ATENDE

Pleno de setembro, o outono do goberno de Ames

By on octubre 4, 2012

O Pleno de setembro pouco tivo que ver coa orde do día establecida polo alcalde. Ante a ausencia de temas relevantes o foco de atención centrouse no problema do lixo no rural, tanto pola concentración convocada pola Plataforma, como pola filtración do goberno aos medios do Informe da Deputación feita o día anterior coa intención de desmobilizar aos veciños do rural. De feito, o Pleno comezou antes de entrar ao salón, cando a cidadanía que quería acceder ao consistorio se atopou coas portas pechadas, coa garda civil e co trato desigual en función da proximidade ideolóxica ao goberno.

Casa do pobo ou casa Popular?

O Partido Popular tennos acostumados a considerar as institucións públicas como fincas particulares. Pensan que o público é propiedade de quen goberna, e que o alcalde pode facer o que queira no espacio que é de toda a cidadanía. O Pleno municipal é un acto público aberto a toda a veciñanza, sen embargo as persoas que asistiron ao Pleno vimos como o alcalde organizaba á súa conveniencia a situación. As portas estaban pechadas salvo para os amigos, é dicir, o acceso estivo restrinxido pero a xente que se achegou ao Pleno para apoiar ao PP entrou por unha porta lateral, de xeito que cando abriron ao público as portas os amigos Populares xa estaban dentro. Todos somos iguais, pero hai uns que son máis iguais que outros.

Todas as mobilizacións da cidadanía rural foron completamente cívicas. Non houbo nunca o menor indicio de violencia e a xente tivo un comportamento exemplar en todo momento, cousa distinta é que @s asistentes ao Pleno manifestasen o seu malestar e a súa indignación tanto sobre a inxustiza como sobre actitude do goberno. O certo foi que a entrada ao Concello estaba custodiada por axentes de Garda civil e da Policía municipal; isto nunca acontece e resulta unha provocación xa que presupón que a cidadanía que se achegaba ao Pleno era potencialmente conflitiva, e converte a expresión cívica de cidadáns nun grupo do que hai que defenderse con axentes da orde.

Todo un despropósito: a presenza da garda civil, as portas pechadas coa xente fóra ou o feito de colar no Salón aos militantes do PP antes do resto dos asistentes; unha provocación que trouxo malestar desde o primeiro momento. Como sempre, o PP apagando lume con gasolina. Afortunadamente a cidadanía de Ames é máis madura que o seu goberno e non houbo incidentes. A xente sabe que a Casa do Concello é a casa de tod@s e non do goberno de “turno”. O PP leva tempo despistado, pensa que trata con súbditos, pero trata con cidadás e cidadáns moi responsables e conscientes dos seus dereitos.

Nada por aquí, nada por alá

O Pleno, como ven sendo habitual, non trae a penas cuestións de interese. O de setembro non recollía ningunha proposta da alcaldía, simplemente a aprobación formal duns acordos que xa figuraban nos contratos coas empresas, iso si para subir impostos. A parálise municipal non se debe á falta de recursos, débese á falta de ideas. A capacidade do goberno a penas alcanza para manter as políticas iniciadas no período 2003-2007, e sempre de forma degradada: maior custo para os usuarios, menor calidade, menor participación. Os tempos de crise deberían ser tamén tempos de audacia, de procurar iniciativas novas que permitisen aproveitar mellor os recursos do momento de escaseza. Non agarden nada, moito se fala da tolerancia 0 fronte a corrupción, en Ames estamos instalados en ideas 0 fronte a crise.

O PP tennos afeitos ao ilusionismo, non nos referimos á nobre arte da maxia á comprensión da política como unha forma de confusión masiva da poboación. A actuación do PP está caracterizada polo cinismo: din unha cousa e fan a contraria. Pero a cidadanía sabe que se durante anos non hai nada por aquí, nin nada por alá, de pouco vale sacar un coello da chisteira no último momento. A xente xa coñece os trucos.

Subir, subir, subir

Os únicos puntos que ían a debate de Pleno referíanse á suba do IPC do subministro da auga, así como do saneamento e depuración das augas residuais. Menos mal que son liberais e están en contra da subida de impostos, así quedamos moito máis tranquilos cando vemos que todos os meses aumenta unha taxa, un prezo público, un imposto. Vexamos as subidas de Ames do último ano: auga, sumidoiros, comedores, escolas deportivas e obradoiros culturais, campamentos, Escola de música… o único que non subiron foi o IBI porque xa o aumentaron os seus amigos do PP no goberno de Estado . Xusto cando está baixando o valor das fincas e das vivendas o IBI vai aumentar brutalmente á metade dos inmobles, na maioría dos casos subirá un 14% o 2012 e un 36% o 2013.

O concelleiro de Ames Novo, Anxo Doval, desvelou a hipocrisía da actuación do goberno, nunha intervención moi aplaudida sobre unha idea clara: xa está ben!. Xa está ben que os recortes caian sempre do mesmo lado. Permítese romper todos os contratos do mundo -como os convenios colectivos- cando se trata de reducir o Estado do benestar ou dereitos conquistados, pero cando se trata de rebaixarlle aos poderosos entón hai que asegurar os contratos. Podemos salvar os bancos e non salvar aos cidadáns. Pois Ames Novo non está de acordo, negámonos a que se traslade aos cidadáns estas subidas, os momentos son excepcionais para todos. Por iso propuxémoslle ao goberno alcanzar un “pacto de contención” coas empresas concesionarias, que permita conxelar os prezos a pagar pola cidadanía. Un alcalde ten algo que dicir nos contratos do seu Concello, se non o fai é que renuncia ao seu liderado e a facer valer os intereses dos seu veciños e veciñas.

O problema do lixo no centro do debate

En todo caso o asunto central do Pleno foi o lixo, non estaba na orde do día pero é tema principal da axenda política de Ames. En realidade o Pleno iniciouse o día anterior coa divulgación do Informe da Deputación feita polo goberno para disuadir a participación dos veciños na concentración convocada. Soubemos que o Informe xa levaba semanas no Concello pero só se coñeceu o día anterior para reforzar estratexicamente a posición do goberno, coa intención de confundir a opinión pública facer valer a posición do goberno. É unha tomadura de pelo que o Concello faga público neste momento o Informe que non resposta a ningunha das demandas da Plataforma.

O Informe da Deputación non achega nada novo, só se pronuncia sobre a posibilidade de deixar caducar o procedemento sinalando que sería ilegal. Desde a Plataforma do Lixo sempre se estivo de acordo con isto, pero nunca se pediu que se deixase caducar; a solicitude en todas as reunións co goberno, nas alegacións presentadas e nas mocións conxuntas Ames Novo-PSOE sempre foi a mesma: resolver o procedemento dun xeito xusto para os veciños, aplicando o cobro do lixo no rural a partir da regularización do padrón de 2012, e non dos anos anteriores. Indirectamente os Informes (dos Técnicos municipais e da Deputación) están admitindo que a Plataforma ten razón, xa que non se pronuncia sobre ningún dos argumentos das alegacións, e evita falar da resolución favorable @s afectad@s.

O debate en Pleno foi introducido pola oposición, Pilar Candocia clamou polo diálogo, pedíndolle ao alcalde que escoitase á veciñanza do rural. Candocia sinalou que era preciso solventar canto antes a situación e “teno moi fácil, só ten que responder ás alegacións presentadas de xeito favorable”, porque é de xustiza para a xente afectada e tamén para que o Concello avance e saia desta situación de bloqueo, por culpa dun goberno que crea problemas que non sabe resolver.

No Pleno fálase, pero… escoitase?

Durante a sesión o público presente a penas podía escoitar o que falaban os membros da corporación. Aínda que estiveran ben calados nos había maneira de entender o que se dicía, especialmente o alcalde que falaba baixo en todo momento, salvo cando mandaba calar @s asistentes. “Non se escoita”, “Fala máis alto”, “Vimos aquí para saber o que se di” foron algunhas das frases espetadas ao alcalde. Ante esta situación interveu a concelleira de Ames Novo, Susana Mayo dicindo: “está ben que teñamos micrófonos para gravar os Plenos, pero o micros tamén deberían valer para que o público escoitase o debate. Este salón é un lugar para o diálogo e o intercambio de ideas, tamén coa cidadanía, para iso hai que falar e escoitar.” O PP concibe o Pleno só como un lugar de representación institucional, e tamén debera ser un espazo de participación cidadá.

O que di a veciñanza

Ames Novo trasladou unha serie de rogos e preguntas sobre diversos problemas detectados por nós ou o que nos fan chegar os/as veciños/as.

Algunhas foron referidas á recollida do lixo en varias urbanizacións polas que se interesaron Olalla Alvite e Pilar Candocia. Unha a de Mahía de Ortoño na rúa Juan Bueno, ten saturado habitualmente o colector porque xente de outras zonas deposita alí as bolsas e non recollen todos os días polo que se producen escenas desagradables e insalubres. Outra urbanización foi a da Telleira onda a Praza da Horta que ten continuos problemas de saturación de contedores, neste caso ao non estar esta urbanización cuberta polo contrato de recollida xeral son traballadores municipais

Susana Mayo tamén preguntou pola evolución do Mercado de rúa do Milladoiro, na actualidade o mercado está tendo entre 10 e 15 postos cando comezou con moitos máis. Lamentamos moito este esmorecemento do mercado, pero ten que ver coa falta de proxecto por parte do Concello. Ames Novo xa advertiu no seu momento que se necesitaba unha estratexia conxunta para os mercados de Ames que reforce o comercio local, os mercados de Bertamiráns e Milladoiro deberían ser complementarios e non repetidos, procurando unha diferenciación que os fixese atractivos. Susana Mayo tamén se interesou polo acondicionamento da travesía do Porto e a pista entre o polígono Novo Milladoiro e Coira, sempre que pregunta por iso o Concelleiro responsable di que cando acabe de chover xa nos poñemos, pasaron varios períodos de seca estamos agardando.

Anxo Doval e Susana Mayo tamén preguntaron polas axudas a entidades culturais e deportivas, os/as responsables das tres concellerías deses ámbitos comprometéranse ante todas as asociacións a consultalas antes de que saíran as convocatorias de axudas -así como á oposición- e non o fixeron. As intervencións do goberno tamén deixaron ver ás claras a descoordinación interna, unha área nin sequera sabe o que fai a do lado, menos mal que é un goberno unido e teñen maioría absoluta.

Tamén criticaron a diminución das partidas adicadas a axudas, fronte a dispendios como o que manifestou o concelleiro Anxo Doval que lle lembrou ao alcalde: “é unha vergonza que vostede pague todos os meses 450 € a unha radio privada por unha entrevista ao alcalde”, este comentario provocou un gran asombro entre o público, o alcalde fixo como que non sabía nada e preguntou “en que radio?”, ao que o o concelleiro de Ames Novo respondeu “non lembro ben, penso que é en Onda cero”, o alcalde retrucou “non, será na COPE e non por entrevistas a min” a risa foi xeneralizada. Nese momento alcalde quixo poñer en cuestión tal aseveración, Anxo Doval afirmou que demostraría que se recolle de forma expresa nos decretos da alcaldía. Mostramos aqui o decreto da alcaldía do 4 de xullo dando conta da factura do 442,50 € en concepto “programa entrevista co alcalde na radio Cope”, todos os meses se paga esa cantidade a ese medio (*). Santiago Amor mente, Anxo Doval di a verdade.

Cortes, vacas e chourizos

Cando xa estabamos saíndo do Pleno puidemos asistir a unha desas anécdotas que mellor retratan a situación. Unha das persoas asistentes do PP que ía en apoio do goberno fixo o seguinte comentario: “menos mal que se marchan que ya olía a vaca…”. Son estes comentarios que se cualifican sós e as persoas que os emiten, pero arrepía o clasismo e o desprezo desas palabras. É evidente que o PP en Ames nas últimas eleccións gañou polo amplo da poboación rural, e tamén porque o anterior alcalde desde unha actitude soberbia refuxiouse no “palacio” municipal desconsiderando o que pasaba nas “cortes”, nos lugares de traballo e de vida da xente. Unha parte do PP ten moi pouco de Popular e desprezan á propia xente que os apoia. Hai quen cheira a vaca, e quen cheira a chourizo, Conde Roa e Adolfo Gacio son grandes amigos do noso alcalde de honestidade dubidosa. A hixiene é un gran avance da humanidade, pero hai que saber estar coa xente, con toda a xente, a iso chámaselle educación e empatía, saber poñerse no lugar do outro. As persoas humildes que están onda as vacas son polo xeral limpas, saben estar nas cortes e saben estar nun Pleno, oxalá a hixiene democrática chegase a todos por igual, e os nosos gobernantes aprendesen algo dos seus cidadáns.

(*) Ao longo deste ano ata o mes de xullo todos os meses o Concello deu conta das facturas da COPE nos Decretos da alcaldía: 706/2012, 714/2012, 951/2012 e 1480/2012. este último é o que reproducimos con data de 4 de xullo de 2012 e referido ao mes de abril.

About Admin