ATENDE

A última cea

By on enero 25, 2013

No último pleno que tivo na Casa da Cultura, Ames Novo xa puxo de manifesto o que era un
segredo a voces, que tan só se atrevían a negar os implicados: a división irreconciliable dun
goberno incapaz.

Atrevéronse a chamarnos calumniadores cando aseguramos que non había equipo, que non había
proxecto e que non había unión no PP que gobernaba.

Ata a propia escenografía que escolleron se antollou un presaxio do que acaba de acontecer: os 11 concelleiros que daquela formaban o goberno de Ames en mesa alongada, acompañados pola Secretaria e o Interventor municipais que nos serviron para completar os 13 comensais que pintou Leonardo Da Vinci na Última Cea. Aquel día xa adiantamos que, ao igual que na pasaxe bíblica, alí tamén había Xudas.

Fixo falta menos dun mes para que os acontecementos demostraran que as nosas afirmacións non eran calumnias: primeiro, 6 concelleiros de goberno non acoden a un Pleno extraordinario no que estaba en xogo a aprobación do POS con preto de 500 mil euros para levar a cabo obras no noso Concello. Pouco lles importou que houbese quórum suficiente para que o pleno tivese lugar ou non -o que era imprescindible, xa que o prazo para presentar as obras remataba ao día seguinte-, tampouco lles importou que o goberno contase cos votos suficientes para sacalo adiante ou non… puxeron por diante os seus intereses persoais e partidarios e decidiron non cumprir coas súas obrigacións e non acudir ao pleno. E aínda se atreven a dicir que non puxeron o POS en perigo!

Ao día seguinte, o alcalde, que non foi quen de reconducir esta situación dende moito tempo atrás, decide cesar das súas responsabilidades e da súa exclusiva a Argibay. E preguntámonos: por que tan só a Argibay e non a todos/as as que non asistiron ao Pleno? A resposta está clara: o castigo para o Xudas da última cea.

Pero serviu de pouco a decisión deste Alcalde incapaz de liderar o seu goberno, xa que ao día seguinte os demais concelleiros presentaron a renuncia ás súas competencias e á Xunta de Goberno.

En conclusión, a día de hoxe Ames está gobernado por 5 concelleiros dunha corporación de 21: temos un goberno virtual que non pode, nin sabe, dar resposta ás necesitades da nosa cidadanía.

E que vai acontecer agora? Nin eles o saben. O que nós si sabemos é que este non é goberno que merece este concello, nin este é o goberno que obtivo o apoio da maioría dos veciños e veciñas.

Por iso, máis que nunca, debemos traballar conxuntamente por demostrar que a política pode ser outra.



Video streaming by Ustream

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.