ATENDE

BALANCE E CONTA(S) NOVA(S)

By on junio 1, 2017

Chegados ao ecuador do mandato municipal, van alá dous anos das eleccións que supuxeron a constitución dun novo goberno en Ames, é tempo de facermos balance do acontecido pero, sobre todo, de buscar fórmulas para que o tempo que queda por diante sexa aproveitado para impulsar cambios na dirección que a cidadanía marcou claramente co seu voto.

É certo que nestes dous primeiros anos de mandato o goberno municipal pareceu teimosamente empeñado en confirmar os temores que xa na primeira sesión plenaria expresara a voceira de Ames Novo, Pilar Candocia: que o cambio de goberno non trouxera un goberno de cambio. Foi un período con exceso de continuísmo, con máis xestión que impulso de políticas e no que o que sobraron foron dúbidas e vacilacións. Faltou aposta decidida polo cambio. Non se crearon novos servizos,practicáronse políticas fiscais regresivas e, sobre todo, faltou escoita activa da cidadanía. Nin sequera foi aceptada a proposta de Ames Novo de negociar a elaboración duns orzamentos para 2016 que impulsaran o cambio necesario.

Sen embargo esa actitude pareceu mudar coa aceptación da proposta feita por Ames Novo no último Pleno do ano pasado de elaborar conxuntamente un orzamento para 2017 e, sobre todo, coa materialización desas contas municipais. Nelas quedan plasmados elementos que aproximan Ames as políticas que se están a facer nos concellos nos que se constituíron gobernos de cambio real. E,por iso, nós estamos orgullosos de ter participado na súa elaboración, conscientes de que non son (non poderían selo dado que non somos goberno) os orzamentos que nós faríamos (como tampouco son os que faría o goberno de non telos elaborado conxuntamente connosco), mais tamén de que son un elemento de impulso e de avance innegable: A creación dunha ordenanza , suficientemente dotada, de Renda Social de Garantía Mínima e Rescate Social, as partidas destinadas ao rescate de servizos públicos e á elaboración dun plano de Orzamentos Participativos, a introdución de elementos reequilibradores da desigualdade territorial con partidas de investimento significativas para O Milladoiro e o rural, ou a aposta por investir na mellora da accesibilidade apuntan na liña que desde Ames Novo queremos impulsar.

Mais a probación desas contas non significa nin que a nosa función como oposición vaia mudar nin que nos deamos por satisfeitos. Non é ningún punto e aparte, apenas un punto e seguido. Tócanos agora, conforme ao pactado no acordo político asinado para a aprobación dos orzamentos non só vixiar o seu cumprimento, senón ter un rol activo de impulso da súa execución. A brevidade do prazo, apenas 6 meses, de que dispón o goberno municipal para desenvolvelos fai imprescindible que sexamos especialmente activos nese rol de oposición que, a diferenza da que exerce a dereita do Pleno, non busca paralizar e inviabilizar o cambio senón actuar de elemento que tira do goberno cara as políticas de transformación do Concello a prol das maiorías.

E, xunto con ese impulso e vixilancia do cumprimento das contas aprobadas, temos como tarefa inmediata comezar a establecer as bases dos elementos que deben conformar o orzamento para 2018: Uns orzamentos que deben incluír, ademais das partidas necesarias para os programas plurianuais que agora se inician (Renda Social, reinvestimento do catastrazo no rural, rescate do Ciclo Integral da Auga e Orzamentos Pariticipativos) outros que non puideron incluírse nos recén aprobados: Solventar a débeda que arrastra o noso Concello en materia de Mocidade, elaborar e poñer en marcha o Plano Turístico para o que nós propuxemos a constitución dunha comisión especial que foi aceptada polo Goberno, desenvolver un Plano de Promoción Económica. Empeños que debemos levar a cabo aproveitando a magnífica oportunidade que nos ofrece a recén concedida subvención de 5 millóns de fondos europeos DUSI.

En todo iso, e no control diario da acción de goberno, escoitando e interaccionando coa cidadanía e
o tecido asociativo, como sempre fixemos, será onde as veciñas e veciños de Ames nos encontrarán no período inmediato.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *