ATENDE

CHAMAMENTO DE AMES NOVO ANTE AS ELECCIÓNS GALEGAS DO VINDEIRO 21 DE OUTUBRO

By on octubre 12, 2012

O vindeiro 21 de outubro a cidadanía galega está convocada ás urnas para elixir o Parlamento de Galicia, do que sairá o goberno da Xunta. Nunha democracia, todas as convocatorias electorais son importantes, pero no actual contexto as próximas eleccións teñen un significado moi especial. Os galegos e galegas imos ter a oportunidade non só de manifestar as nosas preferencias por un ou outro partido, senón de expresar o noso rotundo rexeitamento á ofensiva implacable que estamos a padecer contra os servizos públicos básicos, os dereitos laborais e sociais e, en definitiva, contra o benestar, o nivel de vida e as expectativas de futuro da maioría de nós. Diante desta involución debemos dar un exemplo de madurez cívica, demostrando que a cidadanía é soberana e demanda outras políticas e outros políticos que actúen a favor das maiorías sociais.

A crise económica provocada por especuladores financeiros e inmobiliarios e alentada por políticos sen escrúpulos, estana pagando os grupos sociais máis vulnerables, os traballadores e traballadoras, a maioría da sociedade que non temos ningunha responsabilidade nela. Coa escusa desta crise, o Partido Popular está impoñendo políticas de recorte en todos os ámbitos, que incrementan a desigualdade favorecendo algúns/has privilexiados/as, aumentando a inseguridade no traballo, promovendo a precariedade e o desemprego. Os/as especuladores/as que se enriqueceron roubando o noso futuro vense protexidos polo PP, mentres que nós pagamos as súas desfeitas. A Xunta de Galicia, presidida por Alberto Núñez Feijoo, tense demostrado unha adiantada nesas políticas, abandonando con total descaro a defensa dos intereses do noso país.

En Ames coñecemos ben o que significa o Partido Popular: parálise e retroceso. Un concello coma o noso, coa sociedade máis dinámica do país, está bloqueado por un goberno incapaz que está deixando esmorecer o sistema de servizos do benestar. Ames Novo está facendo fronte á esta regresión con alternativas elaboradas desde a participación cidadá, e desvelando a mentira da ausencia de recursos, mostrando que o que falta son ideas e vontade política. Ademais no noso Concello sufrimos especialmente as políticas -da Xunta e do Estado- de destrución do público, xa que en Ames boa parte do traballo e da economía local está vinculada ao sector público, polo que as medidas do PP supoñen un empobrecemento xeneralizado e, en moitos casos, o paro e a desesperación. Sabemos como as medidas antisociais están afectando directamente ás nosas vidas, debemos e podemos plantarlle cara construíndo alternativas comprometidas co ben común. O voto é unha resposta democrática necesaria.

Estamos, pois, nun momento crucial para o futuro de Galicia e da cidadanía galega. Ames Novo anima aos veciños e veciñas do concello a participar responsablemente nas eleccións do 21 de outubro, apoiando aquelas forzas políticas que presentan programas para dar unha saída social á crise económica, en defensa do ben común, do autogoberno de Galicia e da rexeneración da democracia. Temos a ocasión de demostrar que é posible afrontar a crise económica poñendo por diante os intereses do común da xente, e non, como están facendo os gobernos de Rajoy e de Feijoo, primando os privilexios daqueles que precisamente a provocaron. Ames Novo, e a súa portavoz Pilar Candocia, pídeche o apoio nestas eleccións para as candidaturas de Compromiso por Galicia e Alternativa Galega de Esquerdas. Temos opcións que significan outra forma de facer política, en favor da dignidade, das maiorías sociais e do ben común. O vindeiro 21 de outubro podemos comezar a recuperar o porvir e a esperanza, non deixemos pasar a ocasión. En Ames traballamos unidos nunha iniciativa plural na que conflúen as ideas da esquerda e o nacionalismo nunha nova cultura de facer en común cos cidadáns e coas cidadás.

PLÁNTALLE CARA AO PP

AMES NOVO, iniciativa cidadá

 

 

About Admin