ATENDE

DEMONIZANDO A XUVENTUDE?

By on mayo 11, 2019

O goberno local impide na práctica a celebración dunha Festa da Xuventude con argumentos como que «todos sabemos o tipo de público que vai a elas e a que van, e non ten nada que ver co que asiste ás festas tradicionais». Xente nova, quer dicir?, pregúntamonos

O goberno do concello de Ames acabou por impoñer unhas condicións para a celebración dunha verbena coa Orquestra París de Noia como protagonista que, na práctica, impiden a súa celebración. A prohibición de instalar postos de comida e bebida significa impedir a única fonte de financiamento do evento. Naturalmente ninguén desexa nin que haxa botellóns, nin borracheiras de menores, nin altercados… Nin nesta festa nin en nigunha.

Pero o que nos deixa perplexos é a liña de argumentación dada desde o goberno municipal:

«Como goberno defendemos que a mocidade necesita doutras actividades lúdicas e de ocio, sen necesidade de cantinas nin bebidas alcohólicas» afirma o concelleiro Blas García. E non podemos estar máis de acordo. A explicación sería moi coherente se desde o goberno fosen quen de enumerarnos as actividades lúdicas para mocidade programadas nestes catro anos que levan de mandato. Se de algo carece en grado sumo Ames é de políticas de mocidade. Celebramos sinceramente que, por fin, o descubriran. Lamentablemente, non é necesario que veña unha orquestra para que haxa botellóns calquera fin de semana que o tempo o permita, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro e, incluso, como produto deles, se teñan producido actos de vandalismo no Pazo da Peregrina. Ben estaría que se adopten, en xeral medidas de prevención ao respecto.

Tampouco é moi coherente ligar cantinas e botellón. «Non queremos que ese día se converta O Milladoiro nun botellón masivo», aduce. Máis ben parecen antónimos: por definición o botellón faino a xente que non consume na cantina. E esta tería que respectar o establecido sobre venda de alcol a menores de idade e o Concello vixiar que se cumpra, aplicando as medidas sancionadoras previstas en caso de incumprimento.

Lembra tamén o concelleiro os lamentables altercados que se produciron nas festas de San Xosé no Milladoiro como unha razón máis para tratar de impedir a celebración deste evento. E o certo é que eses altercados se produciron sen que houbese presenza preventiva algunha na festa nin de Policía Local, nin Garda Civil nin Protección Civil. O que ten que facer o Concello é dispor os mecnismos de protección e vixiancia adecuados para a celebración de calquera festa popular, sexa esta da Xuventude ou de San Blas. Foi a falta desa presenza de dispositivos a que non permitiu parar os altercados a tempo nas festas patronais do Milladoiro.

Pero o que xa nos parece o paroxismo é a firmación de que «todos sabemos o tipo de público que vai a elas e a que van, e non ten nada que ver co que asiste ás festas tradicionais». Trátase dun xuízo apriorístico que falla por dous lados: En primeiro lugar, unha actuación dunha orquestra como a París de Noia tería seguramente no Milladoiro un público moi heteroxéneo e de todas as idades. En segundo lugar, presupor que unha concentración de mozas e mozos non ten maioritariamente outro obxecto que o emborracharse ou producir liortas amosa un moi pobre concepto de como é en seral a mocidade. Naturalmente, como en calquera concentración multitudianria haberá todo tipo de xente. Aos poderes públicos, neste caso ao municipal, correspóndelle poñer os medios e esixirlle aos organizadores que os complementen na medida necesaria para evitar calquera tipo de conduta que atente contra os demais.

Tal vez a explicación de todo isto non estea na argumentación desplegada desde o Concello senón no temor a verse prexudicados por calquera incidente ou protesta do vecindario a só nove días das eleccións…

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.