ATENDE

Ames Novo dálle contido aos Plenos

By on abril 27, 2012

Pleno de abril de 2012

As cousas importantes para debater no Pleno van de “tapadillo” ou con retraso continuo. Un documento clave para o futuro municipal, o Plan de axuste a 10 anos, foi aprobado coa soa presenza dos concelleiros do PP nun Pleno o día da folga, sen contar coas achegas da oposición. Por outra parte a Liquidación e contas públicas, que tería que aprobarse en marzo, e o Orzamento de 2012 que debería aprobarse antes de comezar o ano, non estarán ata máis adiante. Así as cousas, sen iniciativa do goberno, e sen dar curso aos trámites obrigatorios os plenos discorren case baleiros se non fose polas propostas e preguntas da oposición. Nós si que lle damos vida.

Neste Pleno de abril aprobáronse por unanimidade as seguintes cuestións orde do día: Proposta de nova xuíz de paz, modificación da Ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade, actualización do contrato a Urbaser de limpeza viaria e xestión do punto limpo, deixar sen efecto a posta a disposición da Xunta de dúas parcelas para a construción de dúas vivendas de promoción pública, trátase terreos no Galdrachán (Milladoiro), a Xunta comunicou que non ía construír polo momento e o goberno comprometeuse a habilitar un novo terreo na mesma zona en canto a Xunta estea en disposición de facelo.

Ames Novo presentou unha serie de rogos e preguntas que foron as que deron máis contido ao Pleno:

#diálogo no que lle preocupa á cidadanía.

Pilar Candocia desexoulle ao concelleiro que deixou as responsabilidades de Educación, Cultura e Patrimonio, Alfonso Rey, que se recupere e atenda a súa saúde.

Pilar instou aos concelleiros que asumen estas responsabilidades que o fagan co diálogo coa sociedade. Son áreas moi importantes para Ames que están nun momento clave. Demanda en concreto: diálogo coas ANPA e cos grupos da oposición constituíndo o Consello escolar municipal. E tamén en cultura que se abra diálogo coas asociacións para resolver por exemplo os problemas que houbo neste curso coas subvencións e a convocatoria dos cursos.

#o conto das contas atrasadas

Anxo Doval recriminoulle ao goberno o retraso nos orzamentos (nunca se aprobaron tan tarde nos últimos anos, a pesar de ter maioría absoluta) , e tamén na liquidación do orzamento de 2011. O alcalde comprometeuse a presentalos no pleno de maio.

Pilar tamén preguntou polo compromiso que asumira o goberno de reclamar financiamento da Xunta para os comedores e demais servizos educativos complementarios. O goberno informou que están en contacto coa Xunta, que xa mandaran documentación e que estaban agardando.

#o descoido das instalacións

Susana Mayo reclamou por segunda vez que o Concello fose coidadoso coa limpeza das instalacións deportivas. Mencionou en concreto o local social de Biduido, Campo de fútbol e polideportivo do Milladoiro, nos que incluso pode haber problemas de hixiene. Tamén a limpeza do patio exterior do Colexio Val da Maía, xa que coa caída das follas os nenos esvaran. A reposta foi que mandaría á brigada, pero parece que só van cando nón o levamos ao Pleno.

Anxo interesase polos campos de fútbol municipais, e pregunta porqué se asumen os gastos de mantemento dos campos de Bertamiráns e Milladoiro e no resto do campos municipais nin se limpa, nin se corta a herba, nin se paga o combustible para a auga quente. O concelleiro de deportes contesta que no referido ao campo de Bugallido mandou á brigada cortar a herba, ao resto non contesta.

#chapuzas administrativas

Anxo preguntou polos contratos cos clubs deportivos, o que debería ir por convenio tramítase como contrato: porqué se asinan contratos por máis de 18.000 euros (mínimo que a Lei de Contratos permite dar en adxudicación directa) para as Escolas Deportivas de fútbol e para a difusión da imaxe institucional municipal sen ningún tipo de concorrencia? Porqué se utiliza esta figura do contrato administrativo, creando discriminación no apoio ao deporte de base entre os clubs?. Por outra parte, o goberno fai como que lle está facendo un favor aos Clubs do Bertamiráns e o Milladoiro cando está recibindo moito menos que anos atrás. O alcalde só respondeu á primeira pregunta dicindo que os contratos están informados positivamente polo departamento de Intervención.

Anxo tamén pregunta en que lugar do campo de Bertamiráns se colocou o cespede artificial por valor de case 5.000 euros que, segundo o decreto da alcaldía deste mes, se comprou para a celebración do torneo de fútbol base de Semana Santa. A resposta alporizada do Concelleiro de Deportes: pero como vai ir para o campo de fútbol de Bertamiráns se non hai onde colocar nada (vamos que acusaba a Ames Novo de manipuladores), cando lle mostramos o decreto queda cos ollos a cadros, non o sabía, di que iso está mal, que é para unha cancha de pádel en Aldea Nova. O alcalde comprométese a rectificar o decreto.

#os buratos municipais

Susana tamén se preocupou das fochas travesía do Porto e da saída do Poligono, que agora son moi grandes e poden traer desgustos, e xa non pasa por poñer unha pouca grava senón intervir de forma conxunta. O concelleiro dixo que unha vez que deixase de chover intervirían.

#afogando economicamente á sociedade

Susana reclama a resolución das axudas a material escolar, é un escándalo que estea rematando o curso, e que estas axudas para familias con dificultades estean sen resolver.

Anxo tamén reclama o pago ás asociacións e clubs da convocatoria de 2011, cando xa pagaron algún club que foi vía contrato. O alcalde respondeu que na Xunta de goberno da semana que ven se aprobarán os pagos ás asociacións, clubs e comisións de festas.

Susana e Pilar tamén inciden en que este ano o Concello teña sensibilidade coas familias á hora da valoración da súa situación económica. Á hora de fixar as taxas na maioría dos caso hai que achegar a declaración do IRPF de 2010 e por desgracia para moita xente a situación variou de forma negativa e pedimos flexibilidade para contemplar a nova situación.

#ideas para momentos de crise

Pilar realiza un rogo en relación coa Asociacións de taxis para que podan levar publicidade nos vehículos. É consciente de que se está pendente dun regulamento que regule o taxímetro e outros aspectos, pero esta demanda da publicidade debe darselle curso con urxencia para que podan mellorar a súa situación en tempo de crise.

En sentido contrario Susana preguntou porque non tivo lugar o mercado de artesanía na Festa das tapas do Milladoiro. O concelleiro dixo que o mal tempo e a coincidencia con outra feira fixo que dos postos comprometidos acabaran asistindo moi poucos.

#o futuro dos nosos centros de ensino

Susana preguntou pola situación actual dos terreos nos que se prevé construír o CEIP do Milladoiro: estatus legal, actuacións do goberno e resultado destas. A resposta do goberno dixo que ía moi ben a busca dos terreos para a cesión de parcelas, que todos os veciños están de acordo coa permuta proposta (en Galdrachán), salvo un. Cousa distinta é cando irá para alí e o CEIP.

Susana tamén se interesou polo situación das obras do Instituto do Milladoiro, se había algunha previsión. A resposta foi que van a bo ritmo, que non é previsible que estea dispoñible para o curso 2012-2013.

Preguntou tamén pola situación das prazas nos distintos centros educativos de Ames, previsión de matrícula para o curso. O concelleiro dixo que este ano por sorte non hai problema, todos os centros teñen unha demanda inferior á tope salvo o CEIP Val da Maía que ten 10 solicitudes máis que prazas, polo que quere xestionar a situación para acomodar o conxunto.

#centro de saúde do Milladoiro

Susana interesase polas xestións que está facendo o goberno para resolver un problema que levamos arrastrando moitos anos. O goberno di que xa estaría feito se houbese terreo, que é responsabilidade do goberno anterior. En todo caso, xa se están buscando alternativas para evitar a parcela bloqueada pola situación xudicial para ter dispoñible outros terreos nesa área.

#subindo prezos

Susana pregunta a que se debe a enorme subida das tarifas dos campamentos de verán. Presentou unha táboa Comparativa Campamentos Verán Ames 2011-2012 e pode verse que a suba esta entre un 20% e un 50% na maioría dos casos. Explica que é un abuso, en especial vendo a quen lle pode afectar, xa que esta oferta debería ser unha alternativa para as familias con poucos recursos, que en ocasión non dispoñen de outra opción de lecer. A resposta do goberno foi que non atoparon ofertas máis económicas, e que preferiron manter o número de prazas e subir as tarifas. En todo caso o Concello a penas fai achega económica, opera como mediador dos campamentos.

#seguridade ou recadación?

Pilar interesouse polos rexistros da garda civil e a policía local que están levando a cabo en centros de hostalaría no Milladoiro e tamén en Teo. Como recolle a prensa e pola que nos trasladan algúns propietarios temen que obedeza a un afán recadatorio, pero non se corresponde coa forma de proceder cun número enorme de efectivos policiais entrando de noite para facer inspeccións sanitarias. O alcalde responde que solicitou un informe á xefatura da policía local, que en Ames hai locais que non están cubrindo a normativa, e por iso interveñen.

#Comunicación e transparencia

Susana roga que se publicite a listaxe dos números dos teléfonos dos departamentos facilitar a atención á cidadanía para evitar o colapso da centralita. O goberno di que se fará dos números que pareza conveniente.

Pilar solicita que no portal WEB municipal se informe de xeito neutro sobre as novas, de forma que non se recolla só a información da presenza dos concelleiros do goberno nos actos, que debe ser de todos; agora non se está facendo así. O alcalde di que a vontade do goberno foi incluír aos concelleiros da oposición nos actos e que se recollan da mesma forma. Verán de facelo dese xeito.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *