ATENDE

Moción de Ames Novo sobre o desamiantamento no Concello

By on agosto 19, 2017

Moción de Ames Novo referente ao tratamento dos materiais con amianto, que foi aprobada no Pleno Municipal de xaneiro de 2017 por unanimindade dos membros da Corporación

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O amianto, ou tamén chamado asbesto, é o nome dun mineral formado por fibras longas e resistentes , entrelazadas e cunha gran resistencia ás altas temperaturas. Por estes motivos foi moi utilizado nas décadas 60, 70 e 80 como aillante en fornos e calefaccións, en tuberías, pezas de motores de vehículo, e en múltiples materiais de construción como son as pranchas de fibrocemento empregadas para o recubrimento de tellados ou tamén coñecidas comercialmente co nome de uralitas.

As autoridades médicas demostraron nos anos 80 que os produtos relacionados co amianto provocan cancro cunha elevada mortalidade. De feito, dende 1977 a Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC) dependente da Organización Mundial da Saúde recoñecía que:
“En los seres humanos, la exposición a todos los tipos de amianto se ha traducido en una alta incidencia de cáncer de pulmón y mesoteliomas. Igualmente, un exceso de riesgo de cáncer del tracto gastrointestinal y de laringe han sido comprobados”.

En 1987 a IARC inclúe aos seis tipos de amianto máis coñecidos no Grupo I de carcinoxenicidade (tipoloxía de maior grao).

Nun recente traballo publicado na prestixiosa revista The Lancet (11.09.2015), máis de 500 investigadores en todo o mundo calcularon que o número de mortes debidas ao amianto foi de 194000, é dicir, case o dobre que en 1990. Para o caso español, espéranse un total entre 40000 e 50000 mortes, a causa do amianto, de aquí a 2040.

Debido ao seu estado de latencia (tempo que pasa entre a exposición e o desenvolvemento da enfermidade) o feito de estar prohibido non significa que non sigan producíndose enfermidades e mortes pola exposición anterior, e tamén a causa do mal manexo e deterioro do amianto que segue instalado nas uralitas ou en vertedoiros incontrolados. É máis, faise máis perigoso polo descoñecemento e despreocupación da xente.

Por esta razón, o amianto está prohibido no noso país dende o ano 2001 na que a través dunha Orde Ministerial aprobada o 7 de decembro, se prohibe a produción, comercialización e instalación de amianto e produtos que o conteñan.

Na Unión Europea a utilización de amianto está prohibido dende o ano 2005, aprobándose o pasado 14 de marzo de 2013, unha Resolución para facer xustiza ás vítimas e por un desamiantado seguro. Para elo, propón a que se fagan mapas de localización exacta e plans de eliminación segura para antes de 2028.

A perigosidade que todo o relatado ten para a cidadanía, motivou este mesmo mes a presentación dunha Proposta non de Lei no Congreso por parte do grupo En Marea, no que se solicita ao Goberno central a creación dun Fondo Estatal de Compensación ás vítimas do amianto. Nesta proposición solicítase que se proceda ás modificacións necesarias da lexislación vixente de cara a posibilitar a ampliación do prazo de responsabilidade civil; que se elabore e aplique un programa a curto e longo prazo de desamiantado do Estado e que se aplique con rigor o principio de precaución con outros materiais que podan ter características semellantes ao amianto.

No referente ao noso concello, consideramos que a cidadanía non dispón da información suficiente sobre os procedementos de recollida e tratamento deste tipo de materiais. Unha información que entendemos debería estar a disposición dos veciños na web municipal.

Lamentablemente, non é inusual, polo tanto ver anacos de uralita nos contedores de lixo, tirados en camiños ou en vertedoiros incontrolados; debido ao descoñecemento cidadá de qué facer con estes materiais ou ben a imposibilidade de poder afrontar o custe económico que supón contratar a unha empresa especializada en desamiantado.
Neste sentido, outro interrogante que xurde a este respecto é se a empresa que presta o servizo de limpeza no noso concello, ou ben a propia brigada de medioambiente, está procedendo á correcta recollida e almacenamento destes residuos fabricados con fibrocemento e depositados na vía pública ou en vertedoiros incontrolados; e con que frecuencia se está procedendo á súa axeitada xestión e transporte.

Finalmente, tendo en conta, que a recollida destes residuos de construción é competencia municipal en base ao exposto no artigo 12 da Ley 22/2011, do 28 de julio de residuos y suelos contaminados (lei posterior á 10/2008, do 3 de novembro de Residuos de Galicia), na que se indica que “ corresponde a las entidades locales como servicio obligatorio, la recogida, el transporte y el tratamiento de los residuos domésticos generados en los hogares”. Nesta mesma lei o artículo 3 considera residuos domésticos “residuos generados en los hogares como consecuencia de actividades domésticas”…”se incluyen los residuos y escombros procedentes de obras menores de construcción y reparación domiciliaria”…

Enténdese polo tanto que esta lei non fai distincións entre residuos perigosos e non perigosos sendo as entidades locais as que deben xestionar todos os residuos domésticos.

Por todo o exposto, solicítase ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Que o concello de Ames elabore e publique un informe sobre a situación actual da xestión de residuos de fibrocemento recollidos polo servizo de limpeza ou brigada de medioambiente.

2.- Que o concello de Ames elabore un inventario de inmobles públicos ou privados de uso público (por exemplo de escolas unitarias, locais sociais, etc.) que conteñan amianto ou sexan susceptibles de contelas. No caso de existir algún inmoble que conteña uralitas con amianto, elaborar un plan urxente de actuación para a súa eliminación.

3.- Que se instale un servizo inmediato de recepción de residuos domésticos con amianto como se fai en moitas cidades (por exemplo en Barcelona) e no caso de non ser posible solicitar que nos presupostos do 2017 se destine unha partida orzamentaria para por en marcha unha serie de axudas económicas para os veciños que se vexan obrigados a realizar tarefas de desamiantado en edificios ou vivendas da súa propiedade.

4.- Que se estude a posibilidade de que o concello de Ames firme contratos con algunha ou algunhas empresas autorizadas para que, baixo unha maior coordinación e control dos servizos municipais, se poidan realizar este tipo de traballos, xa sexa na súa manipulación como no seu traslado e posterior eliminación.

5.- Que se poñan en marcha campañas de información aos veciños de Ames onde se recollan os seguintes aspectos:

a) Que se lles informe de se as súas vivendas poden ter amianto e o risco que supón a súa inaxeitada manipulación
b) Informar de cales son os pasos que deben seguir para poder contactar con empresas autorizadas para o tratamento destes materiais
c) Informar dos programas de axudas económicas referentes a este tema
d) Recoller da maneira accesible os anteriores apartados na páxina web municipal así como en distintos medios de comunicación (radio, xornais, etc).

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *