ATENDE

AMES NOVO LEVA AO PLENO DO CONCELLO UNHA PROPOSTA DE REXEITAMENTO AO ANTEPROXECTO DE MOFICICACIÓN DA LEI 8/2008 DE SAÚDE DE GALICIA

By on agosto 17, 2017

O Goberno da Xunta vén de presentar o anteproxecto de modificación da Lei 8/2008 de Saúde de
Galicia. Esta reforma afecta fundamentalmente a actual estrutura da xestión sanitaria galega,
articulada na actualidade en base á existencia de 11 áreas sanitarias con autonomía funcional e de
xestión, máis tres estruturas comarcais non configuradas como área: A Barbanza, Verín e Cee.
A propia Lei de Saúde de Galicia define no seu artigo 37 que o ámbito territorial das áreas debe
determinarse tendo en conta os factores específicos xeográficos, socio-sanitarios, demográficos,
laborais e de dotación de vías e medios de comunicación. En base a estes criterios parece que a
lóxica sería a de converter as tres comarcas aínda non constituídas como áreas sanitarias en tais coa
fin de facilitar unha xestión dos recursos sanitarios existentes en cada unha delas acaida ás súas
verdadeiras necesidades, aproveitando os beneficios que se derivan da xestión de proximidade.
Deste xeito, o mapa sanitario de Galicia quedaría configurado en 14 áreas consonte co espírito da
vixente Lei de Sanidade.
Sen embargo a modificación proposta polo Goberno da Xunta, lonxe de ir nesa dirección, o que
pretende é a eliminación de áreas sanitarias actualmente en funcionamento. En concreto as de A
Mariña, Monforte, O Salnés e Valdeorras. Deste xeito o mapa quedaría configurado por apenas 7
macroáreas nucleadas polos 7 grandes hospitais. Introduce, iso si, unha nova subdivisión que son os
“distritos sanitarios” dos que non se especifica nin cal será a súa estrutura directiva nin que
capacidade, se algunha, terán de xestionar orzamentos e recursos. Nin sequera se aborda a
posibilidade de que estas novas figuras poidan recuperar as direccións de Atención Primaria, unha
demanda unánime entre as traballadoras deste sector sanitario desde que foran suprimidas na actual
estrutura de EOXIs. A demanda de recuperar as Direccións de Atención Primaria con capacidade de
planificación de xestión de orzamento propio, con potentes Consellos de participación cidadá,
dotados da información necesaria para participar nas tomas de decisións, e con un nivel de
coordinación importante cos servizos sociais, cada vez máis importantes dado e envellecemento da
nosa poboación. é unha necesidade perentoria para adecuar a estrutura sanitaria ás necesidades
reaias da poboación. Pola contra, a conversión das áreas suprimidas en Distritos parece implicar o
mantemento dunha estrutura burocrática que é, por outra parte, baleirada de competencias o que é
contrario a calquera criterio de eficiencia.
Este anteproxecto de reforma tamén modifica a redacción do artigo 37 referente ás “Zonas
Sanitarias”. Neste aspecto chama a atención como na súa redacción desaparece a actual referencia
que se fai no seu punto 2 a que se terán sempre en conta “as necesidades sanitarias da poboación”
para substituílo na nova redacción por “os recursos sanitarios existentes”. É evidente que non é
mesmo partir como criterio de definición da zona das necesidades da poboación (unha vez
identificadas hai que mobilizar os recursos para afrontalas) que partir dos recursos existentes (o que
se mobiliza é a poboación en base a eses recursos). Isto permite a concentración dos recursos, será a
tendencia natural ao depender de áreas concentradas en torno a grandes infraestruturas, e que sexa a
poboación necesitada de asistencia a que se teña que desprazar aínda máis a onde eses recursos
están concentrados. O efecto vai ser non o de ir dotando cada vez máis de servizos especializados
de proximidade, que é a reivindicación en todas as comarcas do país, senón o de unha cada vez
maior concentración destes servizos nas 7 cidades que nuclean cada unha das grandes áreas
resultantes da reforma. Se a capacidade de planificar a disposición dos recursos, tanto humanos
como materiais, está centrada nos 7 grandes hospitais, e tendo en conta a capacidade inmensa dos
hospitais para consumir recursos, queda claro que os prexudicados serán a Atención Primaria e os
hospitais comarcais. Este prexuízo vese incrementado ao desaparecer a referencia que se fai no
artigo 37 ás “vías e medios de comunicación” como criterio de ordenación sanitaria.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Iniciativa Cidadá-Ames Novo presenta unha Proposta para debate e aprobación en sesión plenaria do concello, co relatado anteriormente como exposición de motivos e na que se solicita como acordo da corporación local de Ames

Instar á Xunta de Galicia a:
1.- Retirar o Anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008 de 10 de xullo de Saúde de Galicia.
2.- Adaptar a estrutura territorial do SERGAS a das comarcas do país, con grandes áreas urbanas e
outras máis dispersas, creando áreas asimétricas con cabeceiras nos grandes hospitais xerais e,
tamén, nos comarcais.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *