ATENDE

PLENO DE XANEIRO. TOMA DE POSESION DE ANNA G. REIG E CARMEN CALVIÑO COMO CONCELLEIRAS DE AMES NOVO

By on enero 26, 2018

Onte no pleno ordinario do mes de xaneiro, logo de tres meses de burocracia, tomaron posesión das súas actas as novas concelleiras de Ames Novo, Anna G. Reig e Carmen Calviño. Un novo contratempo, de falta de vontade , fixo que o noso voceiro Quique Costas tivese que reclamar como cuestión de orde a incorporación das concelleiras ao comezo do pleno xa que as actas chegaron o día 23 de xaneiro e non se modificou a orde do día para que puidesen participar, intervir e votar ata o punto de mocións.

Incorpóranse así pois ao grupo municipal Iniciativa Cidadá-Ames Novo, xunto a Quique Costas e Roberto Amarelle, as concelleiras Anna G. Reig e Carmen Calviño, ambas partícipes do proxecto municipalista dende o comezo da formación e que inician con ilusión e forza esta nova etapa de traballo e compromiso para mellorar a vida das veciñas e veciños de Ames.

Anna G.Reig, aínda que nacida en Elx (Alacant) reside en Galicia dende 1999 e é veciña de Bertamiráns (Ames) dende 2002. Licenciada en Artes Escénicas, na actualidade é traballadora autónoma e imparte clases de teatro en diversos centros e concellos e como xestora de redes sociais. Leva vencellada ao proxecto de Ames Novo dende o seu comenzo e participa como activista en asociacións e proxectos principalmente do ámbito cultural e social.

Carmen Calviño é veciña de Milladoiro dende hai 25 anos e membro de Ames Novo dende o inicio da andadura do proxecto en 2012. Desenvolve o seu labor profesional na área da saúde como auxiliar de enfermería no SERGAS. No ámbito social é recoñecida polo seu labor, dedicación e compromiso na área educativa, nai de tres fillos, leva máis dunha década participando activamente das ANPAS en Milladoiro: participou da creación da ANPA da EEI da Madalena, foi membro da ANPA de Ventín e na actualidade forma parte da equipa directiva da ANPA do IES de Milladoiro.

Entre as cuestións a salientar aprobadas onte no pleno de Ames destacan a creación dunha nova licenza de taxi para vehículo adaptado no concello e dúas mocións que foron impulsadas polo noso grupo municipal para o seu debate e posterior acordo da corporación local; o rexeitamento á subida das peaxes na AP-9 e o rexeitamento á apertura da mina de O Pino-Touro.

A primeira delas rexeita a subida das peaxes na AP-9, principal vía de comunicación do Eixo Atlántico, e que afecta directamente ao concello de Ames no tramo Santiago-Padrón ao repercutir no incremento do fluxo de transporte de mercadorías e vehículos pola estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro.

Así mesmo, impulsamos unha moción que recolle as demandas das plataformas en defensa da ría de Arousa e Mina O Pino-Touro Non, en solidariedade coas persoas afectadas polo que pode ser un desastre ambiental, social e económico de reabrirse a mina de San Rafael, cuxo impacto pola anterior explotación non foi revertido e que abre a porta a que este modelo de depredación poida o día de mañá afectar a outras localidades do país.

No apartado adicado a rogos e preguntas, os concelleiros de Ames Novo tomaron a palabra en relación ás seguintes cuestións:

Trasladouse ao goberno a necesidade de revisión e reparación no seu caso da ponte do Instrumento (Lapido) así como a instalación de contedores de reciclaxe no mesmo lugar, tamén se reclamou a reparación do empedrado da aldea de Costoia e da coñecida Fonte da Saúde. Ao concelleiro de medio ambiente, unha vez máis, solicitóuselle a retirada da árbore caída na Ponte Cabirta e ao Sr. Alcalde pedíuselle que o concello presione a Patrimonio para que non deixe caer o que queda desta ponte. Finalmente, solicitamos a revisión do selado da fosa séptica do IES de Milladoiro por ter recibido queixas dos cheiros que desprende.

No apartado de preguntas, requiriuse información en relación ás actuacións levadas a cabo para incrementar a seguridade no concello de Ames. Sobre isto, o Alcalde contestou que xa falara coa Garda Civil e existen problemas de baixas sen cubrir neste corpo que están en vías de solución, pero que xa asignaron ao servizo a maiores un helicóptero de vixilancia.

Finalmente, preguntóuselle ao concelleiro de medio ambiente pola convocatoria dunha xornada de formación sobre benestar animal, sen convidar nin informar ás asociacións locais que traballan no sector nin aos grupos municipais; sendo coñecedor do interese que esta cuestión ten para nós particularmente que xa tiñamos un traballo previo de cara a adaptación á nova lei de benestar animal.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *