ATENDE

Pilar Candocia: “O PP de Ames pon as súas miserias por diante das necesidades da cidadanía.”

By on enero 17, 2013

Se hoxe as forzas da oposición eludise a súa responsabilidade no Pleno e non tivera asistido ao mesmos Ames perdería medio millón de euros. A guerra interna do PP xera unha situación de desgoberno que ten bloqueado o Concello.

O Pleno da corporación celebrado hoxe xoves aprobou as obras para Ames do POS da Deputación con 5 membros presentes do grupo de goberno, unha cifra inferior ao quorum para constituír o Pleno de 21 membros. Ames Novo abstívose na votación pero grazas a que o conxunto das forzas da oposición estiveron presentes puido aprobarse a proposta e non perder os 494.561,92 €.

Ames Novo xa viña advertindo da situación de desgoberno que ten bloqueado o funcionamento municipal, e o Concello está paralizado por culpa da incapacidade e da confrontación interna do grupo Popular. Un día despois de que o alcalde negase a división asistimos a unha guerra aberta entre a facción de Santiago Amor que suma 5 concelleir@s e a facción de Ramón Argibay que conta con 6 concelleir@s, e que non fan outra cousa que obstaculizarse mutuamente. Ames Novo entende que esta situación non é soportable pola cidadanía nin é sostible dous anos máis.

Pilar Candocia declarou “ambos son responsables do desgoberno por igual, pero o alcalde quedou desacreditado para liderar calquera cousa. Como vai ser capaz de gobernar un concello de 30.000 habitantes se non é capaz de gobernar 11 concelleiros do seu partido?.” e continuou “Nós non imos entrar nas súas miserias, para Ames Novo a política é algo moi nobre e totalmente contrario a este espectáculo do PP, agora ben, o alcalde está en minoría absoluta e a cidadanía de Ames precisa cambiar o alcalde e o goberno para normalizar a situación, precisa dunha vez un goberno decente que poida mirar aos ollos á xente”

Respecto ao punto que se abordaba no Pleno o concelleiro Anxo Doval manifestou a posición de Ames Novo sobre o POS: “xa hai un mes que propuxemos consensuar uns criterios para priorizar as obras, e que estes criterios se pactaran con todas as Asociacións veciñais que teñen un mellor coñecemento das necesidades”. Esta proposta tivo boa acollida na reunión de portavoces pero como se comproba agora o alcalde está utilizando as obras e os cartos públicos para premiar ou castigar aos propios concelleiros do PP.

Este Pleno de xaneiro de 2013 supón un punto de ruptura dentro corporación, isto é moito máis que un enfrontamento, isto é, en palabras de Candocia, “unha guerra aberta dentro do Partido Popular, e como na maioría das guerras as principais vítimas son civís: a sociedade de Ames. Mentres o PP se dedica a intrigas e pelexas intestinas, a cidadanía de Ames carece de goberno, xusto cando máis falta fai”. A portavoz de Ames Novo indicou nunha intervención moi emotiva: “Estou indignada coa irresponsabilidade dos nosos gobernantes, non lles importa nada, hai xente que o está pasando moi mal e dálles igual. Sabiamos que en Ames perderan a súa maioría social e electoral, agora perderon tamén o sentido común e un sentido básico de respecto pola institución e pola xente. Ames non merece este desgoberno e o PP non merece gobernar Ames!”

About Admin