ATENDE

AMES NOVO DENUNCIA O INCUMPRIMENTO POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL DO ACORDO POLÍTICO ORZAMENTARIO

By on octubre 5, 2018


A incorporación de parte do remanente de tesourería ao orzamento de 2018 fíxose sen ser consensuado coa Iniciativa Cidadá, en contra do establecido no acordo político.

O alcalde de Ames ven de convocar a comisión de economía para informar da convocatoria dun Pleno extraordinario no que se tratará a incorporación de 214.000 € procedentes do superávit nos orzamentos de 2017 aos orzamentos do presente exercicio. Esta ampliación do crédito orzamentario é consecuencia do decreto de 23 de marzo polo que se dá cumprimento ao pactado no seu día entre a FEMP e o ministro Montoro para permitir que as administracións locais puidesen gastar parte dese diñeiro sobrante dos seus orzamentos.


Precisamente, en previsión desa incorporación de máis diñeiro para gastar no exercicio 2018 que aquel inicialmente contemplado no orzamento, o acordo político subscrito o pasado 27 de marzo entre o Alcalde Miñones en representación do goberno local, e o Voceiro de Ames Novo, Quique Costas en representación da marea municipal, establece entre os compromisos que ambas partes adquiren:

5.- Negociar e pactar conxuntamente o destino das cantidades que resulten como ampliación de crédito do acordo entre a FEMP e o Ministro Montoro para investimentos do superávit 2017. Esta ampliación será considerada e tratada como parte inseparable deste orzamento”.

“Que esta incorporación de crédito e a asignación de en que vai ser empregado se fixera de xeito unilateral, sen consulta algunha, séndonos trasladado unha vez que xa estaba asignado, é unha violación flagrante dun acordo básico e así llo transmitimos ao goberno”, manifestou Quique Costas. “Pola nosa parte fomos absolutamente leais e consecuentes co pactado e nos parece inaceptable que a outra parte incumprise un dos acordos explícitos asinados no seu día no pacto que levou á aprobación das contas,” engadiu, “o que nos sitúa nun escenario que dificulta, sen dúbida, o entendemento futuro co goberno local.

Por outra parte, Ames Novo manifesta o seu desacordo con que o total do diñeiro que agora se incorpora ao orzamento sexa destinado a obras. “A norma establece unha serie de partidas ás que se pode destinar este diñeiro e, de terse consensuado connosco, a súa utilización ía estar, desde logo, máis diversificada”, dixo o voceiro e candidato de Ames Novo a Alcaldía.

Na análise feita por Quique Costas “este episodio ven poñer de manifesto, unha vez máis, que o goberno parece ter perdido a perspectiva da sua situación de minoría, actuando como se tivesen maioría absoluta. Nunca foi nin será a nosa unha estratexia de bloqueo, como a que parece seguir a dereita municipal, na que paguen as consecuencias as veciñas e veciños de Ames, pero o goberno ten que ser consciente de que na súa situación de debilidade só poden sacar as cousas adiante se buscan o apoio de outras forzas da Corporación e isto só é posible mediante o establecemento de consensos sobre os temas. Non parece, xa que logo, o incumprimento dos pactos asinados a mellor estratexia para acadalo”.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.