ATENDE

O PP de Ames suprime o acto institucional do Día de Galicia

By on julio 23, 2012

O Goberno de Ames suprimiu o acto institucional do Día de Galicia que se celebraba desde 2003. O Partido Popular mostra o seu desprezo aos lugares de encontro cidadán e institucional na defensa da identidade común. O PP tenlle medo a cidadanía e aos actos públicos, sabedor da resposta social as medidas contrarias á maioría social.

Ames sempre Galicia foi o lema que presidiu desde 2003 a celebración do día no que nos recoñecemos o conxunto das galegas e galegos. Todos os anos arredor do 25 de xullo o Concello de Ames realizaba un acto institucional aberto á toda a sociedade amesá, no que participaban os membros da corporación e ao que estaban convidadas todas asociacións e personalidades do noso municipio. A instauración do Día de Galicia sempre foi concibido como un lugar de encontro cidadán que recoñecía o que nos é común, a identidade galega como un proxecto común, a todas as ideoloxías e a toda a sociedade.

Aínda o pasado ano 2011, baixo o goberno do PP, tivo lugar o acto de celebración do día de Galicia. Neste ano pretende rematar cunha práctica asentada entre nós e apreciada pola cidadanía amesá: a celebración do Día de Galicia tiña o valor do recoñecemento e orgullo de aqueles elementos que nos unen como comunidade, e a aposta de Ames por contribuír a ese patrimonio común; ao tempo que era o único acto de encontro cívico no que a representación política municipal se xuntaba co tecido civil e social de Ames. O goberno Popular despreza un acto que afirmaba o galeguismo compartido e o encontro cívico da sociedade amesá.

Esta manifestación de desidia e desprezo ten que ver co medo á cidadanía que está demostrando o goberno Popular. Saben que as súas decisións do PP son impopulares e teñen resposta social, a cidadanía xa non está resignada e non cala como eles pensaban. O goberno de Ames é consciente da resposta da veciñanza en contra do cobro retroactivo do lixo no rural, o que está provocando que o goberno evite o contacto público. O PP escóndese nos despachos e esquiva os actos públicos nos que prevén a presenza dos veciños contra a taxa do lixo, esta é unha práctica que levan facendo desde hai meses. Saben que boa parte da cidadanía retiroulles o seu apoio, e téñenlle medo á xente. Hai tempo que o PP deixou de ser un partido popular.

About Admin