ATENDE

O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, denuncia no debate do estado do concello a descordinación e falta de decisión política na acción do goberno no debate do Estado do Concello

By on marzo 22, 2018

Dicíamos o ano pasado neste mesmo debate, chegados ao ecuador do mandato municipal, que a este goberno lle sobraran dúbidas e vacilacións e lle faltara determinación política para a transformación do Concello. Lamentablemente, un ano despois, pouco podemos variar ese diagnóstico. Naturalmente que se produciron avances nestes 3 anos, algúns mesmo significativos, respecto do período inmediatamente anterior, con un grupo popular esnaquizado e un alcalde inoperante. O que tampouco é dicir moito, para iso bastaba con apenas facer algo.

Nós xa plantexábamos cando se negociou a formación de goberno que resultou na nosa non incorporación ao mesmo, a necesidade de evoluir dun modelo de goberno tripartito, con sinatura delegada, o que na práctica resulta nun trigoberno, a unha fórmula de coordinación por áreas que facilitase a unitariedade do mesmo. Lamentablemente o tempo viu demostrar que estabamos no certo. E iso é calramente percibido pola cidadanía: Pregunten cal é o modelo global de Concello que ten este goberno. Ninguén, nós tampouco, o sabemos, máis alá de que se poidan percibir algúns obxectivos concretos, a mioría curtopracistas, e isto nin sequera en todas as concellerías.

As políticas dos distintos departamentos non sempre están coordinadas, o que fai que algúns esforzos da maquinaria municipal non dean o rendemento desexable. Voulles poñer un exemplo, por outra parte, recente. A conmemoración da efeméride rosaliana:
As concellerías de Normalización Lingüística e cultura, ambas en mans do mesmo partido, desenvolveron actividades, algunha como o pintado de versos en algúns pasos de peóns ata moi aplaudidas. Mentres, Promoción Económica encárgabase do desenvolvemento da campaña no sector hostaleiro, ou máis ben de anunciala, xa que esa campaña coñecida polo sector só a través da prensa, na práctica non existiu. Nin sequera houbo un cartel do concello que reflectira o conxunto de iniciativas e actividades da celebración. E, lembremos, somos un concello rosaliano.

Outro tanto poderíamos dicir de, por exemplo, as polítcas de mocidade, políticas que deberan ser transversais, xa que afectan de xeito directo aos departamentos de Cultura, Política Lingüistica, Educación, Deportes, Urbanismo, Igualdade e, loxicamente, Mocidade. Pois ben, a Concelleira da área permanece inédita, non se lle coñece no Pleno unha soa iniciativa. As políticas ao respecto desenvolvidas polos outros departamentos ou son inexistentes ou apenas se limitan a continuar programas de actividades xa preexistentes. E todo porque falta unha visión global, unha definición de obxectivos ao respecto que permita unha acción coordinada de todas as pezas do Concello que deberan estar implicadas.

Pero, para alén desa falta de unicidade e definición de obxectivos globais, de cuxos efectos vimos de poñer exemplos, nós queixábamonos de falta de decisión política e de vacilacións. E disto abondan os exemplos:

Un caso para nós de enorme trascendencia é o que está acontecendo na área de Servizos Sociais: Froito do pacto orzamentario ao que chegou o goberno con este grupo no 2017 temos unha ordenanza de Renda Social Municipal e Axudas para a Saída de Situacións de Emerxencia sen dúbida das máis avanzadas e comprensivas de cantas existen no país e no estado. Ora ben, o consenso ao que chegamos na súa elaboración e dotación orzamentaria non se traduce en que compartamos a visión de para que serve este instrumento. Tan é así que desde o goberno nin sequera se fixo un esforzo por dar a coñecer as axudas que esta normativa contén. Temos un instrumento de políticas sociais de primeira orde e vostedes nin sequera sacan peito e presumen del. Eis a diferente visión que temos dese instrumento: Mentres nós o vemos como un recoñecemento de un conxunto de novos dereitos de cidadanía, vostedes o contemplan apenas como un instrumento máis ao que poden recurrir os Servizos Sociais. Non potencian que aquelas cidadás e cidadáns que se encontran nas situacións obxectivas que se contemplan na ordenanza, reclamen o dereito que esa normativa lles outorga, prefiren que esas cidadás e cidadáns sexan meros destinatarios pasivos das axudas.

Tampouco nunha área que é a que sempre contou con unha participación máis activa e organizada da sociedade amesá, como é a de Educación soubo este goberno aproveitar ese dinamismo para xerar sinerxías que optimicen as políticas educativas. Crearon, iso si, un Consello Municipal de Educación que nós xa dixemos no seu día que non ía aportar unha mellor nin maior participación da comunidade educativa. Hoxe, cando nos achegamos aos tres anos de mandato, esa é unha realidade constatable por todos. As ANPAS quéixanse da falta de fluídez na comunicación coa Concellería. Nestes mesmos momentos estamos a vivir unha forte axitación e preocupación entre nais e pais pola imposibilidade de absorber toda a demanda do servizo de comedores. É certo que respecto deste servizo, vostedes e nós partimos dun concepto diferente: mentres para vostedes é un servizo complementario, para nós trátase dun servizo básico e que, xa que logo, debe aspirar a ser universal. Mais, pese a esa diferenza de concepto, nós podemos entender que o marco legal de limitación da autonomía municipal impide, entre outras cousas, a ampliación de plantillas fan que neste momento sexa imposible para o Concello atender toda a demanda. Pero o que está a xerar esa inquietude é a falta de comunicación eficaz e transparente entre o Concello e a comuidade. Non se explicou cales son as custos, características, cativez da colaboración da Xunta e limitacións dun servizo exemplar, ata o punto de que hai usuarios que por esa ignorancia propoñen pasranos ao modelo da Xunta. Nin sequera se fixo partícipe á comunidade no seu conxunto da elaboración dun baremo para priorizar o acceso ao mesmo, dada esa imposibilidade práctica de, en parte, pola propia concepción que vostedes teñen do servizo, absorber o conxunto de demandantes. E este só é o último episodio desa desconexión coa cidadanía implicada. Hai asuntos de calado nos que se descoñece cal é a súa posición como, por exemplo, a creación dunha segunda liña no desbordado Colexio de Barouta, a necesidade dun novo IES en Bertamiráns ou dunha oferta de ciclos formativos de FP no noso concello.

Esta falta de comunicación e participación efectiva da cidadanía é unha das grandes eivas, na política global deste goberno. A día de hoxe seguimos sen dispor sequera dun borrador de regulamento de participación cidadá, pese a ser un dos compromisos subscritos connosco no Pacto de Investidura, reiterado pola súa banda en cada unha das diferenes ocasións en que llo reclamamos.

Non hai unha verdadeira política de comunicación, máis alá da emisión de comunicados de prensa e o mantemento da web municipal. Ames Radio segue a ser a lanterna agochada debaixo da cama, sen audiencia pese ás iniciativas recollidas nos seus novos regulamento e ordenanza reguladores, o que nos leva a plantexar se é mellor pechala (nós pensamos que non, que se trata dun elemento necesario). As dificultades de comuicar sobre a vida municipal nun concello do noso tamaño foron respondidas apenas coa edición do 80km2, que lonxe de ser o que debera un órgano de comunicación municipal plural e aberto á difusión de mensaxes das forzas políticas e sociais, apenas é un panfleto de propaganda do que o goberno fai contado desde a súa única perspectiva…

Especialmente chamativa para nós foi tamén a deriva tomada na área de igualdade. Desde unha inicial posición de respaldo por parte da Concelleira das iniciativas unitarias adoptadas desde a Plataforma Feminista de Ames, foise producindo un gradual desmarque das mesmas que tivo o seu colofón o pasado 8 de marzo, co envío primeiro dunha comunicación ás traballadoras do Concello dicindo que este (supomos que se refería ao Goberno, por canto a declaración institucional dicía outra cousa) apoiaba os paros de dúas horas, en contra da convocatoria unitaria por parte do movemento de xornada de folga, e contraprogramando logo un acto municipal en horario coincidente coa manifestación histórica que encheu as rúas de Compostela, provocando así a ausencia de moitos representantes municipais (todos os do noso grupo) e mesmo de mulleres do goberno nun acto cuxo contido plenamente respaldábamos e que podía e debía terse celebrado no día seguinte.

As mesmas vacilacións, falta de determinación e de obxectivos políticos concretos poderíamos enuncialas na área de Medio Ambiente, onde non acabamos de resolver o asunto da lacería e recollida de animais soltos, mentres seguimos á espera dun borrador que traspoña e adapte a normativa municipal á nova Lei de Benestar Animal da Xunta. Pero, o que é maís preocupante, unha área na que o Concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos está poñendo enriba da mesa a alternativa de cambiar o modelo de tratamento de RSU, que o Concello vén mantendo desde a chegada do primeiro goberno bipartito, como solución ás dificultades polas que atravesa a Mancomunidade en canto que xestor do mesmo. Nós, xa o advertimos e o reiteramos, non imos aceptar ese cambio de modelo, estamos dispostos a colaborar co goberno na busca de solucións aos problemas que temos neste campo mais non imos tolerar que se mude o modelo por un menos eficiente en termos medioambientais e de sustentabilidade.

Na área de desenvolvemento económico e turismo pouco máis se leva feito que manter o que había. As demandas das vendedoras do mercadillo de Bertamiráns referentes a identificación e dotación do mercadillo seguen agardando.
O inexistente mercadillo do Milladoiro segue contando con 2 postos 3 anos despois sen que se achegue ou poña enriba da mesa iniciativa algunha ao respecto. Na área de Turismo nada hai que poidamos criticar xa que, literalmente, máis aló da integración nun organismo mancomunado liderado por Compostela e, de momento, sen actividade coñecida, nada se fixo. E iso a pesar da nosa proposta, aceptada e recollida pola Concelleira da área, de crear unha comisión especial integrada por todas as forzas municipais para a elaboración dun plan turístico estratéxico, que segue esperando a ser constituída 15 meses despois.

Poderíamos seguir enumerando eivas en outros departamentos. Falar da falta de iniciaitivas políticas en materia de economía e facenda, de como a cidadanía do Milladoiro segue carecendo de servizos e dotacións imprescindibles…

Mais o obxectivo desta intervención non é facer unha listaxe exhaustiva de erros ou ausencias, senón poñer de manifesto as consecuencias da falta de unicidade e determinación de obxectivos de cambio transformador para Ames deste goberno. Nós, pola nosa parte imos seguir co que vimos facendo, o mesmo que alimentou o pacto orzamentario de 2017: actuar de elemento traccionador do goberno cara as políticas que ao noso xuízo Ames necesita, colaborando na introdución de elementos de avance e denunciando os titubeos, a falta de escoita activa da cidadanía e as marchas atrás cada vez que se producen, e actuando de elemento transmisor das demandas que a sociedade civil nos traslada.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.