ATENDE

Ames Novo fai un chamamento a secundar as mobilizacións do día 14 en contra da política económica do goberno e en defensa do emprego

By on noviembre 12, 2012

Ames Novo fai un chamamento a toda a cidadanía amiense para que a convocatoria de mobilizacións a nivel europeo para o 14 de novembro se converta nun clamor social contra a política de austeridade e de recortes, que está provocando un auténtico desastre social e a destrución de emprego. Levamos varios anos sufrindo estas políticas e estamos peor ca antes.

Quen nos goberna xa non ten máis crédito, máis recortes e menos consumo significan máis paro e empobrecemento da maioría da poboación. Porque a nosa mocidade está condenada ao paro (máis do 52%), á exclusión social ou á emigración, co que se tronzan proxectos persoais e se sacrifica o futuro do país. Porque, nestas condicións, as familias reducen os seus gastos e consumen menos. Menos consumo e menos actividade económica, o que acaba destruíndo emprego e prexudicando as actividades culturais e de ocio, aos pequenos empresarios, comerciantes e autónomos que, ademais, seguen sen recibir o crédito dos bancos que necesitan para manter a súa actividade. Unha situación que no pequeno comercio vese agravada pola liberalización dos horarios comerciais que só beneficia ás grandes superficies.

Esta folga está convocada polos tres sindicatos maioritarios (CIG, CC.OO. e UGT), por outras forzas sindicais e pola maioría das entidades sociais na defensa do Estado de Benestar e dos dereitos sociais. Apoian esta folga diversas asociacións do ámbito do ensino, da sanidade, de integración social, de igualdade, ecoloxistas, de cooperación, estudantís, agrarias, do mundo da cultura ou de profesionais autónomos, porque os ataques a Estado social atácannos a todos e todas: á xente que traballa por conta allea, que é autónoma, que está no paro, que utiliza os servizos públicos ou que quere igualdade de oportunidades para todo o mundo e que non nos rouben o futuro.

O mércores 14 que ninguén quede parado en Ames, facemos unha chamada a secundar a folga e a acudir ás distintas manifestacións convocadas.

Podes consultar aquí a Declaración de apoio á folga xeral deo 14 de novembro e as entidades que secundan a folga.

About Admin