ATENDE

SOBRE A ACTITUDE IRRESPECTUOSA E AMEAZANTE DO CURA DE ORTOÑO

By on julio 28, 2017

O pasado mes de xuño como Grupo Municipal Iniciativa Cidadá-Ames Novo recibimos convite do párroco de Ortoño para asistir á celebración da misa de San Xoán que tivo lugar con motivo desta festividade o 24 de xuño ás 12:30h na igrexa parroquial. Dende o noso grupo municipal, ao igual que en datas anteriores, e como adoitamos facer ante este tipo de convites remitimos a nosa postura en relación á participación en actos relixiosos aos que non asistimos en calidade de representantes publicos dunha sociedade láica, se ben non significa que non poidan acudir con carácter privado as persoas que conforman o grupo. Así pois como en anos anteriores remitiuselle o seguinte texto explicando a nosa posicion:

Estimado José Luís,
o primeiro é agradecerlle o convite que como párroco nos traslada aos concelleiros e concelleiras de Ames Novo. En todo caso, queremos que comunicarlle que temos como norma non asistir a actos relixiosos en calidade de representantes públicos.
Saudamos a súa vontade de fomentar unha laicidade positiva, polo que comprenderá o sentido da nosa ausencia nun acto confesional e ao mesmo tempo manter unha relación de cooperación entre as igrexas e o concello.

Reciba un cordial saúdo
Concelleiras e concelleiros de Ames Novo

Para a nosa sorpresa o párroco de Ortoño a principios do mes de xullo resposta do seguinte xeito:

Estimados concelleiros:

Agradezolles moito a súa resposta ao meu Saúda con motivo da festa parroquial de Ortoño. Tal vez a redacción do meu saúda se preste a unha errónea interpretación por parte do seu grupo.

En 1º lugar: Non son invitados como concelleiros a un acto eclesial, senón como cidadáns que participan onda outros dunha cerimonia festiva dentro do templo pero tamén fora. Para ninguén se garda lugar prominente na asamblea. Ninguén foi invitado como tal -como cargo público-, nin dese grupo nin de ningún outro. Pretensión demasiado elevada para mín facerlles esa honra que nenbargantes ofrezo a todos e todas os homes e mulleres de boa vontade que con tanta frecuencia se xuntan no templo e se sinten pedra viva dunha comunidade eclesial aberta ao mundo sen reduccionismos excluíntes.

En 2º lugar: a laicidade positiva non é excluínte senón integradora. Vostedes rexeitan compartir cos veciños de Ortoño aquel día no que desde fai séculos se reúnen no seu templo parroquial e botan logo unhas bailas no exterior e intercambian experiencias e comparten diálogo e vida construíndo unha sociedade mais cohexionada. Farei chegar este sentir do seu grupo á comunidade toda vez que sí somos conscientes de que noutros eventos de marcado carácter partidista e ideolóxico sí se fan presentes.

O ano que vén volverei a invitalos se continuamos por esta fermosa Terra da que me sinto parte coma un veciño mais que son.

Co desexo de fomentar a esperanza que vostedes non invocan nin saúdan no seu escrito reciban un cordial saúdo de

José Luis.

Ante o ton ameazante da súa respota e vontade expresada de facer pública á veciñanza unha visión de parte en relación a este tema e dado que en datas recentes nun encontro casual coas concelleiras do noso grupo proferiu insultos cunha actitude machista a unha das nosas compañeiras, decidimos enviarlle a seguinte carta e facermos público o intercambio de mails entre o párroco de Ortoño e o noso Grupo Municipal. Remitíndolle a el esta mesma mañá as seguintes líneas :

Á ATENCIÓN DO CURA PÁRROCO DE ORTOÑO

Dende o Grupo Municipal Iniciativa Cidadá – Ames Novo, pómonos en contacto con vostede para responder ao seu correo electrónico do día 5 de xullo. Pedimos desculpas pola tardanza en contestar pero neste mes estivemos cargados de traballo de representación, acompañando á cidadanía en festas e actos protacolarios e, sobre todo, coa redacción da ordenanza de Renda Social Municipal de Garantía Mínima que permitirá un respiro a moita xente que o está pasando moi mal como consecuencia da crise económica e das políticas liberais.

Entrando xa na contestación ao seu escrito sobre a declinación de asistir a un acto relixioso, como membros da corporación municipal, queremos apuntar as seguintes cuestións:
1. Recibimos un convite seu como Grupo Municipal para asistir á misa de San Xoán, Por educación contestamos, pois é razoable que quen convida saiba se imos asistir ou non.
2. O escrito que lle enviamos é similar no seu contido e termos ao do ano pasou, que non mereceu reproche algún pola súa parte. Descoñecemos, entón o por que do ton,ao noso xuízo irrespectuoso, con que reacciona nesta ocasión.
3. Como forza política que somos participamos en actos ideolóxicos, como vostede ben di, e tamén acompañamos a cidadanía amesá en actos lúdicos. Como exemplo a nosa presenza anual na Festa do Chourizo do Ortoño.
4. Di vostede non ternos convocado como representantes públicos senón como cidadáns, Non entendemos por que se dirixe entón ao grupo municipal. E como cidadáns particulares ningunha das catro persoas que conformamos o grupo autorizamos nin a vostede nin á parroquia que representa a enviarnos publicidade eclesiástica
5. Chámanos “pretenciosos “ porque entendemos que se dirixe a nós como Grupo Municipal. Non precisamos a súa bendición para ser concelleiros e concelleiras, foi a cidadanía democraticamente quen nos concedeu esa honra e a ela damos conta do noso facer. E lembrámoslle que foi esa cidadanía a que nos otorgou o terceiro posto en votos e empate a concelleiros co PP e o PSOE.
6. Un home de Igrexa debería dar exemplo e non proferir ameazas de facer público diante da veciñanza católica a súa versión sobre o acontecido. Así mesmo debería absterse de proferir insultos machistas publicamente e comentarios contra as feministas como fixo con unha representante do noso grupo, xusto cando estábamos reivindicando máis medios para poñer fin ao horror das mulleres asasinadas pola violencia machista.
7. Como non temos nada que ocultar, nin temos particular interese en que se coñeza a versión distorsionada por unha das partes, faremos público este intercambio de correos, na súa literalidade, nas redes sociais e nos medios de comunicación.
8. Como representantes da cidadanía amesá quedamos a súa disposición todos os días do ano para que nos transmita problemas de pobreza ou de outra índole que poidamos axudar a resolver, no noso ánimo de colaborar como sempre fixemos con toda as institucións e colectivos deste concello na defensa das persoas que nel residen.

Sen outro particular, agradecendo de antemán a súa colaboración reciba un saúdo do G.M. Iniciativa Cidadá-Ames Novo

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *