ATENDE

A PROPÓSITO DA RE-UNIFICACIÓN DA DEREITA AMESÁ

By on septiembre 21, 2018

Estes días saltou a nova de que PP e Pacto x Ames chegaron a un acordo para reunificarse e concorrer como unha soa opción ás eleccións municipais.

QUIQUE COSTAS

O primeiro que cabe preguntarse diante desta nova é: muda algo realmente na política local? Desde o noso punto de vista non. Ambos grupos non eran máis que dúas variantes do Partido Popular e viñan mantendo idénticas psicións ideolóxicas e políticas. Conforme foi avanzando o actual mandato municipal, o seu nivel de concertación na política municipal foi cada vez maior e, dende hai case dous anos, tiñan estratexias claramante pactadas, como se podía ver en cada Pleno (repartíanse a argumentación nas súas intervencións), e nas numerosas notas de prensa conxuntas. Xa que logo, pouca sorpresa o anuncio.

Sen embargo cómpre recordar a xénese da separación (agora sabemos que temporal) destas dúas “familias” populares. Despois de que en 2011 o PP conquistara a maioría absoluta, tras o goberno en minoría voluntaria e en solitario de Carlos Fernández, estes constituíron goberno presidido por Santiago Amor e con Ramón Argibay como primeiro tenente de Alcalde e manexador dos fíos do mesmo. E así gobernaron, con unha liña fortemente reaccionaria, desde a constitución da nova Corporación en Xullo de 2011 ata finais de 2012. As tensións entre ambos non eran un secreto e o nomeamento de unha empregada de confianza, no que cada parte tiña as súas apostas serviu de detonante definitivo da ruptura. Argibay e e os seus fieis boicotearon ao Alcalde Amor. Este destitiuiu a Argibay como Primeiro Tenente de Alcalde (co refrendo da dirección provincial do partido), e outros cinco edís populares reaccionaron renunciando ás súas delegacións de goberno, polo que foron logo expulsados do PP. Unha vez que se incorporaron ao Grupo Municipal de non adscritos, optaron por constituír a súa propia marca, Pacto x Ames, e con iso acabou de callar a escición formal. As consecuencias son de todas coñecidas: Amor quedou gobernando co apoio de só 4 concelleiras e, mentres Argibay exercía unha oposición sistemática centrada en demostrar a incompetencia (por outra parte manifesta) do equipo que quedaba no goberno. Todo iso revertiu nunha práctica parálise da acción municipal, con un Concello que funcionaba apenas pola inercia do que xa había e a dedicación do persoal municipal.

Logo, nas eleccións municipais de 2015, Argibay concorreu coa súa flamante marca, presumindo de que entre as súas principais virtudes estaba a de ser unha forza que “non ten obediencia partidaria algunha fóra de Ames”. O resultado da competencia entre ambas ramas da dereita foi que o PP obtivo 4 escanos e PxA 3. O total de 7 quedaba moi lonxe da maioría absoluta dos 21 escanos do Pleno de Ames, mesmo se conseguisen sumar a única acta obtida por Ciudadanos.

As relacións entre ambos grupos foi un tanto recelosa ao principio, con PxA até intentando un tibio aopio ao goberno tripartito. Mais iso pronto mudou para converterse en cada vez máis manifesto idilio político. A febleza dos resultados electorais parece que convenceu aos inimigos da necesidade de enterrar as armas. O PP, agora dirixido por unha mestura de renovación e poder dos sectores tradiconais (Oliva Agra ten ambas connotacións a un tempo) decidiu esquecer o papel de “traidores”  (así os calificaban) e ata algunha afrenta directa a súa propia familia por parte de Argibay e compañía. E, por outra parte, estes non tiveron maior reparo en volver, como o fillo pródigo á casa do pai. Iso si, non parece que tiveran que vestirse con un saio nin facer maior penitencia e, como na parábola bíblica, foron acollidos con festexos e os brazos abertos. O PP, aparte enxugar os efectos da division en dúas candidaturas, parece que deste xeito resolveu o problema dunha cabeza de lista que lle custaba atopar para a súa candidatura amesá. O argumento xustificativo desta viaxe de ida e volta, na versión pactada por ambas partes, é simple: O problema era Santiago Amor e, morto o can, acabou a rabia. Claro que a parte que non contan é que Santiago Amor veu os seus servizos recompensados polo PP en forma de cargo na Xunta, creado ad hoc e ben remunerado, o que non encaixa demasiado ben co feito de convertelo no nó goirdiano dos males do partido en Ames.

Con todo, está por ver a eficacia que en termos electorais poida ter está reunificación dos que eran versións da mesma cousa, con apenas enfrontamentos derivados da ambición persoal. Os datos son os que son: se tivesen sumado os votos obtidos por ambos nas eleccións municipais últimas o resultado sería idéntico, 7 escanos. Por tanto non parece que este movemento vaia ser determinante nun momento en que as siglas do PP cotizan á baixa. O único que teñen a favor é que parece que poden garantir ser a primeira forza electoral por máis que a relevancia diso (só obterían maioría absoluta crecendo un 50% en votos) dependerá absolutamente dos acordos a que chegue a esquerda despois das eleccións

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.