ATENDE

Camas redondas e pesadelos cidadáns. Crónica do Pleno de febreiro 2013

By on marzo 6, 2013

Compañeiros de cama?

Dicía Winston Churchill que a política fai estraños compañeiros de cama. Algo así aconteceu no Pleno de Ames o pasado xoves cando o grupo de concelleir@s do PP contrari@s ao alcalde votaron xunto aos da oposición unha Mocion da Plataforma solicitando o arquivo das denuncias que chegaron a 4 veciñ@s por supostas alteracións da seguridade cidadá. Ames Novo e o Partido Socialista son membros da Plataforma do lixo e tiñan o encargo de presentar unha moción de apoio a estes veciños, entre os que se atopa Pilar Candocia, e procurar o aval da corporación solicitando á Subdelegación do goberno o arquivo das causas. A moción saíu adiante co voto favorable de toda a corporación e a abstención dos 5 concelleiros afíns a Santiago Amor. Houbo que dar varias voltas para chegar a un texto aceptable para tod@s pero ao final conseguimos o importante: un posicionamento da corporación a favor d@s veciñ@s, Ames Novo cumpriu.

Nós somos conscientes que os concelleiros do grupo de Argibay son tamén responsables do despropósito do lixo e foron parte activa no desmantelamento de servizos municipais igual o alcalde, nin máis, nin menos. Pero en Ames Novo continuamos coa nosa folla de ruta: facer política coa cidadanía na defensa do público e do ben común, e procuraremos o apoio de toda a xente que queira falar con nós, como fixemos ata agora. Neste caso con máis razón, o goberno procuraba converter unha loita xusta e unha manifestación cívica nun problema de orde pública, tratando á cidadanía como alborotadores que veñen a montar lio. Non o podemos consentir.

Como dixo Pilar na súa emotiva defensa da moción da Plataforma “trátase de defender a democracia, os dereitos básicos que nos converten en cidadáns e cidadás“, recriminándolle a Santiago Amor “Señor alcalde vostede escondese detrás das forzas de seguridade para non afrontar os problemas e non ter que mirar de fronte aos veciños. Porque vostede non ten 2, ten 40 varas de medir, cando lle convén poden quebrarse as normas, e cando non prohibir o que sempre foi normal neste concello”. E concluíu “Xa perdeu a pouco crédito social que lle quedaba, a xente non o respecta por que vostede non se fai merecente de respecto, o seu goberno non ten lexitimidade, está en minoría no Pleno e na sociedade

De verdade o goberno quere manter o Servizo?

Outro tema candente deste Pleno versou sobre o Servizo de prevención de drogodependencias. A Xunta de Galicia coa súa liña de recortes de consecuencias mortais tamén recortou de forma temeraria esta política de prevención, deste xeito este servizo compartido con Brión e Negreira foi eliminado e posta na rúa a profesional responsable. Desde o comezo denunciamos esta situación e promovemos a continuidade dun servizo necesario e demandado pola comunidade educativa. Ante esta situación Ames Novo presentou unha moción e na reunión preparatoria do Pleno o alcalde mencionou a posibilidade de chegar a un acordo conxunto, nese contexto nós buscamos o acordo para conseguir o obxectivo principal: o mantemento do servizo e do seu persoal. Pero resulta que ao longo desta semana a concelleira anunciou publicamente medidas que facían entender o redución ao mínimo do servizo eliminando o seu persoal e externalizando parte das actividades a unha empresa privada. O concelleiro de Ames Novo, Anxo Doval, recordoulle as dramáticas consecuencias de eliminar un servizo de prevención coma este, tan necesario e tan demandado, e perder o capital acumulado destes anos.

Anxo Doval recriminoulle ao goberno que lle estiveran tomando o pelo a todo o mundo aparentando que querían continuar co servizo cando xa decidiran pechalo. Neste contexto as forzas da oposición estimaron que a posición do goberno era falsa e a moción podía quedar en papel mollado, polo que esixiron que se explicitase no texto que se mantería “o Servizo tal cal existía e, na medida do posible, o Persoal que o viña atendendo”. O goberno aceptou esta emenda, sabendo que a moción sairía en todo caso, polo que foi aprobada por unanimidade: Moción Servizo Prevención Drog. Aprobada en Pleno feb.2013.

Ames Novo vai estar moi atenta para que se cumpran os acordos plenarios que, nalgúns casos, mesmo poden ser esixibles ante os tribunais. O alcalde debe facerse consciente de que o contexto mudou, que carece de maioría no Pleno e non pode gobernar de xeito unilateral como se fose unha forza maioritaria. Pilar Candocia xa os advertiu “Imos velar para que se apliquen os acordos plenarios pactados coa cidadanía, a favor do público e da maioría social, o alcalde debe tomar nota do seu goberno en minoría

Da cama redonda ao catre

O terceiro momento álxido da noite foron as dúas intervencións do histórico concelleiro do PP de Ames Emilio Martínez Carballeira recriminando a actitude do alcalde sobre o grupo de concelleir@s contrarios a Santiago Amor. Carballeira víase moi irritado polo trato que lle estaban dando ao “seu colectivo” e o que andaba contando por aí o alcalde e “algunha concelleira”. Mesmo chegou a ironizar cun momento idílico do PP de Ames cando durmían todos na mesma cama. Non alcanzamos a imaxinarnos a todos metidos na mesma cama, pero o que si podemos apreciar é a tensión dos divorcios violentos e mal levados, no Pleno pálpase o odio entre os que antes eran compañeiros. Non se falan, nin se miran e ata evitan mencionar os seus nomes en público. Mesmo se dá unha situación absurda xa que o portavoz do PP era Ramón García Argibay pero non fai as veces de tal, a ninguén lle consta notificación do cambio e na documentación municipal aparece como tal Argibay, porén ante a pregunta de Anxo Doval o alcalde dixo que facía el de voceiro, o que efectivamente foi así xa que o grupo d@s “díscol@s” fixeron máis de oposición que de goberno.

Xa vedes que ben se levaban que ata durmían 11 nunha cama, agora xa non sabemos se estarán nunha habitación con dúas camas, máis ben parece que 5 durmen na ampla habitación de matrimonio do goberno e outros 6 irán ao faiado para compartir o catre dos non adscritos.  Non nos queda claro como van durmir, o que si temos certo é que se acabaron os soños agradables para o goberno, esta situación vai ser un pesadelo, pasamos a aoutra fase do pesadelo, cando pensas que caes por un tunel e non hai maneira de salvarte. O peor é que o pesadelo principal é para sociedade de Ames que non dá crédito que en vez de traballar pola cidadanía estean atendendo as súas miserias.

Non vai ser todo durmir.

Tamén se aprobaron dous puntos en relación coa administración electrónica,  proceso que se está desenvolvendo a través da Deputación, en concreto

  • aprobouse a creación da sede electrónica municipal, delegación de xestión da sede e encomenda de xestión para tramitar solicitudes de empregado público, selo e sede electrónica. No portal da Deputación o Acceso ás sedes electrónicas municipais e o Acordo de encomenda de xestión
  • E tamén a  Ordenanza reguladora da administracion electronica municipal Ames onde se establecen: dereitos e deberes na relación electrónica cidadán-Admón., o marco xeral e regula as condicións e efectos xurídicos do seu uso nos procedementos administrativos. Todos os concellos implantados teñen unha estrutura tipo definida pola Deputación da Coruña que vai ser deste tipo: http://sede.oroso.es/gl

Outro punto aprobado en Pleno, coa abstención de Ames Novo, foi unha nova Ordenanza xeral municipal sobre trafico,  que ten que ver co feito de que se delegou na Deputación a xestión da multas pero tamén se actualizou a anterior que tiña moitas partes derrogadas. Ames Novo abstívose por considerar que a ordenanza era un modelo tipo que non foi adecuadamente adaptada ao noso Concello, por desacordo coa fórmula establecida para a de carga e descarga e outros aspectos pouco traballados.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do grupo socialista sobre medidas para potenciar e mellorar o funcionamento da Radio Municipal. Ames Novo fixo dúas achegas clave á moción inicial: garantir que as diferentes asociacións teñan espazos para divulgar a súa actividade, de xeito que se recolla a pluralidade social de Ames e non só a política; e que se habiliten os medios para que a radio poida ser sintonizada de forma correcta en todo o territorio municipal, sobre todo no Milladoiro. A concelleira Olalla Alvite informou que Ames Novo está traballando nunha proposta completa sobre como debe definir unha política de comunicación do Concello de impulso dos medios públicos municipais e de relación cos medios privados.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *