ATENDE

Minoría absoluta do PP de Ames, na corporación e na sociedade

By on julio 27, 2012

O goberno do PP perseguido polos veciños. Foto Alex Righi

O Pleno de Ames demostrou que o goberno Popular perdeu a maioría social que o sustentaba e posiblemente o propio apoio para continuar gobernando. O goberno de Santiago Amor impediu no Pleno de Orzamentos que a oposición retirase as súas propias emendas. Esta manobra ilegal e antidemocrática foi mantida polo alcalde contra o criterio da secretaria municipal co obxectivo de evitar unha votación que impediría a aprobación do Orzamento de 2012. En Ames os recortes non son só económicos, son tamén democráticos.

Os feitos

O Pleno de Ames do 26 de xullo de 2012 incluía como punto principal a aprobación dos orzamentos municipais de 2012.

Na constitución do Pleno estaban ausentes 3 concelleiros do grupo Popular, un de baixa por motivos de saúde, Manuel Ferreiro, e dos outros, Alfonso Rey e Dolores Fernández, descoñécense os motivos e non achegaron xustificación.

No inicio do punto de Orzamentos o Concelleiro de Ames Novo Anxo Doval trasladou á mesa, alcalde e secretaria, a documentación acreditativa das emendas. As emendas presentadas eran: unha conxunta co Partido Socialista e que recollía a posición común da Plataforma do lixo solicitando a retirada da partida de ingresos dos anos 2009, 2010 e 2011 do lixo do rural, e outras propias de Ames Novo en diversas áreas.

Logo da presentación das emendas o alcalde indica que as emendas requiren ser informadas pola intervención municipal dado que implican modificación de partidas, e por tanto o orzamento quedaría pendente de aprobación no seguinte Pleno. Hai que aclarar que por primeira vez non se habilitou un procedemento e un prazo específico para tratar o Orzamento, polo que o procedemento ordinario habilitaba 3 días (desde a achega da documentación á realización da comisión) para analizar os 658 folios dos que consta a documentación. Na comisión preparatoria do Pleno realizada o día 20 de xullo foi ditaminado o Orzamento, coa abstención dos grupos da oposición e do concelleiro Popular Emilio Martínez Carballeira.

Ante a manobra do alcalde, que quería evitar a votación do Orzamento estando en minoría, o grupo de Ames Novo solicita a retirada das emendas. Deste xeito, habería que votar o Orzamento no propio Pleno e non sairía aprobado.

O alcalde pretende continuar co Pleno desconsiderando o reclamo da oposición. A partir de aí varios/as concelleiros/as interpelan ao alcalde advertindo que a retirada das emendas é un dereito que non pode ser vulnerado polo alcalde. As concelleiras de Ames Novo, Olalla Alvite, Pilar Candocia e Anxo Doval, xunto ao portavoz socialista, José Miñones, insistiron en alta voz que iso era un atropelo aos seus dereitos. Ante a solicitude de Pilar Candociaa secretaria municipal sinala que os propoñentes dunha emenda teñen dereito a retirala, unha vez aclarado a propia Candocia indicou que os levarían ao xulgado por esta cuestión.

Ao infrinxir as máis mínimas formalidades democráticas a voceira de Ames Novo manifestou que se levantaban e se ausentaban do Pleno, o que foi seguido por todos os concelleiros da oposición. Nese momento as persoas que enchían o salón de Plenos romperon a aplaudir a actitude da oposición e acto seguido a berrar “dimisión” mentres ían abandonando a sala.

Os oito concelleiros do goberno remataron os dous puntos pendentes de debate no Pleno.

Xa fóra, a xente do rural presente continuou protestando contra cobro retroactivo do lixo e pedindo a dimisión do alcalde e do goberno de forma completamente cívica. Estivo agardando ata que saíu o goberno que foi fortemente reprendido polos numerosos veciños presentes, que os perseguiron pola rúa ata que marcharon nun coche. O tenente alcalde, Ramón Argibay, e outros concelleiros continuaron andando, e a xente concentrada foinos perseguindo ata que definitivamente fuxiron noutro coche.

Candocia explica á cidadanía o acontecido Foto: Alex Righi

A valoración

O goberno está completamente fracturado e nin sequera é capaz de sacar adiante o documento máis importante do Concello. É evidente que as ausencias foron deliberadascon intención de exteriorizar o conflito interno. O PP xa non é capaz de garantir unha mínima actuación unívoca do goberno, se os propios concelleiros do PP son quen de deixar en evidencia ao alcalde e ao goberno está claro que a ruptura é fonda e irreversible. Este goberno non está en condicións de rematar o seu mandato.

O PP de Ames atópase en minoría absoluta. A minoría presenciada no Pleno correspóndese tamén coa minoría cidadá. O goberno de Ames perdeu a súa maioría na rúa, xa non conta co apoio da maioría da sociedade. Son os seus propios votantes quen están pedindo a súa dimisión, e quen manifestan a súa incredulidade ante actuación e a súa sensación de estafa, vendo que o goberno fai o contrario do que prometeron e do que lle criticaban ao anterior alcalde. Este non é o goberno votado pola maioría da cidadanía de Ames.

Ante esta situación de debilidade o goberno ten arranques autoritarios, o acontecido no Pleno de Orzamentos é un completo desprezo ás mínimas garantía democráticas. Unha norma universal do procedemento institucional, que o propoñente dunha emenda poda retirala, non rexe na corporación amesá. O alcalde entende que presidir a institución significa facer o que el mande e o que convén ao Partido Popular. En palabras de Candocia “os recortes non afectan só aos servizos, en Ames tamén hai recortes dos dereitos democráticos e das liberdades públicas. O Alcalde confunde exercer a autoridade co autoritarismo”.

Ante esta situación Ames Novo esta avaliando cos seus asesores xurídicos a posibilidade de presentar unha demanda nos xulgados co obxectivo de salvagardar os seus dereitos como representantes e membros da corporación. A actuación do alcalde é manifestamente ilegal, ao negar o dereito a que un concelleiro retire as emendas que el mesmo propuxo, contra a advertencia da propia secretaria municipal. Ames Novo reclamara que se restitúa a situación, de forma que o Pleno continúe no punto, e cos mesmos participantes, no que foi abruptamente violentado, para garantir as normas básicas do funcionamento democrático.

Pilar Candocia concluía “Esta situación é insoportable para a cidadanía de Ames, non podemos botar tres anos de guerras intestinas e co Concello paralizado. Non fan, nin deixan facer. Cando máis falta fai que os gobernantes dean exemplo e estean ao lado da xente, en Ames temos un goberno actuando contra a maioría social, un goberno insensible, incapaz, que fai de todo menos gobernar. O PP de Ames non está á altura da súa cidadanía, Ames merece outro goberno. Estamos sen alcalde, sen concelleiros, sen proxecto, sen iniciativa e sen diálogo coa cidadanía, falta todo cando máis se necesita. Este goberno debe dimitir.”

About Admin