ATENDE

O CONCELLO DE AMES NON SEGUE NINGÚN PROTOCOLO COS RESIDUOS DE AMIANTO PESE A TER APROBADO UNHA MOCIÓN DE AMES NOVO AO RESPECTO

By on agosto 19, 2017

O pasado día 14 de agosto o noso veciño e activista ecoloxista Manuel Casdeiro metía un escrito no Rexistro do Concello dando conta de que atopara unhas placas de fibrocemento desprendidas no parque xunto ao Instituto do Milladoiro.

O veciño, ante a perigosidade duns restos que moi probablemente conteñen amaianto, contactou coa Policía Local para que levantasen atestado e acordonasen a zona, onde xogan moitas crianzas e pola que transitan numerosas persoas camiño da igrexa parroquial así como tamén animais domésticos. Sen embargo, a resposta que obtivo foi a de que non podían acudir ao lugar sinaladao “por encontrarse todos os efectivos en outra actuación”. Podes ver o texto íntegro da instancia que rexistrou neste enlace

Os escombros parecen proceder dunha nave en ruinas cercana que é tamén propiedade municipal, polo que os materiaos de fibrocemento (uralitas) deberan ser retirados da mesma por parte do propio Concello, precisamente, para evitar que se produzan desprendementos como o que o veciño denunciou.

O certo é que o comportamento das autoridades locais neste asunto está a ser de unha pasividade que non se corresponde coa gravidade da ameaza para a sáude que implica. E é, aínda, máis inexplicable por canto no Pleno Municipal de xaneiro último foi aprobada por unanimidade unha moción presentada por Ames Novo na que, despois de expor os riscos para a saúde dos materiais que coteñen amianto, recoñecidos e sobre os que hai advertencias de numerosas autoridades sanitarias internacionais (entre elas a OMS), e máis a normativa existente ao respecto se recolle que “No referente ao noso concello, consideramos que a cidadanía non dispón da información suficiente sobre os procedementos de recollida e tratamento deste tipo de materiais. Unha información que entendemos debería estar a disposición dos veciños na web municipal.

Lamentablemente, non é inusual, polo tanto ver anacos de uralita nos contedores de lixo, tirados en camiños ou en vertedoiros incontrolados; debido ao descoñecemento cidadá de qué facer con estes materiais ou ben a imposibilidade de poder afrontar o custe económico que supón contratar a unha empresa especializada en desamiantado.
Neste sentido, outro interrogante que xurde a este respecto é se a empresa que presta o servizo de limpeza no noso concello, ou ben a propia brigada de medioambiente, está procedendo á correcta recollida e almacenamento destes residuos fabricados con fibrocemento e depositados na vía pública ou en vertedoiros incontrolados; e con que frecuencia se está procedendo á súa axeitada xestión e transporte.”

Por todo iso, aprobáronse os seguintes acordos:

1.- Que o concello de Ames elabore e publique un informe sobre a situación actual da xestión de residuos de fibrocemento recollidos polo servizo de limpeza ou brigada de medioambiente.

2.- Que o concello de Ames elabore un inventario de inmobles públicos ou privados de uso público (por exemplo de escolas unitarias, locais sociais, etc.) que conteñan amianto ou sexan susceptibles de contelas. No caso de existir algún inmoble que conteña uralitas con amianto, elaborar un plan urxente de actuación para a súa eliminación.

3.- Que se instale un servizo inmediato de recepción de residuos domésticos con amianto como se fai en moitas cidades (por exemplo en Barcelona) e no caso de non ser posible solicitar que nos presupostos do 2017 se destine unha partida orzamentaria para por en marcha unha serie de axudas económicas para os veciños que se vexan obrigados a realizar tarefas de desamiantado en edificios ou vivendas da súa propiedade.

4.- Que se estude a posibilidade de que o concello de Ames firme contratos con algunha ou algunhas empresas autorizadas para que, baixo unha maior coordinación e control dos servizos municipais, se poidan realizar este tipo de traballos, xa sexa na súa manipulación como no seu traslado e posterior eliminación.

5.- Que se poñan en marcha campañas de información aos veciños de Ames onde se recollan os seguintes aspectos:

a) Que se lles informe de se as súas vivendas poden ter amianto e o risco que supón a súa inaxeitada manipulación
b) Informar de cales son os pasos que deben seguir para poder contactar con empresas autorizadas para o tratamento destes materiais

c) Informar dos programas de axudas económicas referentes a este tema
d) Recoller da maneira accesible os anteriores apartados na páxina web municipal así como en distintos medios de comunicación (radio, xornais, etc).

Sen embargo, sete meses despois de aprobada esta iniciativa o que podemos constatar e que non foi aplicada en ningún dos seus extremos.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *