ATENDE

APROBADOS OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

By on junio 1, 2017

Dende a convicción de que manter os orzamentos de 2012 en vigor era inasumible para a cidadanía de Ames, Ames Novo, nun exercicio de responsabilidade política negociou un acordo de orzamentos co goberno municipal, no que se inclúen compromisos na execución e seguimento do seu cunmprimento.

Desde o ano 2012 os orzamentos de Ames viñan sendo prorrogados. O goberno do PP, encabezado por Santiago Amor foi incapaz de levar a pleno uns novos orzamentos en ningún dos 3 anos seguintes do seu mandato, como resultado da escisión que se produciu no seu propio partido e que deixou ao goberno nunha exigua minoría.

Tampouco o goberno tripartito PSOE-CP-BNG foi quen de elaborar un borrador de orzamento para 2016, a pesar da oferta que lle fixo Ames Novo de negocialos.

Así o Concello viña desenvolvendo a súa actividade en base a unhas contas con un forte sesgo conservador e completamente desfasadas despois de 5 anos de prórrogas. Iso traduciuse na case completa inacción política e carencia de novos proxectos que é amplamente percibida pola cidadanía. Tratábase, xa que logo, dunha situación insostible.

Foi esa convicción a que levou a Ames Novo a volver emprazar ao goberno no Pleno de decembro pasado a sentarse para traballar conxuntamente na elaboración duns orzamentos que tivesen en conta a realidade actual do concello e que desen resposta ás necesidades da maioría social de Ames. Esta vez si o Goberno municipal recolleu a luva lanzada por Ames Novo e en xaneiro de 2017 abriuse un proceso de negociación para facer un orzamento consensuado pola esquerda da corporación. Un proceso caracterizado pola transparencia na negociación, a independencia do proceso respecto das relacións entre AN, en canto que grupo opositor, e o goberno, e máis pola fixación dun prazo de un mes para acadar un acordo global.
Partindo da coincidencia entre as dúas partes de que os orzamentos tiñan que cumprir 3 requisitos básicos (orientación social, rescate de servizos públicos privatizados e reequilibro territorial), Ames Novo puxo sobre a mesa unhas “liñas verdes” que tiñan que articular o acordo e que se traducían nas seguintes medidas:

Dotar unha partida para a creación dunha Renda Municipal de Garantía Mínima e Rescate Social destinada aos colectivos en situación ou risco de exclusión.

Destinar cantidades do gasto á elaboración dun plan de Orzamentos Participativos e dos estudos preceptivos para a remunicipalización do Ciclo Integral da Auga (subministro e saneamento).

Reinvestimento do exceso de recadación no rural polo catastrazo nas parroquias rurais do concello.
Respecto da primeira delas, acadouse o acordo de destinar 120.000 euros no exercicio presente á posta en marcha desta normativa que, ademais de incorporar unha nova prestación en forma de renda, refunde o anterior sistema de axudas e crea algunhas novas, convertendo o que eran subsidios en dereitos.

No referente á potenciación da capacidade da cidadanía a participar na xestión dos asuntos públicos, creouse unha partida de 12.000 euros para contratar unha asistencia técnica que deseñe un plano de Orzamentos Participativos e o seu calendario de implantación progresiva ao longo deste mandato.

Para o rescate do Ciclo Integral da Auga, dotouse unha asignación de 50.000 euros a unha asistencia técnica que se encargará de supervisar o cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria e, ao mesmo tempo, deberá elaborar os estudos que se precisan para a remunicipalización.

No asunto do reinvestimento no rural do diñeiro recadado a maiores, Ames Novo retirou a súa proposta inicial de elaborar un plano bianual específico e decidiu aceptar o acordo que o Goberno acadase coas AAVV das parroquias, que se plasmou nun documento asinado entre a Federación de AAVV e o Goberno local.

A maiores destas “liñas verdes”, o proxecto contempla outras necesidades que nos foron trasladadas polas asociacións e colectivos que conforman o tecido asociativo de Ames, destacando os investimentos en materia urbanística e de renovación da instalación de alumeado público no Milladoiro, con algo máis de 800.000 euros de investimento, e intervencións de mellora da accesibilidade nos núcleos para as persoas con mobilidade reducida.

Naturalmente, non todas as propostas que Ames novo puxo sobre a mesa foron incorporadas por máis que si aquelas que designáramos como elementos imprescindibles do acordo. Na nosa visión Ames segue tendo unha débeda histórica coa mocidade, sector que sempre foi desatendido e que precisa de investimentos destinados a dotar servizos e medios que permitan a súa autooorganización, desenvolvemento de actividades e fixación no Concello. Lamentablemente non foi posible encaixar unha partida específica para ese fin nestes presupostos, o que o converterá nun dos elementos para nós prioritarios para os vindeiros.

Por esa razón e porque o xeito en que se enfocan determinadas actuacións non son exactamente como nós as desenvolveríamos de sermos goberno, somos conscientes de que estes non son os orzamentos de Ames Novo, non son os que desenvolverían o noso programa de goberno. Mais, loxicamente, é ao Goberno a quen lle corresponde levar a iniciativa e plasmala neles. Nós consideramos que a negociación serviu para incorporar elementos que considerábamos necesarios e que, froito diso, as contas que se presentan ao Pleno para a súa aprobación son un instrumento de avance imprescindible para o Concello e para as persoas que vivimos nel, incorporando, ademais, elementos que nos achegan a algunhas das políticas que se están a desenvolver nas cidades nas que hai verdadeiros gobernos de cambio.

Porén, o noso rol non remata no acordo e conseguinte aprobación do orzamento. O pacto co goberno inclúe consensuar as súas Bases de Execución e a creación dunha comisión mixta de seguimento que nos permita supervisar o cumprimento do aprobado. Tamén é froito desta negociación a constitución dunha comisión na que coa participación de ambas partes e dos técnicos de Servizos Sociais se redacte a normativa da Renda Municipal e Rescate Social, que debe entrar en vigor non máis tarde de setembro deste ano. Por último, establecemos o compromiso de comezar a traballar na elaboración dos orzamentos para 2018 que deben estar listos para seren aprobados, como máximo, en febreiro do próximo ano.

En suma, desde Ames Novo consideramos que a nosa participación na elaboración dos orzamentos municipais para 2017 é un exercicio de responsabilidade política e, tamén, un xeito de exercer oposición útil traccionando ao goberno cara ao desenvolvemento de políticas de cambio social e político que caracterizan aos movementos cidadanistas.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *