ATENDE

Un goberno de costas á cidadanía

By on agosto 31, 2012

(Ames 31-08-2012) O Pleno de Ames do mes de agosto escenificou a situación do noso concello: a cidadanía deulle as costas ao goberno, despois de que o seu goberno se puxese de costas á xente. Os veciños do rural encheron o público desbordando o salón de Plenos para trasladar a cívica protesta da Plataforma do lixo. Ames Novo fixo valer a dignidade da súa representación cidadá para evitar que o alcalde elimine os seus dereitos como concelleiras e concelleiros.

Durante o Pleno a maioría do público asistente deuse a volta diante das intervencións do goberno, e ataviados con bolsas do lixo negro escenificaron a protesta en contra do cobro retroactivo do lixo. A escena era moi representativa da situación municipal de Ames: un goberno alleo aos problemas da xente, adoptando medidas contrarias á maioría da sociedade, un goberno que non dá a cara, que lle dá as costas á sociedade que representa. En fronte a cidadanía con toda a súa dignidade tamén lle dá as costas ao seu goberno, manifestando o desacordo cunha medida inxusta e o desprezo ante esa forma de gobernar. Tamén se percibe como o goberno perdeu a súa maioría na rúa, hoxe xa non conta co respaldo da maioría da sociedade amesá, é un goberno ilexítimo.

O tema estrela era a aprobación dos orzamentos do 2012, e neste punto as/os concelleiras/os da oposición decidiron non intervir como protesta á vulneración dos seus dereitos. No Pleno anterior o alcalde non permitiu que Ames Novo e o PSOE retirasen as súas propias emendas, contra o criterio da secretaria municipal quen recoñeceu este dereito. Ambas forzas políticas presentaron un recurso de reposición que aínda non foi respondido polo alcalde, nesta situación o punto non debería ser tratado ata que se repoña a legalidade e se restablezan as regras de xogo democrático. Esta trangallada foi feita polo goberno do PP para evitar perder a votación dos Orzamentos no Pleno dado que estaba en minoría polos seus conflitos internos. Se o alcalde non resolve Ames Novo continuará coa demanda nos tribunais.

Neste punto Pilar Candocia emprazou ao alcalde a que dera a cara, a que mirase aos ollos a xente, e que soubese afrontar as consecuencias dos seus actos. Candocia sinalou que o goberno non pode adulterar as regras do xogo “é unha vergonza ver como vostede que tanto criticou as formas alcalde anterior pola súa prepotencia, agora o faga moito peor, atropelando os dereitos básicos dos representantes cidadás”. Entre aplausos dos asistentes Candocia comentou “comprendo moi ben que a cidadanía estea farta destas maneiras retorcidas e hipócritas dos partidos tradicionais, que din unha cousa e fan a contraria”, “quen o viu e quen o ve señor alcalde, nin a min nin ao grupo de Ames Novo nos verá facendo estar cousas, non é o noso estilo; antes de facer algo así marcho para a miña casa coa cabeza alta, a política pode ser unha cousa moi digna, pero desde logo non o que vostedes fan”.

Outro punto relevante foi referido ao Plan da deputación DTC-94, no que o goberno decidiu que estes fondos, concibidos orixinariamente para investimento, se destinasen a gasto ordinario, en concreto para a limpeza urbana. O concelleiro de Ames Novo Anxo Doval puxo en evidencia as contradicións e a incapacidade do goberno no ámbito da xestión económica: “primeiro din que cos prestamos solicitados xa era suficiente para dispoñer un orzamento equilibrado e agora teñen que botar man de recursos externos para o gasto corrente”. O PP mostra a simplicidade da súa política económica: facer cadrar as contas, depreciando o valor dos investimentos en obras municipais na calidade de vida dos veciños pero tamén como un factor para a dinamización económica e o emprego. Anxo Doval mostrou a incompetencia dun goberno que, tendo maioría absoluta, trae os orzamentos a 4 meses de rematar o ano e sen ter presentado a liquidación do exercicio anterior; todo isto, logo da queixa continua do PP a respecto do goberno anterior polos atrasos na presentación das contas, e logo que ano pasado o Concello estivese a punto de perder a contribución estatal por non presentar as contas en prazo.

Outro ámbito onde se viu confrontación de modelos políticos foi en referencia a un convenio para un Obradoiro de emprego. Ames Novo apoia completamente a implicación municipal na cualificación profesional pero oponse ao modelo proposto polo PP que vai conveniar cun centro privado, ao que lle paga por desenvolver a docencia e as prácticas dos alumnos. Pilar denunciou a política privatizadora do PP neste campo, no que Ames debería contar con varios centros de día públicos para atender as necesidades da xente maior. Está proposta é moi perigosa dado que se lles dá “un caramelo aos usuarios, que recibirán atención durante os 6 meses do obradoiro, para logo quitárllelo e non se sabe que pasará con eles. Esta proposta favorece de facto a privatización dun servizo que ten que ser público que a cada paso Ames precisa máis.”

Outros temas como a aprobación da xuíza de paz substituta e o calendario de festivos locais -San Xosé e a Ascensión- foron aprobados por unanimidade, nun Pleno no que os protagonistas volveron a ser os veciños do rural e a súa cívica protesta.

About Admin