ATENDE

AMES NOVO FORMULA EMENDAS AOS ORZAMENTOS XERAIS DA XUNTA A TRAVÉS DO GRUPO PARLAMENTAR DE EN MAREA

By on noviembre 17, 2017

As emendas que se fixeron chegar ao ao Grupo Parlamentar inclúen a creación dunha segunda liña no CEIP de Barouta, o Parque Comarcal de Bombeiros e a creación dunha conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Santiago de Compostela

En reunión mantida polo Grupo Municipal de Ames Novo con membros do Grupo Parlamentario de En Marea, deuse traslado das emendas que a Iniciativa Cidadá considera que é imprescindible incorporar aos orzamentos xerais da Xunta para cubrir necesidades perentorias do concello de Ames en materias tanto dotacionais como infraestruturais.

A primeira delas fai referencia á creación dunha segunda liña no CEIP Barouta que palie a situación actual dun centro educativo absolutamente desbordado, como pon de manifesto o feito de que 3 dos cursos de Ensino Primario xa tiveron que ser desdobrados e os outros contan con un número de alumnos por aula que supera o límite establecido. A situación do centro, ademais, impide a admisión das nenas e nenos que cursan na Escola Unitaria de Cobas, adscita a este centro. Por outra parte, os desdobramentos de cursos fan que o centro careza de aulas específicas de inglés e informática, mentres que a necesidade de separar ao alumnado para as clases de relixión e valores provoca que un dos dous grupos teña que recibir a docencia nun corredor do centro.

Tamén se presentou unha emenda que contemple, dentro do Plan de Sendas, a creación dunha conexión segura para peóns e bicicletas alternativa a N550, que una o núcleo do Milladoiro co sur de Santiago de Compostela. Hai que subliñar que, a pesar da proximidade entre ambos núcleos, neste momento é imposible facelo a pé sen dar un longo rodeo ao ter que sortear puntos sen arcén como a rotonda da Volta do Castro e as entradas e saídas da AP9 na N550. Esta emenda conta co respaldo de Compostela Aberta.

Ademais, Ames Novo presentou emendas conxuntamente con outras mareas municipalistas da comarca. Así, consensuadamente coas de Teo e Val do Dubra, incluíuse unha que permita a posta en marcha do Parque Comarcal de Bombeiros. Esta é unha demanda que leva longo tempo agardando por unha solución e, se ben todos os concellos da comarca están afectados, o Concello de Ames está nunha situación especialmente delicada debido a que está obrigado legalmente polo tamaño da súa poboación a contar con un servizo de extinción de incendios.

Tamén de forma conxunta coa marea que goberna o Val do Dubra se presentou unha emenda para adecuar a estrada que conecta Portomouro con Augapesada, un enlace imprescindible para o tráfico, incluído o pesado, que circula entre aquel municipio e a autovía Santiago – Noia.

Por outra parte, Ames Novo tamén respalda a emenda presentada por Son de Teo para a creación dun centro público de día para maiores en Cornide, centro que ao estar situado no límite entre ambos concellos, daría tamén servizo a zona sur do Concello de Ames (O Milladoiro, Biduído e Bugallido).

A Iniciativa Cidadá Ames Novo expresa a súa confianza en que todas estas emendas sexan recollidas pola maioría parlamentaria do Partido Popular, xa que se trata de atender necesidades básicas para Ames, a maioría delas inaprazables. Ademais dará traslado das mesmas aos gurpo municipais vencellados ao Partido Popular (PP e Pacto x Ames) para que medien ante o seu grupo no Parlamento de Galicia a fin de que estas sexan aprobadas. “Trátase de actuacións que, estamos seguros, as concelleiras e concelleiros da dereita da Corporación tamén asumen como imprescindibles. Estamos seguros de que así o van ver as nosas compañeiras e compañeiros de corporación populares e eles teñen unha capacidade de incidir na maioría parlamentaria da que nós carecemos”, manifestou o voceiro municipal de Ames Novo, Quique Costas.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *