que levaron a educación a todos os recunchos e que ambicionaba escolarizar a todas as nenas, e a todos os nenos. Unha primavera que puxo a Clara Campoamor nas Cortes constituíntes encabezando con determinación a loita polos dereitos políticos das mulleres que florecería na conquista do voto feminino. Como eclosionou no nomeamento de Victoria Kent como Directora Xeral de prisións, abrindo o acceso das mulleres a responsabilidades institucionais, continuado logo co nomeamento de Federica Montseny, a primeira muller en formar parte dun goberno en Europa Occidental. Frutificou nunha constitución que establecía que “El matrimonio se funda en la igualdad de derechos para uno y otro sexo, y podrá disolverse por mutuo disenso o a petición de cualquiera de los cónyuges “, establecendo non só, por primeira vez, a igualdade senón tamén o dereito ao divorcio. Como trouxo a lei de aborto máis avanzada de Ëuropa. Porque aquela primavera tivo que asumir que a revolución só o é se, tamén, é feminina.

E o 14 de Abril comezaron a agromar milleiros de flores. As que abriron fermosas e espléndidas na incorporación á carta magna, a primeira no mundo que o facía, de tódolos dereitos incluídos nas normativas elaboradas polas sociedades internacionais. As que se derramaron o seu perfume na celebración en 1933 das primeiras eleccións por sufraxio universal, antes que en países como Francia ou Italia. As flores fermosas das primeiras alcaldesas en moitos pobos e dos primeiros alcaldes procedentes das clases humildes. Por primeira vez, obreiras e obreiros, campesiñas, pastores, ocuparon os escanos das corporacións municipais representando as súas iguais.

O 14 de abril trouxo a secularización do Estado, librándoo dunha igrexa que funcionaba como un estado paralelo e que tutelaba ao poder civil. E con el floreceron centenares de escolas e bibliotecas públicas nas que o obxectivo era a instrución e non o adoutrinamento relixioso. Os programas de extensión cultural habían levar as vizosas flores da cultura e as artes escénicas a vilas e aldeas nas que nunca antes floreceran. Porque a primavera tamén tiña que encher de luz e desfrute espiritual as vidas de quen só coñecía a miseria e a submisión.

Aquel 14 de abril trouxo sindicatos libres e de clase que puxeron fin ao inverno dunhas relacións laborais, en moitos casos de escravitude, impostas por empresarios e terratenentes. “España es una República de trabajadores de toda clase, que se organizan en régimen de Libertad y de Justicia. Los poderes de todos sus órganos emanan del pueblo”, establecía o artigo 1 da Consititución, afirmando así o carácter fondamente democrático, liberal e popular da primavera que nacía.

A Primavera de aquela constitución trouxo tamén, coas contribucións entre outros de Castelao e Otero Pedrayo, o recoñecemento da diversidade multinacional do estado, recoñecendo as linguas das nacións históricas e abrindo a porta a elaboración dos estatutos de autonomía de Cataluña, País Vasco e Galicia.

Mais aqueles que viron os seus privilexios ameazados e socavados polo crecente poder da maioría social, os que que tiñan saudades da escuridade e do frío no que o inverno secular tiña sometido ao pobo, non se resignaron a defender as súas posicións no terreo político. Eran conscientes que despois do vizoso estoupido da primavera era imposible recuperar o poder por cauces democráticos. E conspiraron nas súas covas e provocaron un covarde levantamento militar que derivou nunha guerra de masacre que había pór fin á esperanza. O seu odio e a súa rabia desencadearon unha represión implacable, durante a guerra e despois da súa vitoria. Milleiros de mulleres e homes foron represaliados pola barbarie fascista. Non podemos deixar de lembrar hoxe aos amesáns que foron vítimas directas da represión:

Constantino Abeijón, “O fillo do Coxo” 14Abril4
José Abeledo Nieto
Manuel Buján Vilacoba
Jesús Cebey Souto
Enrique Framil García
José María Freire Brandón “Paco Cereijo”
Benigno González López
Ricardo Mayo Fernández
Manuel Nieto Ortiz
Manuel Pena del Río
José María Ruso Freire

Todos eles detidos e sometidos a procesos no tribunal militar de Compostela

Andrés Manuel Abella Iglesias, da Pontemaceira, e
José Manuel Búa, de Tapia
Condenados a 12 anos e 1 día de prisión

José Mauro Pérez Freire, e
Santiago Álvarez Calvo, “Santiago de Boi”
Condenados a 12 anos de prisión

José Crespo Pérez, condenado a 15 anos e 1 día de prisión

José María Fernández Freire, da parroquia de Ames
Luís García Abella, de Bugallido
Andrés Maximino Mallo
Francisco Zarauza Pulleiro
Manuel Pereiro Freire e
Gumersindo Pereiró Sanmartín
Condenados a cadea perpetua

Marcelino Rama Pampín, de Pedrouso
Condenado a morte, conmutada por cadea perpetua

Joaquín Molina Pallares, enviado ao campo de exterminio de Mauthausen, onde morreu en 1942.

José María Nieto Crego, de Trasmonte, sentenciado a morte e executado en Compostela
Alfredo “ O da Rexa” Paz Lemos, condenado a morte e executado en Boisaca

José Vázquez Grela, paseado e asasinado en Nigrán, onde exercía como mestre, o 12 de setembro de 1936.

A todos estes fillos ou veciños de Ames, a nosa homenaxe agradecida e o noso compromiso de que a historia non sexa esquecida.

Na súa memoria e, tamén, na esperanza de que unha nova primavera para as maiorías sociais rebrote na construción dunha sociedade na que os intereses da maioría prevalezan, na que se recoñezan os dereitos nacionais dos pobos, na que se poña freo á inxustiza, e na que se avance decididamente na igualdade fraterna e respectuosa coa diferenza entre mulleres e homes unímonos este 14 de Abril de 2017 no berro de

VIVA O 14 DE ABRIL!
VIVA A REPÚBLICA!

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *