ATENDE

A SUBA DO IBI E A DEMAGOXIA FISCAL

By on octubre 26, 2020

No mes de novembro do ano pasado incrementouse o IBI para bens de natureza urbana do 0,44% ao 0,50%. Agora, en plena crise da Covid, ratificouse manter esa suba para o 2021. Ames Novo votou en contra.

No Pleno Ordinario do mes de outubro pasado, hai un ano, o Goberno Municipal presentou unha proposta para que o tipo do IBI se incrementase en 6 centésimas para fixalo no 0,5%. Motivaba esa suba, sobre todo, no feito que había un informe de Intervención á Conta Xeral do Concello de 2018 no que se establecía a necesidade de incrementar a recadación ou, alternativamente, facer un plan de axuste de algo máis de 600.000€. Esa proposta saiu adiante só cos votos favorables dos tres grupos de goberno (PSOE, BNG e Contigo Podemos). O PP e C’s votaron en contra e Ames Novo abstívose.

Agora ben, as posicións dos diferentes grupos merece unha reflexión sobre cal foi a súa traxectoria anterior ao respecto: O PP que fixo unha frontal oposición a esta medida (incluída unha rocambolesca manobra de filibusterismo político para intentar a anulación do acordo) xa tivo o tipo do imposto no 0,5% cando gobernaba ata hai 5 anos. E, ao mesmo tempo, nin eles nin C’s acompañaron o seu voto negativo con unha proposta de que partidas reducirían para levar a cabo o plan de axuste ineludible. Probablemente na esperanza de que un recorte en prestacións, investimentos e servizos serviría para desgastar ao goberno e así conseguir o «cuanto peor mejor en suyo beneficio» que diría M. Rajoy. Tampouco se molestaron os populares en explicar por que lles parece agora excesivo o que hai cinco, seis e sete anos era para eles a tarifa xusta.

Por outra parte, o goberno tampouco se sentiu obrigado a explicar por que agora necesitan desandar un camiño que, desde a máis evidente demagoxia fiscal, eles mesmos andaron hai catro anos, ao pouco de chegar ao goberno: baixar a tarifa do 0,5% ao 0,44% co argumento (máis propio do ultraliberalismo de Esperanza Aguirre e Ayuso que dun goberno que se reclama progresista) de que, dese xeito, ían «quedar 600.000€ máis nos petos dos amesáns» (cita literal do dito pola Concelleira de Economía e Facenda recollida na acta do pleno).

Ames Novo discrepou daquela baixa propagandística porque creía que non era máis ca iso: Renunciar a cubrir necesidades (das que había e hai moitas no Concello) para buscar o aplauso fácil da poboación, que tampouco se produciu, e que non é máis que demagoxia de libro. Unha demagoxia que acaba pasando factura: a mesma poboación que maiormente non se enterou da baixada de hai catro anos se manifesta agora indignada por unha suba que só a retrotrae á situación na que xa estabamos. Parece, para alén de outras consideracións políticas, un evidente erro de cálculo estratéxico.

Mais o que xa carece, se algo do anterior o tivese, de calquera sentido é que nun Pleno Extraordinario celebrado este mesmo mes de outubro o Goberno trouxera a aprobación, coa escusa dunhas irrelevantes bonificacións no Imposto sobre Bens Inmobles, o mantemento da tarifa do 0,5% para 2021.

Se ben é certo que no momento que se autoemendaron coa suba a finais do pasado ano había unhas circunstancias obxectivas que poderían, en certo xeito, xustificar a corrección do despropósito político da baixada anterior: recuperación da economía despois da crise finaceira internacional e esixencia dun plano de axuste, as circusnstancias actuais son totalmente diferentes de aquelas.

Neste momento estamos inmers@s nunha crise, provocada pola pandemia da Covid19, que está a pasar factura a boa parte da cidadanía. Ertes, incremento do desemprego, peches ou diminucións da actividade de pequenas empresas e comercio ( o 97% do tecido empresarial de Ames son microempresas e autónomas sen empregados) están a facer que moitas cidadás e cidadáns esteamos nunha situación económica moi difícil.

Por outra parte, o anuncio feito polo Goberno central de que se vai suspender a esixencia de cumprimento da regla de gasto (esa aprobada polo PP que nos esixía un plan de axuste despois dun exercicio con 2 millóns de euros de superávit), deixa sen efecto a que foi principal coartada para a suba aprobada hai un ano.

En suma, o mantemento desa suba do 13% no IBI para o ano 2021 carece de xustificación algunha. Non é máis que unha nova mostra da errática política fiscal do goberno tripartito e, ademais, manifestamente inxusta nunha situación de recesión económica.

Serve, iso si, para alimentar a demagoxia dunha dereita que parece amnésica respecto das súas propias políticas fiscais cando gobernaba Ames, hai que lembrar, en plena crise económica. E, tamén, para mostrarlle ao goberno que hai certa xustiza poética: non tiraron rendemento algún dunha medida demagóxica cando o baixaron e agora enfrontan un xeralizado cabreo con unha suba que chegou no peor momento.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.