ATENDE

REGULAMENTO DE ELECCIÓNS PRIMARIAS DA INICITIATIVA CIDADÁ AMES NOVO

Capítulo I. Obxecto do Regulamento e competencia de convocatoria.
Artigo 1. O presente regulamento ten por obxecto: a regulación dos procesos electorais de primarias que debe dar lugar á formación da candidatura de INICIATIVA CIDADÁ AMES NOVO para concorrer ás eleccións municipais do Concello de Ames.

As primarias son unha expresión inequívoca da nosa firme crenza na democracia participativa interna e externa, ao abeiro dos principios sinalados no manifesto fundacional de INICIATIVA CIDADÁ AMES NOVO.

Artigo 2. É competencia da Asemblea Cidadá convocar e fixar o calendario do proceso de primarias, así como a modificación e interpretación do presente regulamento.

Capítulo II. Tipo e alcance das Primarias.
Artigo 3.
As persoas candidatas ao Concello de Ames serán elixidas por todas as cidadás e cidadáns desta localidade que desexen participar.

Artigo 4.
Realizarase un proceso de primarias de alcance local no que se escollerán os/as candidatos/as que se incluirán na lista.

Artigo 5.
Neste proceso se decidirán os 11 primeiros postos da lista (equivalentes á maioría absoluta do Concello) e o resto, do 12 en diante, se completarán por elección da asemblea.

Capítulo III. Da Comisión de Primarias.
Artigo 6.
A asemblea cidadá nomeará unha Comisión de primarias que será a encargada de realizar todo o proceso de primarias. O número mínimo de membros desta comisión será de tres.

Artigo 7. As xuntanzas desta comisión serán abertas a todas as persoas afiliadas, que coñecerán con antelación dabondo as datas, horas e lugares onde terán lugar. Así mesmo, as súas actas serán públicas e divulgaranse polos medios habituais de comunicación da iniciativa (páxina web, redes sociais…)

Artigo 8. As persoas que formen parte da Comisión de primarias non poderán candidatarse.

Artigo 9. Serán funcións desta comisión de primarias:

organizar e dirixir o proceso electoral de primarias, ademais de cumprir e facer cumprir o presente regulamento, dando conta á Asemblea Cidadá
realizar o reconto electoral e resolver as reclamacións que se presenten
dar a coñecer os resultados

Capítulo IV. Censo electoral
Artigo 10.
O censo electoral está formado por todas as persoas residentes no concello de Ames ou que teñan intereses no concello.

Artigo 11. A cidadanía no momento da votación informará se está empadroada ou vive ou ten intereses no Concello de Ames. Non se permitirá a dobre participación nun mesmo proceso electoral.

Capítulo V. Sufraxio activo.
Artigo 12.
Poderán participar como electoras, no proceso de primarias abertas, todas as persoas que formen parte do censo electoral do concello de Ames maiores de 16 anos o día da votación das primarias.

Para participar na votación, as persoas que non teñan asinado o Manifesto de Ames Novo deberán inscribirse no censo, na forma e prazo que estableza a convocatoria.

Capítulo VI. Persoas candidatas á lista municipal
Artigo 13.
Dende o momento da convocatoria das primarias e durante un prazo que determinará a Comisión de Primarias, calquera persoa empadroada no concello de Ames poderá candidatarse.

Aquelas candidatas e candidatos que así o decidan poderán agruparse nunha candidatura colectiva, que poderá identificarse mediante un nome diferenciador. O nome destas agrupacións de candidatas non poderá incluír, en ningún caso, “Ames Novo”.

Artigo 14. Todas aquelas persoas que desexen optar ás primarias, deberán asinar o seu compromiso de cumprimento do Código Ético da INICIATIVA CIDADÁ AMES NOVO. e, ademais, contar co respaldo de 10 persoas da Asemblea da iniciativa. A estes efectos se considera membro da Asemblea a todas aquelas persoas que asinaron o Manifesto da Iniciativa, e cuxo listado pode ser consultado en prazadeames.org Unha mesma persoa non poderá prestar respaldo a máis de 9 candidatas/os.

Capítulo VII. Campaña electoral.
Artigo 15.
Tres días despois de finalizado o prazo de presentación das candidaturas aos procesos de primarias farase pública a relación de persoas presentadas e a lista completa coa foto e explicación persoal de cada quen.

Artigo 16. A Asemblea da iniciativa garantirá un espazo nos seus medios de comunicación para cada unha das persoas participantes. A distribución destes espazos será en réxime de absoluta igualdade para cada persoa candidata. Cando menos os espazos postos a disposición das persoas candidatas serán: locais de uso público, páxina web, páxina de facebook e lista de distribución de correo. En ningún caso se permitirá o envío postal de propaganda electoral aos domicilios das persoas que integran o censo

No caso de candidatas agrupadas, poderán sinalar na súa campaña a súa condición de pertencente a unha candidatura, podendo utilizar os medios de campaña que lles correspondan de xeito individual ou colectivo, indistintamente.

Artigo 17. A convocatoria de calquera acto electoral oficial deberá comunicarse á Comisión de Primarias e farase público na web e redes sociais de INICIATIVA CIDADÁ AMES NOVO.

Capítulo VIII. Sistema de votación.
Arttigo 18.
As papeletas da votación incluirán os nomes de todas as persoas candidatas ordenados alfabeticamente, comenzando pola letra que se determine por sorteo.

Artigo 19. Cada persoa membro do censo electoral e o seu anexo, poderá votar a un número de persoas candidatas non inferior a 4 e que non exceda o 80% do número de postos que se van a cubrir, redondeados ao enteiro máis próximo ( 80% de 11=8,8. Serían 9 a escoller). As papeletas que inclúan un número inferior a 4 candidatas votadas ou superior a 9 serán consideradas nulas.

Artigo 20. A validez das papeletas interpretarase atendendo aos criterios establecidos na Lei Electoral Xeral.

Artigo 21. Votación: Non se poderá delegar o voto, nin votar por correo.

1. Votación electrónica: na medida das posibilidades técnicas das que dispoña a organización, poderase habilitar un sistema de votación electrónico. Esta votación realizarase en xornadas previas á votación en mesa.

2. Votación na mesa: haberá unha única mesa electoral rotatoria que rotará por diferentes lugares do concello que escollerá a comisión de primarias. Estableceranse os mecanismos necesarios para a custodia dos votos emitidos co fin de preservar a integridade destes ao estar previstos varios días de votación.

3. Na mesa ou mesas electorais haberá un mínimo de tres persoas que escollerá a comisión de primarias que terán a función mínima de presidencia, secretaria e axudante. Poderán formar parte das mesas todas as persoas que llo soliciten anticipadamente á comisión electoral.

4. Para realizar a votación cómpre acreditar a identidade co DNI ou documento legalmente substitutivo.

5. O local da votación será público e poderá permanecer nel calquera persoa interesada.

6. Cada mesa electoral levantará acta da Xornada de votación onde se fará constar: a constitución da Mesa, as responsabilidades e as persoas que as asumen, representantes de candidaturas presentes (interventoras), hora de apertura e peche, resultado do escrutinio e incidencias habidas, enchendo o modelo que se facilitará.

Capítulo XI. Escrutinio e publicación dos resultados.
Artigo 22.
Escrutinio e publicación de resultados: unha vez rematadas as xornadas de votación, a comisión de primarias realizará o escrutinio dos votos emitidos. A comisión redactará unha acta do escrutinio. A citada acta seralle comunicada a asemblea da iniciativa e faranse públicos os resultados en todos os medios dispoñibles.

Artigo 23. Unha vez finalizado e publicado o escrutinio, a comisión de primarias confeccionará a candidatura segundo os seguintes criterios:

1. Ordenación de acordo co número de votos acadados por cada unha delas.

2. En calquera caso haberá que axustar o resultado anterior aos criterios correctores que se establecen neste regulamento para promover o equilibrio de representación por xçeneros e repartición territorial. Deste xeito, a distribución da orde na candidatura en función dos votos recibidos deberá intercalarse coa adxudicación por parte da persoa candidata que conte con máis votos no criterio de corrección necesario para axustar a listaxe.

3. Criterios correctores:
1. Equilibrio de xéneros: o total da candidatura non pode ter menos dun 50% de mulleres. En todo caso, dentro dos dentro dos 6 primeiros postos terá que haber un mínimo de 3 mulleres. Para os demais postos deberá cumprirse o criterio marcado pola propia lei electoral (non pode haber máis de 3 persoas do mesmo xénero en cada tramo de 5).

2. Representación territorial: Os núcleos de o Milladoiro e Bertamiráns, asi como o conxunto do ámbito rural non poderán en ningún caso estar representados, cada un deles, por menos de 3 dos 11 membros que se elixen para os primeiros postos da candidatura.

3. No caso de empates que se manteñan despois da aplicación dos criterios correctores do apartado anterior, a orde da listaxe resolverase por orde alfabética do primeiro apelido, contando desde a mesma letra aleatoria coa que se ordenase a listaxe da votación. A continuación seguiríanse adxudicando as persoas suplentes.

Capítulo VII. Renuncias e reclamacións
Artigo 24.
No caso de que algunha das persoas elixidas renuncie ao seu posto antes de presentarse a candidatura no rexistro correspondente, este cubrirase segundo os criterios xerais establecidos no artigo 21 deste regulamento.

Artigo 25. Calquera reclamación, alegación, ou impugnación, previa á xornada electoral, presentarase ante a comisión de primarias a cal resolverá antes da xornada electoral.

Artigo 26. Calquera reclamación, alegación ou impugnación, no día da xornada electoral ou despois da mesma, deberá incluír unha motivación breve na acta do escrutinio, resolveranse previamente á ratificación de resultados de forma oficial.

ANEXO AO REGULAMENTO APROBADO POLA ASEMBLEA DA INICIATIVA CELEBRADA O 14 DE MAIO DE 2018

Este anexo será de aplicación para o proceso de eleccións municipais de 2019

Artigo 1. Realizarase un proceso de primarias en dúas fases diferenciadas: Unha para a elección da persoa que vai ser candidata á Alcaldía, e outra na que se ordenarán o resto das que van ocupar os 11 primeiros postos da lista electoral.

Artigo 2. Para candidatarse a encabezar a lista electoral será necesario, ademais de figurar no censo da Inicitaiva Cidadá e ter asinado o Código Éitco, contar co aval de 20 persoas das que integran dito censo. Unha mesma persoa non poderá prestar o seu aval a máis de un/ha candidata/o á Alcaldía

Artigo 3. As persoas que se candidaten a encabezar a lista electoral aparecerán co seu nome e apelidos nunha soa papeleta, ordenadas alfabeticamente a partir da letra que se determine por sorteo.

Artigo 4. Cada elector/a poderá marcar a unha soa candidata/o á Alcaldía ou facelo en branco. As papeletas nas que se vote a máis de unha persoa serán consideradas nulas.

Art.5. En todo o non contemplado neste anexo a fase do proceso de primarias para a elección da candidata á Alcaldía rexerase polo establecido con carácter xeral no Regulamento de Primarias da Iniciativa Cidadá.