ATENDE

Canto vale o alcalde de Ames?

By on octubre 20, 2012

Valer, valer… polo momento non se demostrou que valese para nada positivo. Facer cadrar contas, recortar e subir taxas xa o podían facer os contables municipais. E para crear problemas que non sabe resolver mellor fose que estivese quieto. O seu valor está aínda por demostrar, pero… canto nos custa?, e canto cobra?

CANTO COBRA O ALCALDE?

Segundo os nosos cálculos fundados na documentación oficial do Concello e da Deputación

Santiago Amor cobra aproximadamente 4.913 € ao mes 

  • 2.842 € de salario neto mensual do Concello de Ames (49.716,66 € brutos anuais) +
  • 2.071 € cada mes de asistencia a órganos da Deputación da Coruña.

Máis abaixo damos conta pormenorizazada e documentada destes datos.

 

E CANTO LLE CUSTA AO CONCELLO DE AMES O SEU GOBERNO?

Recollendo as cifras fixadas no comezo do mandato e 2011, as únicas oficiais, o custo para o Concello do Goberno do PP é:

Custo total goberno 251.013 €

  • 179.477,12 € ao ano os/as responsables políticos (concelleiros con dedicación exclusiva, parcial e alcalde)
  • 71.536,08 € ao ano o persoal de gabinete  (3 persoas contratadas)

Retribucións directas, que non recollen as remuneracións a outros/as concelleiros/as por asistencia a Plenos, Xuntas de goberno e Comisións.

 

CANTO LLE CUSTA AO CONCELLO CADA CONCELLEIRO/A CON DEDICACIÓN?

Recollemos os datos oficiais aprobado como Réxime de Dedicacións Retribucións brutas anuais do concelleiros/as:

  • Alcalde Exclusiva 49.716,66 euros (por exemplo o soldo do Ministro Luís de Guindos sitúase nos 64.053,79 €)

Desta retribución bruta fixemos a estimación do mencionado Salario neto: 2842.1 € ao mes (12 pagas), para establecer esta cifra utilizamos o Simulador de salario neto da revista económica Cinco días.

O resto das retribucións brutas de concelleiros/as do goberno do PP son as seguintes:

  • 44.744,99 €: Ramón García Argibay, Primeiro Tenente de alcalde, dedicacion exclusiva
  • 31.321,49 €: Bernardo Moar Míguez, Concelleiro delegado de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, dedicación parcial
  • 26.846,99 €: Manuel Ferreiro Santiago, Concelleiro delegado de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, dedicación Parcial
  • 26.846,99 €: María González Gómez, Concelleira delegada de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, dedicación Parcial.

 

Estes datos están recollidos no Boletín Oficial da Provincia do 6 de setembro de 2011 e poden consultarse aquí.

En canto ao persoal de gabinete os datos recóllense aqui: retribución do persoal de gabinete das 3 persoas contratadas (que posteriormente introduciu o seguinte cambio)

 

CANTO COBRA O ALCALDE POR VIA DA DEPUTACIÓN?

Retribucións da Deputación da Coruña ao alcalde de Ames.

Calculando polo baixo Santiago Amor percibe arredor de 2.071 € ao mes netos en concepto de asistencia.

Correspondente co cobro mensual de 1 pleno + 2 xuntas de goberno + 2 comisións = 2.o71 € cada mes.
No BOP de venres 19 de agosto de 2011 recóllense nomeamentos e réximes de retribucións da Deputación:

Don Santiago Vicente Amor Barreiro é membro dos seguinte órganos da Deputación da Coruña:

  • Pleno, reúnese 1 vez ao mes (o último venres), polo que percibe 591 €
  • Xunta de goberno da Deputación, 2 reunións ao mes (1º e 3º venres), polo que percibe 740 € (370€ x 2)
  • Membro de 4 comisións, das que estimamos que cobra cando menos dúas por mes, aínda que a media seguramente será superior, polas que tamén percibiría 740 € (370€ x 2)

En concreto D. Santiago Amor Barreiro forma parte das seguintes Comisións Informativas

Que se corresponden cos pagos da Deputación:
“Pola preparación de asuntos e concorrencia efectiva ás sesións de órganos de goberno da deputación provincial, os membros da corporación que non estean acollidos ó réxime de dedicación exclusiva, percibirán en concepto de asistencias os seguintes importes:

  • Sesións plenarias 591,00€
  • Sesións da Xunta de Goberno 370,00€
  • Reunións das Comisións Informativas 370,00€

Cando coincidan no mesmo día máis dunha sesión dos órganos colexiados descritos, terán dereito a percibir unha soa asistencia, tomando en consideración para tal fin, cando así proceda, a de maior importe das realizadas A asistencia ás sesións formalmente convocadas dos órganos colexiados antes citados dará lugar á percepción dos gastos de locomoción desde a localidade de residencia dos deputados que non estean incluídos no réxime de dedicación exclusiva. Ningún deputado poderá percibir máis de catro asistencias ó mes por sesións das Comisións Informativas, agás as do mes de setembro, e aqueloutras que correspondan a
sesións ordinarias non celebradas no mes anterior. Así mesmo, ningún deputado poderá percibir máis de dúas asistencias ó mes por sesións da Xunta de Goberno, agás as do mes de setembro, e aqueloutras que correspondan a sesións ordinarias non celebradas no mes anterior.”

Por último cabe dicir a pretensión do goberno de “adecuarse ao contexto de crise. Recentemente o goberno anunciou que ía reducir un 5% o seu salario, e elimina a paga de nadal, ou sexa o mesmo que lle recortaron a todo o persoal das Administracións Públicas.

Alguén nos pode explicar de que fala o PP cando fala de austeridade?

Con estes datos xa sabemos canto “vale” o alcalde de Ames. De paso tamén aprendemos para que valen as Deputacións.

Agradeceriamoslle ao goberno de Ames que non volva a decirnos que non hai recursos.

 

About Admin