ATENDE

QUIQUE COSTAS: ESTAS PRIMARIAS SON MOI TRANSCENDENTES PORQUE ELIXIMOS A QUEN SERÁ SEGURAMENTE O PRÓXIMO ALCALDE OU ALCALDESA DE AMES

By on junio 28, 2018

Conversamos con Quique Costas, candidato a liderar a lista de Ames Novo nas próximas Eleccións Municipais, sobre a súa visión do panorama electoral de Ames e o seu rol como candidato. Na conversa reitera a súa convicción de que, despois das eleccións municipais, á fronte da Alcaldía estará un membro de Ames Novo

Ti dis que queres ser o próximo alcalde de Ames. Trátase só dun xeito de vender ou cres que realmente podes chegar a selo?
Non, non. Non se trata dunha afirmación propagandística. Teño a firme convicción, baseada en datos obxectivos de que Ames Novo pode facerse coa Alcaldía despois das próximas eleccións. Iso é o que fai, se cabe, aínda máis transcendente esta elección en primarias. Estamos a escoller quen moi probablemente sexa o próximo alcalde ou alcaldesa.

Datos obxectivos dis?
Si, totalmente. Mira, nas últimas Municipais quedamos a só 30 votos do PSOE e 36 do PP, que foi a opción máis votada. E iso con unha participación que pasou do 60%, votaron algo máis de 14.000 persoas. Se analizamos o panorama catro anos despois vemos que o PP perdeu prestixio como marca polos casos de corrupción e a perda do goberno central. Ademais volve a presentarse dividido en dúas candidaturas (PP e PxA) o que non favorece que poidan medrar conxuntamente en escanos, suman 7 na actual corporación. Ciudadanos tiña un concelleiro e presenta lista de novo, pero a xente que ía na súa lista vaise presentar con outra marca alternativa, por tanto o máis probable é que perdan ese escano. Así que o máis seguro é que a dereita non chegue sequera aos 8 escanos de 21 que totaliza agora.

E na esquerda?
Eu apostaría a que o PSOE poida subir algo no rural (30% do total do electorado), o que está por ver é que iso compense o desencanto no electorado de esquerdas pola falta de políticas realmente transformadoras e o pouco que se sentiu o cambio e, especialmente, a enorme decepción que se percibe no Milladoiro onde, en xeral, non se avanzou en ningún aspecto. O BNG tivo enfrontamentos pola súa deficiente xestión no goberno con diferentes colectivos (comerciantes, mundo da cultura e, especialmente coas ANPAS en varias ocasións e agora mesmo polo asunto das prazas de comedor), iso é probable que provoque unha migración de parte dos seus votantes. Contigo Pódese está en proceso de desintegración, unha parte importante da xente que o integraba pasouse a Ames Novo ou, simplemente, se descolgou. Só van contar co tirón da marca Podemos (será a que usen nesta ocasión) que, na miña opinión, xa tivo tempos mellores… Se te paras a ver, non é nada difícil que Ames Novo poida remontar a exigua diferencia que nos privou de ser a forza máis votada hai tres anos.

Xa, pero estás partindo de que Ames Novo vai conservar o seu electorado anterior.
Certo. Mais non é tampouco unha asunción gratuíta. A min gústame basear as miñas afirmación na análise de datos obxectivos. E os datos elección tras elección din que en Ames hai un firme solo electoral que se expresa no espazo político que ocupa Ames Novo. AGE foi segunda forza, por detrás do PP nas eleccións autonómicas de 2012 e empatou co PSOE nas pouco motivadoras Eleccións ao Parlamento Europeo de 2014, logo nas municipais produciuse o triplo empate entre nós, PP e PSOE, e nas autonómicas últimas En Marea foi votada polo 23,6%, por riba da media do país. Así que parece que a solidez do espazo electoral está fóra de calquera dúbida.

E, asumindo que o próximo alcalde será de Ames Novo, que che fai pensar que ti es a persoa idónea para ocupar o cargo?
Muller, autogabarse produce certo pudor. Pero o certo é que se un se postula para un cargo é porque pensa que está capacitado para desempeñalo. No meu caso creo que conto con dous elementos a favor que son esenciais: vontade de acometer as políticas transformadoras que necesitamos e un coñecemento a fondo do funcionamento do Concello para poder levalas a cabo. Creo que a miña traxectoria como activista en diferentes frontes, e moi senlleiramente a última etapa liderando o movemento de pacientes de Hepatite C, avalan a miña capacidade de combinar determinación obstinada con comprensión dos mecanismos e a acción política para acadar obxectivos que, de entrada, semellan difíciles de alcanzar.
Por outra parte, estiven traballando dous anos no mandato anterior co grupo municipal facendo, sen remuneración, labores de secretaría do mesmo e formo parte do Grupo Municipal no mandato actual facéndome cargo agora tamén da Portavocía do mesmo. Encargueime directamente da redacción da normativa municipal vixente en materia de política social (Renda Mínima e Axudas de Emerxencia) e participei na elaboración de boa parte das ordenanzas e normativas municipais, ademais de nas negociacións dos dous últimos orzamentos municipais (nos que conseguimos introducir as únicas pinceladas de aquelas políticas que definen os concellos do cambio que se produciron neste período). Todo iso dáme un coñecemento non só da maquinaria municipal senón tamén das súas reviravoltas e dos mecanismos que, moitas veces, hai que empregar para sortear as innumerables normas que frean os intentos de pór en marcha políticas progresistas…

Queda un ano por diante ata as Eleccións Municipais. Cales con as tarefas que terías que asumir de ser electo candidato de Ames Novo?
Un ano pasa moi rápido. Cando un ten a miña idade incluso demasiado (ri). Despois de que teñamos decidido quen vai liderar o proxecto non hai tempo que perder. O luns mesmo hai que poñerse mans á obra.
A primeira tarefa que haberá que afrontar é ir remobilizando á xente, máis de 300 persoas que compoñemos a Iniciativa Cidadá Ames Novo. A experiencia dinos que é moi difícil manter mobilizada a xente fóra dos períodos electorais, máis aínda se non estás, como no noso caso, no goberno. Pero haberá que ir falando con toda esa xente para que colectivamente recuperemos a ilusión que case nos levou á vitoria. Só nos apartou dos labores de goberno un pacto entre BNG e Contigo Pódese co PSOE que deturpou os resultados electorais, cedendo o liderado do goberno municipal aos 4 concelleiros socialistas cando había unha maioría de 9 concelleiros das forzas que nos proclamábamos de cambio. O obxectivo estratéxico é ter reconstituída a Asemblea Cidadá a finais de este ano ou comezos de 2019 para que esta asuma as rendas de todo o proceso electoral.
Ao mesmo tempo hai que intensificar a relación con todo o tecido asociativo e a presenza eficaz no rural. O feito de termos unha persoa na que referenciarnos vai ser de gran axuda nestes contactos. Non é o mesmo relacionarse con un ente colectivo, en certo xeito abstracto, que poderlle poñer cara a ese proxecto. De algún xeito, como candidato electo tés que asumir ser a “personificación” do proxecto. E iso non é personalismo, ao contrario, é ser quen lle pon cara a unha vontade colectiva na que as decisións as tomamos entre todas.
E todo iso terei que combinalo, se son eu a persoa elixida, co traballo institucional como Voceiro do Grupo Municipal. Claro que non son labores incompatibles nin que se interfiran, ao contrario, trátase de funcións que se complementan e potencian unha a outra.

Pois sorte
Grazas. Eu creo que para Ames Novo xa é unha sorte saber que neste proceso hai dúas persoas que están dispostas a asumir o reto. Creo que, calquera que sexa a decisión, como colectivo sairemos gañando.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *