ATENDE

A oposición de Ames cualifica de fracaso a campaña de campamentos de verán do Concello, que se encareceron nun 56% e tiveron un 25% menos de participantes

By on septiembre 11, 2012

Ames Novo e o Partido Socialista denuncian que, coa suba xeralizada de prezos, o goberno do PP deixou sen campamentos a máis dun cento de rapaces e rapazas de Ames

Os datos confirman o fracaso da política de suba de prezos de Santiago Amor, tal e como advertiran en repetidas ocasións.

7 de setembro de 2012.- Os grupos municipais de Ames Novo e do PSOE cualifican de fracaso a campaña de campamentos de verán 2012 do Concello de Ames, que se pechou cun 25% menos de participantes. Os dous grupos da oposición municipal consideran que este forte descenso da participación con respecto a 2011 está motivado pola espectacular suba de prezos establecida por Santiago Amor e o Partido Popular.

Ames Novo e PSOE de Ames aseguran que o tempo lles dá a razón cando advertiran da repercusión negativa que tería sobre as familias amienses a política de suba de prezos aplicada polo Partido Popular, pero que o alcalde non quixo atender as advertencias dos grupos municipais nas distintas sesións plenarias. Os datos demostran que Santiago Amor incrementou os prezos de todos e cada un dos seis campamentos de verán organizados con respecto aos programados polo anterior Goberno socialista. Isto supuxo un incremento medio do 56,55% nos prezos por fillo para as familias de Ames.

Amor deixa a 104 nenos sen campamentos

O concelleiro socialista Francisco Doval critica que “Santiago Amor deixou a 104 rapaces de Ames sen campamentos de verán, xa que as súas familias non foron quen de asumir a brutal subida de prezos decretada polo Partido Popular”. E é que se o prezo medio dos campamentos en 2011 (os últimos organizados polo anterior Goberno) era de 104 euros por rapaz, o mesmo dato con Santiago Amor á fronte do Concello de Ames supuxo un incremento de case 65 euros por rapaz, ata unha media de 168 euros.

No actual momento de crise económica que están a sufrir as familias, e que en Ames é aínda máis grave xa que vai acompañada doutras subas brutais nas taxas municipais, a decisión de Santiago Amor deixou sen campamentos a máis de cen nenos e nenas do municipio”, confirma Susana Mayo, concelleira de Ames Novo, quen lembra que “Amor e o PP demostran con feitos unha vez máis que non lle importan as familias de Ames”.

Orzamentos

Tanto Ames Novo como o PSOE de Ames tamén chaman a atención sobre o feito de que esta brutal suba dos prezos dos campamentos coincida coa aprobación dos primeiros orzamentos de Santiago Amor á fronte do Concello. Uns orzamentos que non só foron aprobados vulnerando os dereitos dos grupos municipais da oposición, senón que recollen a previsión dun superávit de medio millón de euros. Un superávit que Santiago Amor conseguirá grazas a afogar á veciñanza con subidas de todos os impostos e taxas.

PSOE de Ames e Ames Novo consideran que o descenso da participación nos campamentos de verán é só o primeiro exemplo dos brutais recortes do PP na partida de servizos sociais, que supón 228.000 euros menos para benestar social, 200.000 euros menos para servizos sociais, 422.000 euros menos para formación e emprego dos amienses, 210.000 euros de recurte en deportes e un hachazo de ata 700.000 euros menos en cultura.

About Admin