ATENDE

AMES NOVO DENUNCIA A INTENCIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL DE CONXELAR O SERVIZO DE COMEDORES ESCOLARES

By on mayo 13, 2018

En vésperas da reunión do Consello Escolar Municipal fai un chamamento á comunidade educativa para manter o carácter de servizo básico dos comedores escolares e a forzar o goberno a adoptar as medidas que permitan amplialo para absorber a demanda.

O goberno municipal de Ames ten convocada unha reunión do Consello Escolar Municipal para o vindeiro 15 de maio no que se abordará o problema xurdido pola insuficiencia de prazas nos comedores escolares municipais de Ames para atender a demanda, de cara ao vindeiro curso 2018-2019. Como se anunciou por parte das forzas que gobernan Ames (PSOE, Contigo Pódese e BNG) por parte deste trasladarase a súa posición de conxelar o número de prazas ofertadas neste servizo no tope de 1.245, e se trasladarán os datos definitivos de demandantes que non poden ser atendidos dentro dese cupo.

Ames Novo considera que o goberno terá que ofrecer unha solución para atender a todas as nenas e nenos que quedarían fóra para o próximo curso, adoptando as medidas provisionais que para iso sexan precisas, de acordo co carácter básico que se atribúe ao servizo municipal de comedores escolares no seu propio regulamento, aprobado polo Pleno o pasado mes de novembro.

“Para nós trátase dun servizo que cumpre tres finalidades que son esenciais: a pedagóxica, ao educar en hábitos e comportamentos de alimentación saudable, a igualdade, ao permitir conciliar liberando dunha tarefa exercida maioritariamente por mulleres, e a cohesión social, xa que facilita o acceso a unha alimentación sá e equilibrada a nenas e nenos de familias en situacións de necesidade económica”, manifestou o Voceiro Municipal de Ames Novo Quique Costas. É por iso que Ames Novo vai manter a postura que sempre defendeu de que se trata dun servizo que ten que ser capaz de ir crecendo para atender toda a demanda que exista.

Consonte a isto, Ames Novo traslada a súa esixencia de que se poñan en marcha mecanismos pensando no incremento futuro da demanda. “Se chegamos a esta situación despois de tres anos deste goberno foi porque desde a asunción política de que había que poñerlle tope, non se quixo adoptar medidas que evitasen chegar ao punto de saturación”, sinala Quique Costas. Neste sentido o Grupo Municipal de Ames Novo insiste en que é imprescindible que o proxecto construtivo do novo CEIP do Milladoiro que se vai licitar neste ano inclúa os espazos necesarios para comedor e cociñas. “Se o Concello de Ames é o que tivo maior crecemento e o que conta con maior porcentaxe de poboación infantil do país é, en grande medida, polos servizos de conciliación que ofrece desde que foron postos en marcha por Pilar Candocia, exportavoz de Ames Novo, cando era concelleira do BNG. Por iso non podemos entender o xiro dado polo BNG, que é quen ten a responsabilidade de educación, neste tema”, engadiu o Voceiro de AN.

Ames Novo fai un chamamento aos partidos do goberno local a que asuman a necesidade non só de dar solución ao problema urxente das familias que en principio non verían atendida a súa solicitude de praza de comedor para o vindeiro curso, senón tamén a reconsiderar a súa política de conxelación da oferta de prazas aducindo o impacto orzamentario do servizo. Desde a formación cidadá asúmese que é certo que o esforzo orzamentario que fai o Concello de Ames en educación (18%) é considerable, mais, ao mesmo tempo, “temos a certeza de que chegar ata un 20% do orzamento para todos os servizos educativos sería algo perfectamente asumible con uns orzamentos que continúan medrando ano tras ano (25 millóns de euros para 2017) e acaido á nosa estrutura poboacional”, sinalou Quique Costas.

Por último, Ames Novo chama aos membros da Comunidade Educativa representados no Consello Escolar a non renunciar a que os comedores escolares sigan sendo tratados como un servizo básico que ten que ser prestado de forma universal a quen o demanda.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *