ATENDE

PLENO ORDINARIO DO MES DE SETEMBRO

By on septiembre 29, 2017

Onte no pleno ordinario de setembro aprobouse a proposta presentada por Ames Novo a favor da Compra Pública Socialmente Responsable no Concello de Ames. Unha moción que presentou no Pleno a concelleira do grupo Chus Bóo e que fixo fincapé na necesidade de avanzar na liña filosófica do ben común, tendo en conta toda unha serie de criterios, non só os económicos, na compra de bens e servizos dende a institución local e en beneficio de toda a cidadanía. A moción foi aprobada co voto favorable do grupo Iniciativa Cidadá-Ames Novo, os grupos de goberno (Psoe, CP e BNG) e do concelleiro non adscrito Javier López e a abstención dos grupo da dereita PP e PxA.

Merece un recoñecemento destacado o acordo unánime da corporación local de Ames en relación a a moción sobre o Pazo de Meirás. A moción, presentada polo grupo municipal do BNG ao que dende Ames Novo fixemos unha serie de achegas ( que foron aceptadas na súa totalidade), contou dende o principio cun elevado acordo de todos os grupos no dialéctico e só parecía cuestión de matices de redacción chegar a acordo. Por iso, o noso Concelleiro Quique Costas na segunda rolda de intervencións propuxo un receso para limar o texto que logo de 20 minutos foi aprobado coa conformidade dos 21 integrantes da corporación. Un acordo que reclama a recuperación para o público do Pazo de Meirás e que declara á fundación Franco non grata no concello de Ames.

Na rolda de rogos e preguntas a concelleira María González en nome de toda a oposición solicitou ante os problemas do IES de Ames en relación á matrícula dos alumnos de bacharelato a mediación da concellería de educación. Unha cuestión na que o concelleiro da área David Santomil respostou que iso era un tema que estaba en mans de inspección educativa, Xunta de Galicia, e non era competencia do concello ao temo que si expresou a dispoñibilidade dos locais municipais para facilitar as reunións dos grupos afectados para buscar unha solución.

Outras cuestións trasladadas polo grupo Ames Novo en rogos e preguntas foron as seguintes: solicitamos coñecer como está o estado das obras de mantemento demandadas polos centros escolares, unha vez iniciado o curso en infantil e primaria. Pedimos a mellora da zona habilitada para cans en Bertamiráns en canto á iluminación, instalación de bebedoiros e papeleiras na área. Trasladamos a demanda dos veciños do Milladoiro de elevar a malla que bordea a pista deportiva de Milladoiro que da á rúa Muiño Vello (para evitar caídas de balóns á estrada) e sinalamos o abandono do estado das illas verdes no núcleo do Milladoiro. Tamén se requeriu ao goberno información sobre a previsión e estado de funcionamento da depuradora de Sisalde, na que respostaron se está avaliando a necesidade dunha posible ampliación.

Finalmente Ames Novo preguntou ao Sr. Alcalde pola previsión e organización da cabalgata de reis deste ano, logo da polémica do pasado ano, unha cuestión sobre a que xa pediramos a participación do asociacionismo e comerciantes na toma de decisións. O goberno respostou que está iniciando as roldas de presentación do proxecto con comerciantes, ANPAS e clubes deportivos.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *