ATENDE

Código de Ética política

Gobernar obedecendo ao pobo. Código de ética política da

Iniciativa Cidadá Ames Novo

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para asegurar unha xestión política comprometida e próxima á cidadanía, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.

Tamén se expoñen diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, acabar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.

Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.

As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste código de ética política, comprométense tamén a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos convértanse en norma obrigatoria para todos na administración municipal.

Este código ético quere ser flexible, dinámico e conciso. A candidatura traballará nun regulamento que concrete e faga operativos os principios do código ético.

Todas estas persoas comprométense a:

Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos social, político e institucional da nosa sociedade.

1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas

1.1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas por mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación fixados pola candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todos e todas.

1.2. Facer públicas as axendas dos representantes, para facer visible con quen se reúnen e os temas que se tratan. Faranse públicos tamén as ordes do día e as actas das reunións.

1.3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles conflitos de intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.

1.4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación. Estes criterios estarán baseados na valía profesional das persoas así como na súa experiencia.

1.5. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos de ámbito sectorial ou de zona (vila, barrio, parroquia ou aldea). A información presentarase sempre nun formato open data que permita traballala.

1.6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiras/as e de cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura, e a cidadanía terá o dereito e o deber de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio.

1.7. Non acceder durante un período, mínimo de 3 anos, a cargos de responsabilidade en empresas que fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa, agás nos casos en que proveña dese mesmo sector previamente ao desempeño do cargo público.

1.8. Manter un contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade, garantir o espazo necesario nas súas axendas para atendelos e dar respostas ás súas propostas, e ter presentes á hora de tomar decisións os informes das persoas da administración que traballan con estes colectivos.

1.9. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico na cidade, distritos ou barrios, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade.

2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos. A candidatura comprométese a:

2.1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionará en contas de entidades de economía social e solidaria.

2.2. Pór un tope máximo ás doazóns privadas.

2.3. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética ou das caixas locais para garantir a súa independencia e a coherencia co seu programa.

2.4. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.

2.5. Fomentar o micromecenado finalista, é dicir, o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.

2.6. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.

2.7. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.

2.8. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores.

3. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción

As persoas con cargos electos, xerenciais e de libre designación comprométense a:

3.1. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.

3.2. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/o.

3.3. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións, salvo as compensacións por gastos derivados por asistir a estas reunións, gastos que necesariamente terán que ser xustificados..

3.4. Retribucións dos cargos electos.

Establecer unha retribución máxima de 2.500€, revisable conforme ao ipc, netos mensuais para a persoa que ocupe a alcaldía, cantidade estimada en base á situación actual e acorde co nivel salarial do funcionariado de máximo nivel do concello. A persoa que ocupe a tenencia da alcaldía terá unha remuneración un 10% inferior (2.250€ netos mensuais) e os/as concelleiros un 20% inferior (2.000€ netos mensuais). Estas cantidades son para o caso de que as persoas teñan unha dedicación exclusiva ao concello, se non, se calcularía en función da porcentaxe de tempo que lle van adicar.

3.5. Respecto aos cargos non electos: Cobrarán en función do traballo que desempeñen: auxiliar administrativo, xefa de gabinete, prensa…. seguindo criterios de homologación cos grupos marcados na administración local (grupo A, grupo B…).

3.6. Límite de mandatos:

O número de mandatos consecutivos que se poderán desempeñar, terá as seguintes limitacións:

a) O cargo de alcalde alcaldesa estará limitado, en todo caso, a un máximo de 2

b) O desempeño de funcións de goberno non poderá realizarse durante máis de tres mandatos consecutivos, contabilizando o de membro do grupo de goberno e Alcaldía conxuntamente a estes efectos.

c) O tempo exercido como representante na oposición non se computará a efectos desta limitación.

3.6. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD. HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.

3.7. Facer un bo traspaso de información e de coñecemento (sen remuneración), seguindo un protocolo acordado no marco da candidatura.

A candidatura comprométese a:

3.8.Desenvolver mecanismos para a conciliación entre a vida familiar e política.

3.9. Facilitar a conciliación entre a vida laboral e a política, establecendo mecanismos de apoio aos cargos públicos durante a súa reincorporación ao mundo laboral en caso de non atopar traballo.

Disposicións adicionais:

Disposición adicional transitoria 1. O regulamento que regule o código ético debería incorporar mecanismos para velar pola súa correcta implementación e especificar as canles de modificación deste, entre outros aspectos.

Disposición adicional transitoria 2. Queda pendente incorporar no código ético o uso que se fará do financiamento que reciba a candidatura.

Disposición adicional transitoria 3. Queda pendente identificar que elementos levarán a consulta directa e vinculante.

Bibliografía: Este documento toma como fonte principal o Código ético redactado por Guanyem Barcelona

       Manifesto e listado de asinantes.                                                            Regulamento (completo) de Eleccións Primarias   Formulario para candidatarse ás Eleccións Primarias                                            Guía explicativa das Eleccións Primarias