ATENDE

GOBERNO MUNICIPAL E AMES NOVO PECHAN O ACORDO SOBRE O ORZAMENTO PARA 2019

By on febrero 22, 2019
Sinatura orzamentos 2018. José Miñones Alcalde de Ames e Quique Costas voceiro Ames Novo

O Goberno municipal e a marea municipalista ultimaron os detalles do acordo que garantiza a aprobación duns novos orzamentos para o presente exercicio. O acordo engloba a ampla maioría da Corporación local e a maioría social de Ames.

Nunha xuntanza na que participaron Blas García (PSOE), Genma Otero (Contigo Pódese) e David Santomil (BNG) en representación do goberno local, e máis Quique Costas e Carmen Calviño en representación do grupo municipal Ames Novo, afináronse os últimos detalles do proxecto de orzamentos para 2019. Deste xeito quedou concretado o acordo inicial ao que ambas partes chegaran na reunión do pasado día 15 e culmínase o proceso de contactos e negociacións entre ambas partes que se iniciara o pasado mes de novembro.

Os orzamentos, que se presentarán ao Pleno para a súa aprobación en canto estea rematada a tramitación administrativa do preceptivo expediente, fan unha aposta pola continuidade das políticas marcadas nos dous orzamentos anteriores, pactados polos mesmos actores, e incorporan un incremento de 1,1 millóns de euros nas contas municipais que, deste xeito chegarán a superar os 25,8 millóns de euros. Ademais, as contas pactadas permitirán incrementar as partidas que o Concello destina aos comedores escolares municipais e prevén un investimento, de execución inmediata, de 454.000 euros para a construción dun novo comedor no CEIP da Maía que virá a incrementar de xeito notable a capacidade do servizo. Outro dos capítulos novidosos do orzamento e o de investimentos da estratexia DUSI de fondos europeos dotado con 1.832.000 que irán destinados a actuacións en materia de mobilidade e transporte, urbanismo, administración electrónica e equipamentos para mocidade.

O Goberno municipal e Ames Novo coincidiron en subliñar que a aprobación de orzamentos para cada exercicio debera constituír un elemento de normalidade en calquera administración, fronte a anomalía de ter uns orzamentos prorrogados durante catro exercicios consecutivos como ocorreu no Concello entre os anos 2012 e 2017. Destacan, asemade, que este acordo é froito dun esforzo feito desde ambas partes, no exercicio dunha negociación con xenerosidade, na procura do ben común para as veciñas e veciños de Ames, antepoñendo ese interese xeral aos intereses de parte ou as estratexias electorais.

Este acordo garante a aprobación do orzamento municipal, toda vez que é subscrito polas forzas que agrupan a un total de 13 dos 20 membros que actualmente compoñen a corporación local e que aglutinaron nas eleccións municipais de 2015 o 60,5% dos votos a candidaturas fronte ao 31,4% acadado conxuntamente polas dúas formacións da dereita, agora reagrupadas no Partido Popular. Trátase, por tanto, destacan os negociadores, dun pacto que representa non só a maioría política da corporación senón tamén a unha ampla maioría da sociedade amesá e que permitirá un crecemento notable dos recursos económicos dispoñibles e dos servizos e equipamentos postos a disposición de todas as veciñas e veciños.

Ames, 22 de febreiro 2019

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.